20051109franza vehiculo incendiado

Ilusións

 Disturbios en Franza, clic para aumentar
Na década dos 90 do século XX, en Francia existían 200 barrios difíciles; na actualidade hai 900. A decepción é a nota dominante entre estas comunidades, resentidas polos prexuízos de moitos franceses ante o seu comportamento, as capacidades e os seus logros. As diferentes políticas orientadas a manter o problema durmido e baixo control nunca deron resultados reais en forma de integración e ao reducilas nos últimos anos, o estoupido só agardaba un motivo. A integración da poboación inmigrante terá que vir pola vía do emprego, da equidade salarial e en forma de promoción, en idénticas condicións ao resto dos franceses. Do contrario será difícil evitar que sintan decepción, humillación ou abandono.
 

De ilusións tamén se vive. Pero non por moito tempo. André Maurois dicía que falar de ilusións é admitir á vez que existe unha realidade non ilusoria. Os sucesos acaecidos en Francia dende inicios de novembro situaron na axenda política continental unha realidade que, efectivamente, resulta moi pouco edificante. Non só advirten das dificultades dunha política de asimilación como a aplicada polas autoridades galas, senón, sobre todo, do fracaso, por insuficientes, das políticas de amortiguación dos conflitos sociais. Que acontecera en Francia, onde o acento na igualdade cívica é un dogma incuestionable nas políticas públicas e onde a tradición de inmigración remontase a máis dun século e medio atrás, agrava a dimensión das tensións rexistradas.

As causas do sucedido son múltiples e atinxen aspectos como as políticas locais referentes a inmigración, educación, desocupación, discriminación racial, etc. Francia practicou sempre un modelo propio de integración da poboación inmigrante a través da socialización escolar, orientada a favorecer a súa asunción dos valores da República. Non obstante, as condicións económicas e sociais, tamén familiares, dificultaron esa socialización. A presencia de fillos de inmigrantes nas Universidades é moi minoritaria e a súa integración posterior no mundo do traballo non é doada. A educación e o estudo non lles axudou a saír da marxinación. A taxa de desemprego nos barrios difíciles duplica a taxa promedio do país, superando mesmo o vinte por cento.

Na década dos 90 do século XX, en Francia existían 200 barrios difíciles; na actualidade hai 900. A decepción é a nota dominante entre estas comunidades, resentidas polos prexuízos de moitos franceses ante o seu comportamento, as capacidades e os seus logros. As diferentes políticas orientadas a manter o problema durmido e baixo control nunca deron resultados reais en forma de integración e ao reducilas nos últimos anos, o estoupido só agardaba un motivo. A integración da poboación inmigrante terá que vir pola vía do emprego, da equidade salarial e en forma de promoción, en idénticas condicións ao resto dos franceses. Do contrario será difícil evitar que sintan decepción, humillación ou abandono.

Nin Francia nin Europa poden prescindir da inmigración, pero precisase unha abordaxe diferente do problema que teña en conta non soamente os problemas de índole cultural ou relixiosa, que existen e poden chegar a ser importantes, senón tamén de índole social, que non se resolven con simples medidas paliativas que aspiran a garantir que a calma non se desborde. Na República Francesa hoxe non todos os cidadáns son iguais e a principal desigualdade é a mais clásica de todas, por razón dos ingresos.

Os sucesos de Francia pillan a Europa nun momento especialmente delicado, con Alemaña paralizada aínda e moita incerteza respecto ao futuro do modelo de desenvolvemento económico, urxido pola necesidade de introducir reformas que garantan o acompañamento do proceso de mundialización, pero sen ideas claras a respecto dos medios a utilizar para garantir a supervivencia do benestar social que tantos tentan culpar da desaceleración do ritmo de crecemento e das reformas.