Suíza entra na Europa dos policías: policial imperial para o cumio do G8

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

Moit@s d@s altermundialistas que acudan a Xenebra o vindeiro mes de Xuño pensarán que se equivocaron de país ao ver que son recibidos pola policía alemana. Mais non estarán no certo. A Confederación Helvétiva decidiu solicitar da República Federal de Alemaña 750 antidisturbios para garantir o control policial das manifestacións altermundialistas. Esta decisión é tanto máis sorprendente por canto que existe un comité franco-helvético para a coordinación de todas as operacións policiais correspondentes ao control das accións previstas para o contra-cumio. Porén, non foi a Francia á que se lle pediron estes reforzos suplementarios.

Como é de supoñer, esta nova tivo un forte impacto sobre a opinión pública e a clase política suizas. No seu editorial do sábado 17 de Maio, o xornal Le Temps, un dos medios de referencia da Suiza francófona, facíase eco da polémica co expresivo titular que encabeza estas líñas: « Suiza entra na Europa dos policías ». O europeísmo policial suizo está de sorte: namentras as fronteiras serán pechadas (mesmo para @s traballador@s transfronteriz@s) e manifestarse en Xenebra será un obxectivo limitado ao máximo para @s non residentes, a policía teutona poderá exercer as súas funcións en terras helvéticas con total libertade.

As reaccións non se fixeron esperar e, alén das críticas que desde os mass media se están a dirixir contra as autoridades (in-)competentes, escoitáronse voces de todos os puntos do espectro político helvético. Desde as acusacións nacional-chovinistas da extrema dereita "a SVP/UDC de Ch. Blocher" hasta os propios sectores do altermundialismo local, pasando por non poucas voces críticas dentro do establishment cantonal e confederal. E a cousa non é para menos, pois, contrariamente ás predicas máis ou menos liberais sobre a soberanía nacional, as libertades públicas, o Estado de dereito e demais aparato xurídico da Modernidade, a realidade é que nos achamos perante unha lóxica política que non se deixa entender desde estas categorías.

O que está a acontecer con motivo da celebración deste G-8 excede claramente os límites da política da Modernidade e nos sitúa ás portas dunha nova definición do político. Así, por exemplo, a presunción de inocencia deviu presunción de culpabilidade e a xustiza de sempre, aquela que requería a existencia dun delito, provas, testemuñas e todas as garantías do dereito procesal, convertiuse agora nunha xustiza preventiva, con delitos potenciais, provas a aportar, testemuños futuros e todas as « garantías » da intervención policial. Tal vez por iso, as autoridades suizas decidiran acudir a pedir reforzos á patria da chamada « ciencia da policía », Polizeiwissenschaft de infausta lembranza.

Neste senso, o feito de que a ministra suiza Ruth Metzler pedise axuda ao seu colega xermano, Otto Schily, non é puramente casual, nen debido ás relacions de boa vecindade entrambos países, senón que resposta máis ben ás necesidades estatais de desenvolver unha estratexia policial de loita fronte ao desafío altermundialista daqueles sectores do movemento que de xeito máis claro se teñen enfrontado á lóxica imperial en que se teñen inserido os diferentes estados. A experiencia das mobilizacións provocadas en Praga pola 55 reunión anual do Banco Mundial e o FMI (unha cosa é quen provoca e outra quen convoca as accións), amosou que o altermundialismo estaba en condicións de desafiar ao poder estatal nun grado dificilmente aceptable.

Naquela ocasión, a proximidade de Praga e Berlín fixo posible a mobilización de sectores da área da autonomía berlinesa igualmente presentes na convocatoria altermundialista actual (lémbrese que as últimas reunións preparatorias do G-8 de Evián tiveron lugar en Xenebra e Berlín). Tampouco é casual, cando menos desde certo ponto de vista, que sexa o propio Schily, antigo avogado de Horst Mahler e de Gundrun Ensslin membros da « Rote Armee Fraktion » (mais coñecida como a Banda Baader"Meinhof) e bon coñecedor das loitas radicais xermanas dos setenta, quen esté á cabeza do ministerio do Interior desde outubro de 1998 (en marzo dese mesmo ano, a RAF decidira a súa propia disolución).

Neste senso, tal vez cabería lembrar aquí "en consonancia co que xa é un lugar común dos estudios sobre movementos sociais" que a experiencia herdada dos conflictos políticos desenvoltos ao longo dunha vaga de mobilizacións (1968), constitúe nos albores da vaga de mobilizacións seguinte (a vaga altermundialista) o principal acervo simbólico e textual mobilizador co que contan as redes sociais altermundialistas e o xérmolo sobre o que éstas están a medrar. De feito, se ben é indudable que a nova vaga de mobilizacións incorpora elementos novedosos e sorprendentes "entre os que cabe destacar o forte carácter transnacional das loitas (e a resposta correspondente dos estados)", non é menos certo que o éxito actual do movemento altermundialista resulta á súa vez dun atinado uso de experiencias precedentes.

Boa prova de todo isto é o recente escándalo protagonizado polo antigo militante da autonomía e ex deputado verde de Xenebra, Chaïm Nissim, que se recoñeceu autor dun atentado con bazooka contra as obras da futura central nuclear de Creys"Malville en 1982. O debate público suscitado por estas revelacións está a poñer claramente de relevo as diferentes visións estratéxicas que conviven no seo do altermundialismo e das que temos dado conta noutro lugar (www.revistaomnibus.com). Así as cousas, non é tan de sorprender que a clase política helvética, ata o presente beneficiaria do illamento político de décadas de neutralidade (www.vieiros.com/mundo, www.igadi.org), acudise á chancelería berlinesa na procura de axuda.