No seu día, a independencia de Guatemala, acadada o 15 de setembro de 1821, foi promovida polas élites no poder, descendentes dos antigos colonos, e o motivo principal consistía en eliminar a España como intermediaria económica. Desta maneira, a oligarquía pudo enriquecerse directamente controlando os novos lazos comerciais.
No seu día, a independencia de Guatemala, acadada o 15 de setembro de 1821, foi promovida polas élites no poder, descendentes dos antigos colonos, e o motivo principal consistía en eliminar a España como intermediaria económica. Desta maneira, a oligarquía pudo enriquecerse directamente controlando os novos lazos comerciais.
Despois dun período marcado por ditaduras liberais que servían aos intereses da Compañía United Fruit Company, chegou ao poder Arbenz, de ideoloxía socialista, quen promoveu decididamente reformas agrarias que perxudicaron á citada compañía estadounidense. Esa circunstancia explica o golpe de Estado de 1954 (chamado PBSUCESS) preparado pola CIA. O de Arbenz foi o único período no que gobernou a esquerda neste país centroamericano.
Foron estes acontecementos, xunto á represión desencadeante do goberno golpista, os que levaron á poboación máis pobre e oprimida a organizarse en guerrillas en 1960, comezando así unha das guerras civís máis duras e longas da historia (36 anos), deixando ao seu paso 250.000 mortos e máis de 50.000 desaparecidos. En 1996, coa ONU como intermediaria, firmáronse os Acordos de Paz e comezou a construirse un sistema democrático na República de Guatemala.
Tras o conflito armado, véñense celebrando eleccións periódicas, maioritarias e con dobre volta, con certa normalidade. Trala firma da paz, os observadores internacionais foron declarando as eleccións presidenciais e lexislativas como xustas e libres.
Máis aló do ritual ao uso, para que a democracia se consolidase “de facto” era preciso por en práctica os Acordos de Paz e as recomendacións da Comisión para o Esclarecemento Histórico.
O primeiro goberno democrático, protagonizado por Alvaro Arzú (1996-2000) do Partido de Avanzada Nacional (ultradereita), deixou o cargo sen realizar grandes progresos respecto á impunidade que envolvía o periodo de conflito armado. Renaceron as esperanzas co mandato de Alfonso Portillo que gobernou dende inicios do milenio ata o 2004. Con este presidente non houbo ningún avance por fortalecer o ideario constitucional da forma de goberno, que segundo o artigo 140, é “republicano, democrático e representativo”. A estrañeza é relativa, dado que o partido que pertencía este emblemático personaxe (que fuxiu do país por mor das acusacións de corrupción e malversación de fondos) era o Frente Republicano Guatemalteco. Esta formación foi fundado polo xeneral Efraín Ríos Montt, ditador ao que se lle atribúe a responsabilidade dos maiores xenocidios durante o conflito armado e presidente do Congreso de Guatemala durante o mandato de Portillo.
Oscar Berger gañou as eleccións de 2003 cun movemento de recente creación e resultado da coalición de varios partidos de dereitas, o GANA (Gran Alianza Nacional). A liña seguida por este goberno foi similar aos anteriores. No ideolóxico, a distancia é case inapreciable e todos estes candidatos teñen en común que a financiación para desenvolver a súa campaña electoral provén da oligarquía económica máis poderosa do país, polo que difícilmente poderían traizoar os seus intereses.
Alvaro Colom é o actual presidente, e ocupará o posto de Xefe de Goberno e de Estado ata o 2012. Pertence á Unidade Nacional da Esperanza (UNE) e considérase socialcristián.
Van transcorridos xa 14 anos dende a firma dos Acordos de Paz e a lexitimidade da democracia guatemalteca segue en cuestión. Son frecuentes os asasinatos e amenazas a líderes políticos da esquerda, mentres que, en termos prácticos, pode dicirse que non se rexistrou mudanza política algunha a pesares da sucesión de diversos gobernos. Nesas condicións, resulta difícil construir un compromiso social e efectivo coa democracia. Dos 158 diputados que hoxe compoñen o Congreso de Guatemala, apenas dous son de esquerdas, pertencentes á Unidade Revolucionaria Nacional Guatemalteca (URNG), coalición dos catro grupos guerrilleiros máis importantes do conflito armado.
Pero existen máis razóns que explican a imposibilidade de construir unha verdadeira democracia en Guatemala. No eido estritamente electoral, cabe sinalar as dificultades obxectivas que lastran a libre expresión do sufraxio. As mesas electorais, por exemplo, sitúanse normalmente na cabeceira de cada departamento ou, con sorte, ata se poden atopar nas municipalidades. Ocorre que as infraestruturas neste país son moi escasas, e a orografía non axuda xa que a maior parte do territorio é selvático e montañoso (e neste medio é no que vive a maioría da poboación indixena, inclinada a opcións de esquerdas). O desprazamento para exercer o sufraxio pode ser de grande custo e requirir ata dous días de viaxe.
Ás dificultades do medio cómpre engadir as numerosas irregularidade dos censos electorais. Existen persoas que teñen ata tres partidas de nacemento por mor da inestabilidade de residencia que se rexistrou durante os 36 anos de guerra, e polo tanto poden votar tres veces nos mesmos comicios. Por outra banda, son moitas as persoas que carecen de partidas de nacemento (esta porcentaxe é moi elevada), xa que foron queimadas na guerra para evitar que o exército identificara a aqueles que formaban parte das guerrillas. A restauración destas partidas é moi cara, e a maioría da poboación non pode asumilo custo.
Por último, cabe sinalar o caso de moitas mulleres que simplemente non se rexistran porque se da por feito que non dispoñen dunha educación regrada. Cómpre engadir tamén que se rexistraron en ocasións votos de emigrantes que non se atopaban no país durante a xornada electoral ou ata sufraxios de persoas xa falecidas.
En suma, son moitos os motivos que obstaculizan unhas eleccións certamente democráticas, garantindo o dereito de todos os cidadáns a exercer o sufraxio e a súa transparencia. Estas condicións lastran a lexitimidade do sistema, garanten a continuidade sen sobresaltos do dominio oligárquico e impiden, de facto, a consumación dunha mínima alternancia que dea cabida ás expectativas dos diferentes sectores sociais. Con estes antecedentes, non soamente cabe cuestionar a pureza do sistema electoral, fonte primaria da lexitimidade do poder público, senón mesmamente a competencia dos observadores internacionais que cada catro anos revalidan a súa validez sen que as súas misións contribúan en modo algún ao perfeccionamento dunha democracia feble en extremo e ateigada de sombras.