Historia, comercio e política moderna
Os portugueses desenvolveron o porto de Macao como un porto dedicado ao comercio con China-Xapón e como un porto de organización de travesías de Lisboa a Nagasaki. Sen embargo, China non estableceu oficialmente Macao como un porto de comercio exterior ata 1685, que pasou a ser durante os séculos XVII, XVIII, e XIX -durante as dinastías Ming e Qing- un centro importante do comercio portugués con China (principalmente con Cantón), Xapón, as Filipinas, Sueste Asiático continental e insular, Goa e México.
Tras máis de tres séculos de presenza portuguesa, en 1887 Portugal e a dinastía Qing asinaron o Tratado Sino-Portugués de Pequín, no que China cedeu a Portugal o dereito á ocupación e o goberno de Macao. Posteriormente, o Tratado de Comercio e Amizade (28 de agosto de 1888) recoñeceu a soberanía portuguesa sobre Macao. Un acordo que nunca foi ratificado por China.
Durante a Segunda Guerra Mundial, Macao gozou dun breve período de prosperidade económica, xa que era o único porto neutral no sur de China. Pero cando os comunistas chineses subiron ao poder en 1949, declararon que o Protocolo de Lisboa era inválido. Tras a revolución dos caraveis, o 31 de decembro de 1975 o Goberno portugués retirou as tropas apostadas en Macao, rachando máis tarde as relacións diplomáticas coa República de China (Taiwan) o 8 de febreiro de 1979, para establecer ao día seguinte esas relacións coa República Popular de China, ou sexa, coa China comunista. En 1987 os gobernos luso e chinés asinaban a Declaración Conxunta Sino-Portuguesa, establecendo o proceso, a data e as condicións da transferencia do territorio portugués de Macao a China. Así, China recoñeceu a Macao como «territorio chinés baixo a administración portuguesa» e a historia da colonización europea en territorio chinés entraba na súa fin. Se en 1997 os británicos entregaban a administración de Hong Kong, o 20 de decembro de 1999 producíase o traspaso de Macao.
Economía e interese para Galicia
Cunha densidade de poboación que supera os 20.000 habitantes/km2, Macao é a rexión máis densamente poboada do mundo. Os seus habitantes, cuxo PIB per cápita excede 110.000 $ son nun 98% por chineses han -e algúns hakka., 1% de macaenses -persoas de ascendencia mixta asiática e portuguesa- e cidadáns de orixe xaponesa e filipina. Non está nada mal o nivel de riqueza para unha rexión administrativa especial formada por unha península principal e dúas pequenas illas, Taipa e Coloane que, con apenas 28,2 km2, é un dos territorios máis desenvolvidos do planeta, segundo o IDH.
Hoxe en día, a economía de Macao está baseada de maneira fundamental no turismo e nos xogos, aínda que sectores como a pirotecnia tamén teñen presenza significativa. Macao recibe moitísimos visitantes de Hong Kong (hai numerosos servizos diarios de ferry) e, ultimamente, da China continental. Certo é que o crecemento económico motivado polo modelo baseado na industria do xogo provoca niveis altos de delincuencia organizada e de actividades ilegais. A pesar disto, un dos aspectos máis relevantes de Macao é o seu rol como porta de entrada ao mercado de China para os países lusófonos. Unha oportunidade que territorios culturalmente próximos, como Galicia, non deberiamos desaproveitar.

