China: ¿un Presidente de palla?

A elección de Hu Jintao como Presidente do Estado chinés culminou as sesións da Asemblea Popular Nacional. Asi mesmo, neste macro encontro que todos os anos se reúne durante dúas semanas, foron renovadas as principais instancias do poder no xigante oriental: Wu Bangguo, en lugar de Li Peng; Wen Jiabao, en lugar de Zhu Rongji. Jiang Zemin, conservaría a presidencia da Comisión Militar Central. Á fronte da Conferencia Política Consultiva, Jia Qinglin substitúe a Li Ruihan. Como figura clave da nova situación: Zeng Qinghong, vicepresidente do Estado e o principal home de confianza de Jiang Zemin.

Non houbo sorpresas. Pero o sorprendente do relevo, amplísimo e de golpe, non é soamente que se producira de xeito totalmente pacífico e exento de tensións, por primeira vez na historia da República Popular, senón tamén conforme a un plan trazado en vida do propio Deng, hai xa máis de dez anos. O artífice da reforma fixou a súa atención en Hu Jintao e procurou para el os principais destinos na institución partidaria (especialmente a rectoría da Escola Central do PCCh) para “templalo” adecuadamente e preparalo para dirixir China, salvagardando as esencias do denguismo (reforma sen cambio).

Jiang Zemin respectou a vontade de Deng, reforzada cun amplo nivel de acólitos propios que asegura a propia pervivencia das súas aportacións (os oito puntos en relación á unificación con Taiwán ou as tres representacións en relación ó futuro da reforma). A pesar de dúas décadas de cambio en China, o poder se exerce aínda a través das persoas afíns e non das leis que contan con estructuras febles. A fidelidade, piar esencial no pensamento confuciano, vertebra hoxe os vencellos establecidos nas redes partidarias.

A capacidade de manobra de Hu Jintao é moi limitada. Vai precisar dun primeiro mandato (cinco anos) para ir construindo a súa propia base de poder, cousa que non lle será doada en tanto viva Jiang Zemin, manteña a presidencia da Comisión Militar Central e garanta a máxima influencia no Comité Permanente do Buró Político a través do seu delfín Zen Qinghong, tres anos maior que Hu, sen aspiracións a sucedelo, salvo imponderables de forza maior. Semellante estado de cousas reforzará a colexialidade do actuar dos líderes chineses.

O equipo dirixente chinés, no Partido e no Estado, ofrece un bloque sen fisuras, tanto no político coma no ideolóxico. Pero deberán afrontar unha situación internacional moi complexa e da que non poden substraerse. A fin de contas, son moitos os que consideran que detrás dos grandes movementos estratéxicos de Estados Unidos (Asia Central, Oriente Medio) non hai máis que o desexo de cercar a China e dificultar a súa consolidación como potencia rival nos próximos 10-15 anos. Cunha longa historia e tradición, cando queren, os chineses saben ser mestres na delicadeza diplomática, pero resultaralles moi difícil manter unhas relacións “normais e privilexiadas” cunha Administración norteamericana que sabotea deliberadamente a súa concepción das relacións internacionais e da política exterior.

Se a isto unimos a comodidade con que Hu Jintao se expresa no discurso nacionalista, non todos poden ser “días de viño e rosas” nos próximos anos.