Congreso en China

O Congreso que o Partido Comunista de China (PCCh) celebra estas días de novembro en Beijing é dunha gran relevancia. En primeiro lugar, pola renovación do liderado, que será dos máis amplos dos últimos tempos. Trala secuencia da expulsión do xefe do partido en Chongqing, Bo Xilai, que axitou as augas internas ameazando con desartellar a filigrana consensual que resume os equilibrios no cumio, todo pareceu volver ao rego, se ben algunhas incertezas permanecen. Será toda unha proba para ditaminar a fortaleza dos mecanismos de institucionalización sucesoria que regulamentan a peculiar alternancia chinesa sometida a tensións internas de certo calado nun contexto de acusada dilución do poder.

Apartados xeográficos China y el mundo chino
Idiomas Galego

En segundo lugar, porque debe resumir as vigas mestras que deben relanzar a reforma, sobre a que pesa a sensación de parálise e encrucillada. Isto afecta á decisión clave respecto ao relanzamento do medre da economía nun entorno de crise global e ao modelo económico a aplicar, especialmente no que atinxe ao redimensionamento das magnitudes do público e privado no conxunto do sistema, ata agora obxecto dun calculado binomio que preserva o control básico por parte do PCCh dos principais segmentos estratéxicos, outorgándolle capacidades significativas para influír no rumbo da economía.
Pero tamén pesará a adiada reforma política que algúns observadores sitúan no centro dos debates tras converter a democracia no asunto clave do congreso realizado hai cinco anos. Dende entón pouco ou nada se andou. Non é que China teña que copiar sen mais as formas e maneiras da democracia de Occidente, tan en horas baixas por outra banda, pero si de abrir espazos a unha maior participación e control cívicos, a unha asunción de maiores responsabilidades e liberdades colectivas, eclipsando progresivamente ese paternalismo autoritario que segue a encarnar un PCCh progresivamente asimilado á actualización da milenaria burocracia confuciana.

A sociedade chinesa ten experimentado profundos cambios na última década. As  promesas de equidade e xustiza, desautorizadas por unha realidade que as nega a cotío, non abondan para calmar os ánimos e sitúan ao PCCh ante a disxuntiva de demorar ou non cambios inevitables. Algunhas voces que reclaman, tras máis de tres décadas de reforma, o urxente deseño do seu teito poderían agora atopar maiores ecos para as súas propostas. Sen prexuízo do gradualismo que incorporan iniciativas como a democracia incremental, a configuración de mecanismos proactivos que eludan ese pánico visceral do PCCh a todo control fóra de control semellan inevitables para recuperar a credibilidade lastrada pola corrupción. Sen habilitar espazos institucionais para dar cabida á autonomía social corre o serio risco de verse abocado a experimentar vulnerabilidades maiores. O mero crecemento, con ser importante nunha sociedade sobre a que penden aínda tantos déficits materiais, xa non o garante todo.