20041008st louis debate kerry bush

Dr Kerry e Mr Bush

 Clic para aumentar
Non obstante o recoñecido papel estimulador do interese e da participación, os grandes debates entre os principais candidatos móvense cun nivel de condicionantes tal que impiden a mínima espontaneidade reducindo o perigo para os contendentes de xerar cambios de opinión moi pronunciados. (Foto: Kerry e Bush tralo segundo debate presidencial no campus da Universidade de Washington en St Louis, Kerry-Edwards 2004, 08/10/2004).
 

Nunha viñeta publicada hai unhas semanas no International Herald Tribune e que levaba por titulo "Alternancia á americana", un Kerry remangado e cunha man no micrófono diríxese á audiencia para dicir: "Eu tería invadido Iraq, bombardeado Bagdad e acabado con Saddam doutra maneira…". A pesar de ser isto certo, "Calquera cousa menos Bush", agrupando a músicos, actores e todo tipo de "anti-patriotas", afírmase como un movemento case desesperado para evitar o trunfo de Mr Bush e unha evidencia tanto da pobreza da política norteamericana coma do rexurdir dun compromiso elemental da sociedade civil. Se no exterior poucos son os indiferentes ante estes comicios, entre os electores estadounidenses anímanse os preparativos para ese decisivo 2 de novembro.

Estas liñas publicaranse ao día seguinte de celebrarse o derradeiro debate, o previsto en Phoenix, entre os dous principais candidatos e que debe versar sobre cuestións de política interior e económica. Nos dous primeiros, nos que a política exterior estivo moi presente, en especial a guerra de Iraq, Kerry saíu victorioso, pero cunha escasa marxe de vantaxe sobre Bush. Ese virtual empate técnico pode activar o interese da cidadanía e propiciar unha mobilización inusual da sociedade norteamericana. Vai ser moi necesaria, pero ten en contra o acelerado descrédito, incluso, dos medios de comunicación, cada vez mais asociados ós intereses duns grupos empresariais propietarios que non ocultan as súas preferencias políticas.

Non obstante o recoñecido papel estimulador do interese e da participación, os grandes debates entre os principais candidatos móvense cun nivel de condicionantes tal que impiden a mínima espontaneidade reducindo o perigo para os contendentes de xerar cambios de opinión moi pronunciados. Aquí apréndese de todo. Organizado minuciosamente por fontaneiros de luxo das dúas bandas (James Baker e Vernon Jordan, por Bush e Kerry, respectivamente) a través dun protocolo de 32 páxinas, son obxecto de especial coidado todos os detalles necesarios para garantir a igualdade das partes contendentes, non soamente en canto aos temas e as formas do debate, mesmamente para que o espectador non se decate, por exemplo, da diferencia de altura que os separan (13 cm lévalle Kerry a Bush) ou dos problemas de transpiración de Kerry que impón aos organizadores unha climatización especial da sala.

Os matices de Kerry poñen o acento na recuperación da credibilidade internacional buscando un novo consenso cos aliados tradicionais e unha nova relación cos países árabes musulmáns. E noutra evidencia contundente, a que lembra o debilitamento da guerra contra o terrorismo por mor da estratexia da guerra contra Iraq. Ata agora estivo escasamente presente a outra gran acusación principal contra Bush, lembrada recentemente por Richard Reeves no New York Times: a de ser un incompetente vocacional, rodeado de incompetentes profesionais.

Pero segundo os expertos electorais todo dependerá do voto feminino. Renée Loth, redactora do Boston Globe, asegura que o 58% dos indecisos son mulleres. Nas eleccións de 2000, 40 millóns se abstiveron. Kerry vai por diante de Bush no voto feminino, un colectivo específico de significación tan crucial coma o xudeu, o hispano ou o afroamericano. O que algúns denominan o "eixe de Eva" vai ter a última palabra para revirar a paisaxe política de EEUU.