Unha análise de Briaxis Fernández Méndez

As viravoltas do soño ucraíno

Que a Constitución ucraína é unha bomba-reloxo institucional non é ningún segredo. Ao combinar elementos dun rexime parlamentar cun forte componente presidencialista, a Carta Magna aprobada en 1996 favorece a consolidación de dous centros de poder: un ao redor do executivo — simbolizado polo rañaceos stalinista do Consello de Ministros na rúa Hrushevskyi — e outro localizado na rúa Bankova, onde se encontra a Administración Presidencial.

Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Rusia Ucraína Poroshenko
Idiomas Galego

Que a Constitución ucraína é unha bomba-reloxo institucional non é ningún segredo. Ao combinar elementos dun rexime parlamentar cun forte componente presidencialista, a Carta Magna aprobada en 1996 favorece a consolidación de dous centros de poder: un ao redor do executivo — simbolizado polo rañaceos stalinista do Consello de Ministros na rúa Hrushevskyi — e outro localizado na rúa Bankova, onde se encontra a Administración Presidencial.

A renuncia de Arsenii Yatseniuk após meses de brazo de ferro co presidente Petro Poroshenko, como no seu momento a ruptura entre Yuliia Tymoshenko e Viktor Yushchenko, ilustra as dificultades dunha cohabitación que ten máis a ver coa loita por cotas de poder do que con diferenzas ideolóxicas as máis das veces inexistentes. A elección como primeiro ministro de Volodymyr Hroisman — un protexido de Poroshenko — podería reducir temporalmente a tensión, mais non elimina as súas causas profundas.

O sistema forxado durante os dous mandatos de Leonid Kuchma tense revelado tan incompatíbel coa estabilidade política como eficaz á hora de perpetuar a influencia dos clans oligárquicos. A existencia de dous polos concorrentes garante un precario equilibrio e o control por parte de intereses privados das principais empresas estatais. Iso explicaría tamén a falta de incentivos para a súa reforma, pois calquera mudanza provoca unha reacción defensiva dos “prexudicados”.

Non sorprende, xa que logo, que a única tentativa de reforma a serio fose, por agora, a emprendida por Kuchma e retomada por Viktor Yanukovych, que en troca da creación de institucións independentes visaba o fortalecemento da autoridade presidencial, co xefe do estado como “primeiro oligarca” do país. Un modelo aplicado con suceso por Putin na Rusia, mais que na Ucraína conduciu á Revolución Laranxa e á queda de Yanukovych en febreiro de 2014. 

O terremoto político de hai dous anos culminou coa fuxida do presidente, horas despois de ter asinado un acordo de transición auspiciado pola UE. A oposición asumiu o poder no medio dun clima de desconfianza xeral — mesmo entre os participantes nos protestos, que sentiran o acordo con Yanukovych como unha traizón. O xefe do goberno provisorio, Arsenii Yatseniuk, comparouse daquela cun “kamikaze” disposto a se inmolar politicamente polo ben dun país en guerra á beira da falencia.

A sociedade exixía unha renovación completa, e na elección presidencial de maio de 2014 apostou no candidato que prometía “unha nova vida”, o empresario Petro Poroshenko. A súa condición de cofundador do Partido das Rexións de Yanukovych e ministro nos gobernos de Yuliia Tymoshenko e Mykola Azarov, non lle impediu presentarse como un outsider.

Desde o inicio da súa presidencia, Poroshenko non ocultou o seu desexo de contar cun goberno máis submiso e obediente á Bankova. Con este fin convocou eleccións parlamentares para o día 26 de outubro, ás que os seus afíns concorreron so o nome Blok Petra Poroshenka (BPP), co ex-ministro do Interior de Tymoshenko e preso político da era Yanukovych, Yurii Lutsenko, como número un.

O presidente declinara a oferta de coligazón preelectoral formulada por Yatseniuk. Nas listas do BPP encontráronse finalmente representantes da sociedade civil e de aliados como o alcalde de Kyiv Vitalii Klychko, mais tamén “homes de negocios” coñecidos pola súa boa relación cos predecesores de Poroshenko. O obxectivo era repetir os bos resultados de maio e encomendar a formación do novo goberno a Volodymyr Hroisman, ex-alcalde de Vinnytsia.

Contra todo o prognóstico, a formación máis votada en outubro foi o Narodnyi Front (“Fronte Popular” ou “Nacional”) do aínda primeiro ministro e dos seus socios, o que fora presidente interino entre febreiro e xuño de 2014, Oleksandr Turchynov; e o ministro do Interior Arsen Avakov. O BPP recibira apenas a metade dos votos obtidos en maio polo seu líder. A maioría dos analistas atribuíu a diferenza á estratexia de Poroshenko no conflito do Donbás.

Nos meses de xuño, xullo e durante as primeiras semanas de agosto, a Ucraína conseguira recuperar a maior parte dos territorios controlados polas autodenominadas “repúblicas populares” de Donets'k e Luhans'k. Porén, no final de agosto, coa intervención directa da artillaría rusa, o exército ucraíno sofreu as maiores perdas desde o inicio da guerra, véndose obrigado a se retirar. A morte de centos de soldados ucraínos na batalla de Ilovais'k supuxo un punto de non retorno, tamén en termos políticos.

O primeiro protocolo de Minsk, negociado en setembro grazas á mediación da Francia e a Alemaña, non foi ben recibido na Ucraína. Tymoshenko e a Fronte Popular criticaron a vaguidade do acordado e os incumprimentos da Rusia e as milicias rebeldes. O bo resultado de ambos, e tamén do populista Oleh Liashko, pode ser interpretado como unha censura á xestión do conflito por parte de Poroshenko, mais tamén como resistencia da sociedade a colocar aínda máis poder nas mans do presidente.

Yatseniuk foi o grande vencedor dunhas eleccións que trouxeron un novo sistema de partidos, coa desaparición do Partido Comunista, o fracaso da extrema dereita e a reorganización do Partido das Rexións so a marca Opozyciinyi Blok (“Bloco de Oposición”). Outra importante novidade consistiu na presenza de activistas e personalidades da sociedade civil, os máis deles como independentes nas listas da Fronte, o BPP ou o centrista Samopomich (“Autoaxuda”) do alcalde de L'viv, Andrii Sadovyi.

O aspecto máis comentado do segundo goberno de Yatseniuk (formado pola Fronte Popular, o BPP e o Bat'kivshchyna, co respaldo do Samopomich e do Partido Radical de Liashko) foi sen dúbida a entrada de varios tecnócratas estranxeiros. A sociedade depositou grandes esperanzas no traballo dos ministros estranxeiros. Mais non faltou quen alertase para a súa escasa influencia real e descoñecemento da realidade ucraína, suxerindo que se trataba dun ecrán de fume para ocultar a continuidade das redes clientelares.

A equipa de Yatseniuk obtivo algúns sucesos, sobre todo na primeira metade de 2015. Evitouse unha falencia que semellaba inminente. O Banco Nacional da Ucraína conseguiu estabilizar o curso da hryvnia após dous anos en queda libre. A inflación recuou moderadamente. E o desemprego, aínda que maior do que en 2013, reduciuse con respecto a 2014. Segundo algúns expertos, a Ucraína terá comezado a saír da recesión.

A aposta na diversificación enerxética permitiu reducir a dependencia da Rusia, aínda que isto significase un importante aumento das tarifas para os consumidores. Foi creado un novo corpo de Policía, que veu a substituír a corrupta Milicia. Os batallóns voluntarios foron integrados na Garda Nacional dentro dun cadro legal estábel. Aprobouse unha nova lei da función pública para a despolitizar e acabar con privilexios, e adoptouse un novo sistema electrónico de adxudicacións que debe reducir as irregularidades nos concursos.

Avanzouse na harmonización das normas ucraínas e europeas nos ámbitos afectados polo Acordo de Asociación e libre comercio coa UE (mais tamén noutros: en novembro de 2015, por exemplo, foi aprobada unha reforma lexislativa contra a discriminación laboral por motivos de orientación sexual). E elimináronse entrabes burocráticos que dificultaban o investimento estranxeiro no sector primario, con resultados por agora modestos.

Ficou pendente a reforma da xustiza e a renovación persoal de xuíces e procuradores (fiscais). A oposición do ex-procurador xeral Viktor Shokin á creación dun novo organismo anticorrupción independente confirma que se trata — xunto coa reorganización da policía de fronteira, o servizo de aduanas e a inspección fiscal — dun requisito indispensábel para unha loita máis eficaz contra a fraude (nun país en que a economía informal representa case 40% do PIB).

Sen unha profunda transformación do sistema político, a comezar pola lei electoral e o financiamento dos partidos, os oligarcas continuarán a vetar calquera reforma contraria aos seus intereses. Coa excepción da transformación da compañía estatal de camiños de ferro nunha sociedade anónima (de capital público, mais independente do executivo), todas as tentativas de reorganizar as empresas de titularidade pública resultaron en fracasos.

En marzo de 2015, o entón gobernador de Dnipropetrovs'k, Ihor Kolomois'kyi, non hesitou en enviar un batallón armado á sede de Ukrtransnafta, unha empresa formalmente estatal, mais xestionada por el desde hai décadas. Kolomois'kyi tivo de renunciar ao cargo de gobernador, no que foi o episodio máis espectacular da repartición dos grandes conglomerados enerxéticos entre os principais grupos de influencia políticos e económicos. Para evitar que o sector ficase so o control de Poroshenko, o goberno tomou o partido de oligarcas como Kolomois'kyi e Rinat Akhmetov.

Despois do verán, o conflito entre o presidente e o primeiro ministro continuou a escalar. Á renuncia en xaneiro do deputado da Fronte Popular Mykola Martynenko, investigado por subornos na Suíza e a República Checa, sumaríase en febreiro a demisión do ministro da Economía Aivaras Abromavičius, que denunciou as continuas intromisións no traballo do ministerio do deputado do BPP e amigo persoal do presidente, Ihor Kononenko. O escándalo provocou a desconfianza dos parceiros internacionais e o conxelamento dos créditos do FMI.

Poroshenko aproveitou a crise da coligazón para pedir publicamente a demisión do primeiro ministro e a formación dun novo goberno. No día 16 de febreiro, o Parlamento declarou “insatisfactoria” a acción do goberno, para inmediatamente despois negarse a lle retirar a súa confianza. O contraditorio resultado desta segunda votación fechaba a vía parlamentar para desaloxar Yatseniuk, pois a Verkhovna Rada non pode pronunciarse sobre a continuidade do goberno máis dunha vez en cada período de sesións.

Sen o primeiro ministro se ter demitido nin o Parlamento o ter destituído, e a pesar das reticencias dos aliados externos (e especialmente dos Estados Unidos), Poroshenko iniciou contactos para formar un novo executivo. Falouse da ministra das Finanzas Natalie Jaresko como posíbel xefe dun gabinete de tecnócratas. Mais coa saída dos socios minoritarios (o Partido Radical, en setembro, en desacordo co segundo protocolo de Minsk; e os partidos Samopomich e Bat'kivshchyna en febreiro), a hipótese dun primeiro ministro sen apoios no Parlamento parecía pouco realista.

Restaban apenas tres opcións: disolver a Rada e convocar eleccións, que o BPP previsibelmente perdería; manter Yatseniuk no cargo até o outono e tentar daquela unha nova manobra parlamentar; ou convencelo para se demitir da súa propia vontade. Esta última opción era a única aceptábel para o presidente, algo que o aínda primeiro ministro soubo aproveitar: en troca da súa renuncia, Yatseniuk obtivo a revogación da censura parlamentar do seu goberno; a permanencia de Arsen Avakov no ministerio do Interior e de Pavlo Petrenko no da Xustiza; e a presidencia do Parlamento para a Fronte Popular.

Como consecuencia da demisión de Abromavičius, reduciuse substancialmente a presenza estranxeira no executivo. O ex-ministro eslovaco Ivan Mikloš e o polaco Leszek Balcerowicz declinaron o convite para substituír Jaresko, a quen sucedeu Oleksandr Danyliuk, representante de Poroshenko nas conversas co FMI. A ministra da Educación, Liliia Hrynevych, o ministro das Infraestruturas Volodymyr Omelian e a viceprimeira ministra para cuestións relacionadas coa integración europea, Ivanna Klimpush-Tsintsadze, conforman a “ala reformista” do goberno.

Con Hroisman na rúa Hrushevskyi e Lutsenko como novo procurador xeral, Poroshenko alcanzou finalmente o seu obxectivo, mais perde as súas dúas principais alavancas de influencia no Parlamento. O novo goberno, percibido como un proxecto persoal do presidente, xa está a ser albo dos ataques da oposición, que se prepara para a corrida presidencial de 2020. De resto, Hroisman podería tentar emanciparse da tutela da Bankova, e xa desafiou Poroshenko ao exixir varios ministerios para persoas da súa confianza na véspera da súa investidura.

Máis unha vez, as inercias do sistema ameazan con frustrar os desexos de mudanza. A elite formada na década de 90 ocupa aínda as institucións e bloquea a súa reforma. As demandas do movemento “Ucraína sen Kuchma” — as mesmas que se ouvirían durante a Revolución Laranxa e a revolta de hai dous anos — non deixaron de ser actuais.

Porén a Ucraína de 2016 non é a mesma de 2000, 2004 ou mesmo 2013. A paciencia da sociedade esgotouse coas primeiras mortes no Maidan, e a sombra dunha guerra nunca declarada acelerou procesos que até entón avanzaban moi lentamente. O que hai vinte anos eran os valores da Ucraína central e occidental é hoxe proxecto común da maioría dos ucraínos, con independencia da súa lingua, confesión ou procedencia. Mais a realización do soño dunha Ucraína verdadeiramente independente e capaz de aproveitar o seu potencial non depende apenas deles.