Pinochetismo internacional

Cruzouse o rubicón e agora, as tropas angloestadounidenses non lles queda outra opción que chegar ata o final: destruir o réxime de Sadam e facerse co control do país. O nivel de belicosidade non será máis nin menos que o necesario para acadar ese obxectivo. O inicio das hostilidades é clara consecuencia da declaración "pinochetista" das Azores que representa un auténtico "golpe de estado" que subverte a legalidade internacional.

Os gobernos árabes da rexión rezan para que a campaña sexa o menos longa posible, temerosos na maioría dos casos dunas opinións públicas indignadas ante a falta de argumentos sólidos para desatar unha guerra destas proporcións e que non ten outro obxectivo último que o control das reservas do crú iraquí. Co seu dominio e dos gasoductos de Afganistán, Washington se garante prácticamente o abastecemento das súas necesidades enerxéticas e propicia un severo revés á propia OPEP.

Se a victoria é rápida, o Pentágono pode imaxinar novos escenarios. Irán e Corea do Norte forman parte do eixe do mal, pero Arabia Saudí alberga serios temores de desestabilización interna. Henry Kissinger sinalaba a Corea do Norte coma o próximo destinatario das iras pacificadoras de Bush.

A victoria militar estadounidense semella asegurada. Estamos a falar, en termos orzamentarios, de 355.400 millóns de dólares fronte a 2.000 millóns de dólares; dunha alta tecnoloxía militar fronte a dispositivos totalmente arcaicos… pero a victoria na guerra non garante a pacificación nen a estabilidade. En Afganistán, o control de Cabul, a capital, e a designación dun xefe de Estado, Karzai, vello consultor da petroleira Unocal, non impide que as forzas norteamericanas deban enfrontar episodios armados. En Chechenia a guerra non acabou, pese á ocupación rusa. A poboación palestina resiste con pedras a ofensiva permanente dun dos exércitos mellor preparados do mundo.

O Iraq post-Sadam pasa pola co-administración do país por parte do Congreso Nacional Iraquí, unha coalición ampla e moi plural que existe por presión de Estados Unidos. Será moi díficl conciliar despois de Sadam as diferentes tendencias. Os curdos soñan cun Estado propio que Turquía nunca admitirá. Os xiítas soñan con achegarse ao veciño Irán. Quedaría un resto sunita para representar a ese 34,5 por cento da poboación. A integridade territorial será clave para evitar a descomposición. E non será doada.

As consecuencias que abre o pinochetismo internacional para a sociedade mundial son incertas en todos os campos: na carreira de armamentos, na proliferación do terrorismo como única resposta ante a inxustiza e o abuso de poder. E sitúa na picota a capacidade dos estados para dotarse de instrumentos legais que permitan resolver as súas diferencias pola vía pacífica e dialogada. Moitos, en Europa, en Asia, tirarán as conclusións debidas do actuar dunha hiperpotencia que despreza a lei e non admite outro principio que o da prepotencia.