200512evo morales

Entre tendencias

 Evo Morales, clic para aumentar
Resulta evidente o interese orixinado polas mudanzas rexistradas en países importantes de América Latina. Esas tendencias, reforzadas agora co cambio boliviano, poderían confirmarse en 2006, acentuando o perfil autónomo dunha rexión que pugna por saír do atraso e o subdesenvolvemento no que a tiveron sumida décadas de dominio externo e políticas e actores locais nin remotamente comprometidos cos anhelos dos máis febles. Chegou o tempo dos marxinados e os reloxos deben ser postos en hora. (Foto: Evo Morales, novo presidente electo de Bolivia).
 

En catro poderíamos resumir as principais variables da xeopolítica mundial que ao longo do presente ano confirmaron a súa presenza e actualidade: EEUU, Europa, China, América Latina. Comezando por esta última, resulta evidente o interese orixinado polas mudanzas rexistradas en países importantes deste hemisferio. Esas tendencias, reforzadas agora co cambio boliviano, poderían confirmarse en 2006, acentuando o perfil autónomo dunha rexión que pugna por saír do atraso e o subdesenvolvemento no que a tiveron sumida décadas de dominio externo e políticas e actores locais nin remotamente comprometidos cos anhelos dos máis febles. Chegou o tempo dos marxinados e os reloxos deben ser postos en hora.

China, con esa noticia recente de que todas súas estatísticas económicas deben ser revisadas ó alza para confirmarnos que o valor da súa riqueza situaríana na cuarta posición mundial, estase adentrando en tempos turbulentos. No interno, a luz vermella das desigualdades está acendida, tal como destacou o informe do PNUD hai escasas semanas, cun nivel acrecentado de disparidades que esixen unha implicación pública intensa a fin de recuperar un mínimo equilibrio. A falla de compromiso efectivo cos máis febles erosiona o liderado do Partido Comunista, comprensivo e tolerante de máis coa ausencia de respecto á lei por parte dos novos empresarios que superan, sempre con diñeiro a granel, todas as trabas dun sistema que semella confiar de máis nos beneficios da caridade e a filantropía ca na modernización das políticas públicas, a gran ausente nas reformas. Por fortuna, as relativas melloras nas relacións con EEUU e coa oposición de Taiwán reducen preocupacións na axenda de Hu Jintao.

Europa, sen pena nin gloria, á espera de tempos mellores, segue a contemplar dende o peculiar outeiro británico a escaseza de ideas e de proxectos para recuperar o propio impulso, quer no ámbito interno ou internacional. Polo momento, a ampliación semella que influíu máis no afrouxamento que na dinamización. Á espera de como se desenvolvan as cousas no estraño bipartito alemán e no desenlace francés, Europa segue no diván, convalecente dunha non tan estraña enfermidade, a crise de crecemento con perda de orientación.

Por último, en Washington semellan soprar ventos noutra dirección. O fascismo da actual administración Bush queda máis en evidencia cada día que pasa, unha vez coas escoitas e o control da vida privada dos cidadáns, outra coa admisión da tortura e demais tratos inhumanos e degradantes. O terrorismo, a palabra máxica que todo o eclipsa dende case un lustro, vai perdendo forza no imaxinario duns cidadáns aínda aturdidos pero que van abrindo os ollos ante a manipulación de que son víctimas. No ámbito externo, a complexidade da situación iraquí e o agravamento das tensións na rexión (Irán) deixan en claro a imposibilidade de que o simple mantemento da orde poida depender dun só xendarme.

Aínda que o cumio da reforma da ONU resultara un fracaso, é evidente que a reforma de facto do sistema mundial está en curso, se ben será produto da presión dos cambios orixinados na periferia do sistema e non no seu epicentro institucional, aqueixado dun conservadorismo inadaptado e incapaz de dixerir as tendencias do tempo que ven.