Investir en Cuba

Unha das principais novidades do pasado ano en Cuba foi a aprobación dunha nova lei reguladora dos investimentos estranxeiros. A illa caribeña precisa unha transfusión anual de entre 2.000 e 2.500 millóns de dólares para aspirar a un crecemento do PIB do 6 por cento, a meta fixada para lograr o ansiado desenvolvemento. Acadar esas taxas máis dinámicas esixe que os índices de investimento estranxeiro pasen do 12 ao 20 por cento, como mínimo. O país non conta cos aforros suficientes como para destinar a investimentos os 2.000 millóns de dólares adicionais que precisaría cada ano. Esa é a razón última do cambio de enfoque nesta materia.

Apartados xeográficos América Latina
Idiomas Galego

Complementariamente, ese investimento se orientaría á zona económica especial de Mariel, dando prioridade a sectores como as enerxías renovables, a actividade industrial, proxectos loxísticos, industria agroalimentaria e biotecnoloxía e farmacéutica. O sector turístico, a escala de toda a illa, multiplica as posibilidades de negocio. Cabe recordar que tanto a exportación de servizos médicos como o turismo constitúen os dous grandes aportes de divisas ás maltreitas finanzas do estado cubano.

Aínda que o investimento estranxeiro se conceptúa como un complemento, o certo é que se trata dunha necesidade perentoria e non estritamente un aditivo menor. De feito, está chamado a desempeñar un papel prioritario con propostas encamiñadas ao fomento das exportacións, a substitución de importacións, os encadeamentos produtivos e o cambio dos patróns tecnolóxicos. O capital estranxeiro poderá aplicarse á agricultura, infraestrutura, construción ou o níquel. En mans do Estado quedan a saúde, educación e a defensa. A apertura complétase con réximes especiais de tributación, bonificacións fiscais e maiores garantías fronte ás expropiacións.

A ampla ambición da nova normativa e a adopción de regras moito máis claras na nova lexislación a este respecto contrasta co contexto rexional marcado pola desaceleración de entrada de capitais. A intensificación dos vínculos con China, e Asia no seu conxunto, e a retoma do diálogo coa UE abre outras oportunidades asociadas. Sen soberbias, España, e Galicia, sobre todo, pode ter un papel significado.

Esta mudanza debemos inserila no proceso de transformación da economía cubana que ten outras manifestacións importantes en áreas como o fomento do arrendamento de establecementos estatais a privados ou as medidas para poñer fin á dualidade monetaria. Medio millón de cubanos traballan xa fora do sector estatal e case outros 200.000 recibiron terras en usufruto.

Con estas e outras propostas, La Habana tenta reactivar a economía da illa. Pese a todo, persiste o escepticismo respecto ao seu nivel de suficiencia. Neste ano que comeza debiamos encontrar respostas avaliadoras.