Orixinalmente publicado o 28 de xuño no blog do autor "La libertad en el siglo XXI"
Creative Commons 4.0 Russian Presidential Executive Office (2020)

Erdogan está máis débil, tamén Putin. Tempos de repensar a OTAN

A reacción da parte máis moderna, urbana i europea non poido evitar, por pouco, que Erdogan repita mandato, trala segunda volta das eleccións, celebrada o 28 de maio. Leva 20 anos á fronte de Turquía, antes como primeiro ministro e, desde o 2014, como Presidente, despois de cambiar a Constitución de modelo parlamentario a presidencialista, con máis poder para o xefe do Estado, elixido directamente polo pobo. É o sistema preferido polos que teñen vontade autoritaria, que ademais tenden a saltarse a limitación de mandatos, precaución necesaria para evitar unha deriva ditatorial nestes réximes.
Liñas de investigación Relaciones Internacionales
Palabras chave Erdogan OTAN

Nos 5 vindeiros anos veremos máis do mesmo: Erdogan, Corán en mano, apoiando á variada fauna de autócratas da zona, limitando a liberdade de expresión e os dereitos das mulleres e dos colectivos LGTBI. Continuará perseguindo ao Partido Democrático dos PoBos (HDP) que loita por maior autonomía para a minoría kurda, establecida sobre unha zona do leste do país onde o outro candidato a Presidente, o popular alcalde de Estambul Kemal Kilicdaroglu, conseguiu vencerlle. O mesmo ocorreu nas zonas máis occidentais e nas grandes cidades. O HDP foi quen rematou coa loita armada no Kurdistán turco e presenta listas con igual número de homes e de mulleres, incluíndo tamén a membros da comunidade LGTBI. O macho alfa nacionalista Erdogan non os atura, acúsaos de terroristas e ten a miles deles na cadea.

Cousas parecidas pódense dicir de Putin, cambiando Corán por Biblia, versión ortodoxa rusa, e kurdos por ucraínos. Dirixentes nacionalistas, apoiados na relixión, morriñosos de imperios disolutos, que presiden países aos que empurran apelando á recuperación de espazos veciños que consideran seus. Por iso lévanse ben, por iso Erdogan adíaba a entrada de Suecia na OTAN, alegando que no lle fai entrega de refuxiados políticos kurdos que considera terroristas.

Ambos utilizan as eleccións como pura liturxia de lexitimidade democrática. En setembro, Putin pretende validar as conquistas no leste e sur da Ucraína mediante eleccións amañadas nesa zona nas que votaría a minoría pro rusa baixo a vixilancia dos rifles. Iso se chega ata alí con capacidade, en Moscú e no campo de batalla, para poder facelo. A curta sublevación do grupo Wagner proba que as cousas complícanselle ao novo zar, como lle pasa ao seu amigo, o sultán turco, a piques de perder unhas eleccións.

Os salvapatrias que queren retornar a un pasado glorioso están en ascenso en moitos lugares. As causas principais da súa popularidade entre os segmentos menos cultos da poboación son a crecente liberdade de mulleres e colectivos LGTBI, e a crise do estado nación, difícil de adaptar a un mundo moi poboado e interconectado (I). A integración supraestatal de Europa, un camiño para ir superando esta segunda circunstancia, encontra a resistencia do populismo nacionalista. Foi a orixe do Brexit e vémolo tamén aquí. Os seus seareiros deberían observar os efectos negativos que supuxo para o Reino Unido a saída da UE, a erosión das liberdades nos países orientais do noso continente dirixidos por dirixentes populistas e os problemas de Erdogan, Putin e Trump. Camiñar para atrás sempre é caro e perigoso.

Se confiamos en que a UE reforce o seu papel como alternativa de organización institucional para un futuro máis sensato, promovendo o exercicio dos dereitos democráticos e a protección dos equilibrios ecolóxicos, debe avanzar nunha defensa común. Lembrábanolo, ai poucas semanas, o expresidente da Comisión, José Manuel Durâo Barroso, nunha conferencia que ofreceu en Madrid. Dixo que, empurrada pola invasión de Ucraína, u UE estaba abandonando a “adolescencia xeopolítica” e daba pasos na dirección do que pedía o Tratado de Lisboa (2009): desenvolver a identidade europea en seguridade e defensa.

O principal problema para camiñarmos nesa dirección é a OTAN, resto da Guerra Fría convertido en mecanismo dos EEUU para someter Europa ao seu liderado e aos seus intereses, e desculpa para que Putin xustifique o seu expansionismo, con a discreta colaboración do seu amigo Erdogan ¡que está dentro da OTAN!. Hai que empezar a planificar como desmontar Esa organización, á que xa non se deberían incorporar novos países, e estar preparados para abordarmos os cambios ao rematar o conflito de Ucraína.

  1. Estes dous temas desenvólvense nos dous últimos capítulos do ensaio do autor A Liberdade no século XXI (Galaxia 2017)