MERCOSUR e China: peóns estratéxicos para Maduro

A recente xira do presidente venezolano Nicolás Maduro por Arxentina, Uruguai e Brasil, enmarcada dentro do espazo MERCOSUR, implica abordar diversas perspectivas, basicamente enfocadas de cara a calibrar a situación política venezolana así como dentro do contexto rexional, en especial no relativo aos procesos de integración.

Apartados xeográficos América Latina
Idiomas Galego

A recente xira do presidente venezolano Nicolás Maduro por Arxentina, Uruguai e Brasil, enmarcada dentro do espazo MERCOSUR, implica abordar diversas perspectivas, basicamente enfocadas de cara a calibrar a situación política venezolana así como dentro do contexto rexional, en especial no relativo aos procesos de integración.

Neste sentido, a comezos de xullo, Venezuela asumiu a presidencia pro tempore de MERCOSUR, razón que obviamente explicaría o porqué Maduro concentrou a súa atención neste organismo como depositario da súa primeira xira oficial cara o exterior. Pero a mesma igualmente manifesta consideracións de carácter político para Caracas, en principio pola ausencia de Paraguai nesta xira. Isto débese, en gran medida, ás constantes reticencias do Senado paraguaio para o ingreso venezolano no MERCOSUR, ao “golpe institucional” contra o ex presidente Fernando Lugo a mediados de 2012 (que implicou unha crise bilateral entre Venezuela e Paraguai sendo precisamente Maduro o ministro de Exteriores do goberno de Hugo Chávez) e da vitoria electoral conservadora de abril pasado en Asunción, da man de Horacio Cartes e o Partido Colorado.

Enfocar a xira en Arxentina, Uruguai e Brasil descifra igualmente a intención de Maduro de asegurarse a lexitimidade rexional de cara a súa presidencia, tomando en conta a polémica postelectoral suscitada en Venezuela despois dos comicios presidenciais de abril pasado.

Esta perspectiva intensifícase ante os manexos exteriores que realiza o seu ex contendente electoral e actual líder da oposición Henrique Capriles Radonski, quen igualmente iniciou unha xira sudamericana enfocada cara países como Chile e Perú, coa intención de contrarrestar a lexitimidade presidencial de Maduro. En maio pasado, Capriles reuniuse co mandatario colombiano Juan Manuel Santos, reunión que foi duramente criticada polo goberno de Maduro e que provocou un novo impasse na relación bilateral entre Caracas e Bogotá. Precisamente, a mediados de xullo, Maduro reuniuse con Santos na cidade venezolana de Puerto Ayacucho a fin de “reconducir” as relacións bilaterais.

Enerxía por alimentos

Así e todo, Maduro obtivo notables réditos da súa xira MERCOSUR. Nas súas reunións cos respectivos mandatarios, o uruguaio Pepe Mújica, a arxentina Cristina Fernández de Kirchner e a brasileira Dilma Rousseff, o presidente venezolano asinou importantes acordos nos sectores da enerxía (asociacións de PDVSA coa uruguaia Ancap e a arxentina Pampaco S.A), a alimentación e a gandería, así como un inédito compromiso por parte de Uruguai de adherirse ao Sistema Único de Compensación Rexional (SUCRE), como mecanismo financeiro adoptado pola Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA) na tentativa de substituír ao dólar estadounidense como moeda de transacción.

Neste sentido, Caracas obtén un notable logro da súa política exterior a estender un mecanismo propiamente autóctono da ALBA cara un país non membro (Uruguai), ratificando ó mesmo tempo a vixencia e dinámica deste organismo.

A preponderancia dos acordos en materia enerxética e alimentaria exemplifica a dinámica das relacións entre Venezuela e o MERCOSUR. Desde 2008, Caracas importou aproximadamente US$ 12.000 millóns en alimentos deste organismo, sendo Brasil o país con maior peso, con vendas anuais calculadas en US$ 2.000 millóns en alimentos. Para Maduro, as exportacións alimentarias dende MERCOSUR supoñen un bálsamo económico ante os recentes problemas de escaseza de produtos básicos no seu país.

Paralelamente, Venezuela afírmase como o socio enerxético mais importante dentro dun bloque que, non obstante, afronta unha conxuntura incerta e complexa tomando en conta a aparición e preponderancia doutros organismos rexionais (UNASUR, CELAC, Alianza do Pacífico) e dunha notable caída do 2,2% no nivel de exportacións no balance 2012, en especial tomando en conta as dificultades económicas internas dos países membro do MERCOSUR e, principalmente, do seu principal socio exterior, a Unión Europea(1).

Ampliando a perspectiva MERCOSUR, Caracas albergou esta semana o I Cumio Ministerial da Comunidade de Estados de América Latina e do Caribe (CELAC), buscando fortalecer a dinámica deste organismo creado en 2010. Ao igual que na xira por MERCOSUR, a prioridade do goberno de Maduro cara a CELAC establécese en preservar este legado integracionista do desaparecido presidente Hugo Chávez tanto como en constituírse en factor de lexitimación da súa presidencia.

O amigo chinés

Pero MERCOSUR non é o único socio estratéxico para Maduro. Paralela á xira sudamericana de Maduro, o vicepresidente venezolano Jorge Arreaza visitou Pequín para reunirse co presidente Xi Jinping e acordar un novo préstamo financeiro co Banco de Desenvolvemento de China (BDC), valorado en US$ 5.000 millóns para proxectos sociais e de infraestruturas.

Desde 2007, China converteuse no principal prestamista venezolano, con fondos calculados en US$ 36.000 millóns, aínda que esta visita de Arreaza estivo salpicada pola polémica suscitada en Venezuela cun escándalo de corrupción e desfalco valorado en US$ 84.000 millóns por parte do Banco de Desenvolvemento Social (BANDES), entidade estatal encargada de administrar os préstamos chineses establecidos a través do Fondo Chinés existente en Venezuela.

Por tanto, o fortalecemento de mecanismos de cooperación con MERCOSUR e China implican para o goberno de Maduro aspectos de importante carácter estratéxico, no exactamente limitados ás áreas económica e financeira. Estes aspectos teñen especial incidencia na consolidación e avance doutros organismos de integración que vanse erixindo como claros rivais, tal é o caso da Alianza do Pacífico conformada por Colombia, México, Chile e Perú.

Nesta alianza están incluídos como observadores países con forte presenza no contexto internacional, tales como Xapón, Canadá, Nova Zelandia, Australia, Francia, España, Corea do Sur, China, Turquía e Ecuador, entre outros. Do mesmo xeito, Costa Rica está en proceso de admisión dentro da Alianza do Pacífico mentres Panamá negocia un acordo de libre comercio con Colombia que lle permita igualmente integrarse neste organismo, un aspecto estratexicamente importante para esta alianza tomando en conta a ampliación da Canle de Panamá prevista para o 2014.  

Estas perspectivas de carácter mais ben xeopolítico igualmente inflúen na atención venezolana por focalizar a MERCOSUR e China como socios estratéxicos en materia económica e financeira. Neste sentido, Maduro busca abordar con maiores garantías unha serie de problemas internos (elevada inflación, escaseza alimentaria, inseguridade cidadá, escasas vantaxes competitivas, ineficacia do aparato produtivo, especialmente no sector agrícola, etc) que poden paulatinamente minar a súa autoridade e lexitimidade presidencial, incluso dentro das estruturas políticas do “chavismo”(2).

A necesidade de intensificar un gasto público claramente expansivo (US$ 31.000 millóns, un 65% superior ao 2012)(3), particularmente enfocado nas “misións sociais” coa finalidade de preservar o apoio popular “chavista”, ameaza seriamente con desatar maiores desequilibrios fiscais nunha economía sumamente dependente do sector petroleiro.

Non obstante, e aínda que os prezos do mercado petroleiro seguen a estar sólidos, tomando en conta que o barril venezolano cotízase a US$ 103, os desequilibrios fiscais e unha economía claramente desestruturada incrementan a perspectiva a mediano prazo dunha maior dependencia venezolana dos seus socios exteriores, sendo estes principalmente China e levemente MERCOSUR. Maduro entendeu esta combinación de prioridades na súa xira por MERCOSUR tanto como na visita do vicepresidente Arreaza a Pequín.

 

 

 


(1) VERA, Leonardo, “MERCOSUR: Espacio Regional de Incertidumbres”, Infolatam (España), 14 de xullo de 2013. Ver en: http://www.infolatam.com/2013/07/16/mercosur-espacio-regional-de-incertidumbres/

(2) “Venezuela se acostumbra a Maduro”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 851, 22 de xullo de 2013. Páxina 7.

(3) Ibid.