Quen manda aquí?

Apartados xeográficos Otros ARCHIVO
Idiomas Galego

Estamos cansos de ler e de oír que os mercados impoñen aos gobernos unhas determinadas políticas, favorables para os seus intereses e prexudiciais para a sociedade. Máis exacto sería dicir que son a gran banca e o gran capital os que impoñen aos gobernos a política que lles convén.

Este aserto xa non o pon en dúbida ninguén. En España temos traballos moi lúcidos de Vicenç Navarro ou de Juan Torres, entre outros, especialmente brillantes e didácticos que así o demostran. Por que isto é así tamén está moi estudado en traballos de moi doado acceso.

Pero o problema, ao noso ver, é se os gobernos poden facer algo ou non para afastárense desa perversa influenza; se realmente están imposibilitados para opoñerse ao peso e á forza daqueles elementos, ou se, ao mellor, a algúns non lles parece tan mal que a banca e o gran capital manden sen pexas.

Por exemplo, Sarkozy é moi devoto do gran capital, son coñecidas as súas fortes conexións cos máis ricos do país, non se cansa de aparentar un nivel que realmente non ten; Berlusconi é algo semellante, pero o rico xa é el, sen que precise moitas conexións. ZP é un caso á parte: cre inxenuamente que  a súa política amansa os mercados.

Como ben sinalou Juan Torres, o que procede é non axeonllarse diante do poder financeiro; promover a mobilización de sindicatos, partidos, organizacións e persoas que non queren seguir sendo asoballados; e, por que non, rexeitar abertamente aos que, como Sarkozy e Berlusconi, e outros, tan pagados son das aparencias, dos adiñeirados e dos falsos ouropeis.