Sen posguerra

Estados Unidos consolida a súa victoria en Afganistán, o poder talibán está destruido e os militantes de Al Qa’eda, acurralados e desperdigados, negocian a súa rendición máis difícil. A captura de Ben Laden pode ser cousa de pouco tempo. A tres meses dos atentados, o presidente Bush, en nome da defensa da paz e da liberdade, prosegue a súa campaña de fomento dunha especie de patriotismo universal antiterrorista mentres dinamita a última hora un acordo sobre armas biolóxicas en Xenebra, anuncia a ruptura do tratado ABM ou da un novo impulso ao escudo antimíseis. Lonxe queda para moitos o episodio do ántrax, perdido quizais nalgún sobre do departamento de Estado, como se dunha gripe pasaxeira se tratara pero moi conveniente para garantir unha inquebrantable adhesión social en tanto non chegaran os primeiros éxitos da campaña militar. Segundo unha enquisa da revista Time, o 49 por cento dos norteamericanos aprobaría que os cidadáns de orixe árabe levaran unha tarxeta ou algún simbolo identificatorio. Outro 31 por cento estaría dacordo con que o goberno federal deteña a todos os descendentes de árabes en campos de concentración mentres se investigan os seus vínculos cos atentados.

Para defender a liberdade…

Unha das novidades desta moderna guerra de Afganistán é que non terá posguerra. Continuarán as accións armadas e os preparativos das seguintes. Os Estados-paria (de Corea do Norte a Iraq) están en lista de espera. A intelixencia norteamericana, ausente na prevención do 11S, avoga por extender as operacións mesmo a Indonesia ou Filipinas. ¿Consultará Estados Unidos cos seus aliados as próximas accións ou esixirá adhesión incondicional en nome da loita contra o terrorismo? ¿Seguirá China co seu silencio e Rusia co seu aplauso? ¿Confirmarase a nova dimensión do terrorismo como un fenómeno global ou regresará ás súas limitadas e dolorosas dimensións locais? E sobre todo, ¿que será tamén das xentes de Afganistán unha vez convertido o país nun ermo sachado polas bombas e disposto para acoller oleoductos e gasoductos cos que alimentar o noso progreso?

O acordo logrado en Bonn para asentar un goberno de transición en Cabul dificilmente traerá estabilidade a un país tan desangrado e fragmentado. Ata cincuenta etnias dividen aos 27 millóns de afgáns. Na antiga capital alemá houbo ausencias significativas como a dos pastúns Hamid Karzai e Abdul Khalil ou o hazara Mohammed Mohaqiq e os compromisos entre as múltiples faccións antitalibáns, mesmo entre uzbecos e tadxicos, acostuman a ser enormemente fráxiles. Por un tempo incluso pode interesar que esta situación continúe pois a ausencia dun poder central favorece a aplicación dunha estratexia aliada que non será necesario negociar con ninguén. ¿Haberá tanto empeño internacional na construcción da paz como na destrucción desta guerra sen cifras de mortos? Afganistán precisaría agora algo máis que unha simple misión humanitaria xestionada por esa ONU impotente ante a guerra, progresivamente devaluada nas súas capacidades políticas pero agasallada cun premio Nobel de consolación. Existe un serio risco de retorno ao caos dos señores da guerra e do bandidaxe. Na inercia histórica pesa moito esa orientación.

E por último, ¿que responsabilidade esixir a Riad? Arabia Saudí permitiu a recaudación de fondos no seu territorio para a causa de Ben Laden e financiou xenerosamente ós talibán como ven facendo con Hamás ou a Yihad Islámica, grupos que converxen coa reacción israelí na voadura do proceso de paz en Oriente Medio. Segundo Tel-aviv estes movementos reciben dos saudíes máis fondos que a propia Autoridade Nacional Palestina. É coñecido tamén o seu empeño por influir nos movementos islámicos das ex repúblicas soviéticas de Asia central, algúns deles armados contra o discutible pero lexítimo poder establecido. Pese a todo, ninguén pensa en incluir ao principe herdeiro, Abdullah ben Abdulaziz na lista de malos universais que inclúe a Saddam Hussein, Gadaffi, etcétera, ¿será que pesa máis asegurar o fluxo de petróleo a Occidente que a protección de tantas vidas amenazadas polo terror indiscriminado que alentan coa súa intolerancia?