Tempo para Chávez

Goberno e oposición negocian en Venezuela unha saída á grave crise política que atravesa o país, pero ata agora sen éxito. Dende o fracaso da estratexia golpista, un novo rumbo, que poderiamos chamar constitucional, asoma no movemento opositor que lidera a Coordinadora Democrática. Dende o pasado 11 de novembro, cando se celebrou a primeira reunión de conciliación a instancias da OEA (Organización de Estados Americanos), a convocatoria dun referendo en xaneiro ou febreiro de 2003 se convertiu na principal esixencia. Pero os varapaus legais e o relativo éxito da folga xeral iniciada días atrás, a comezos de decembro, fixeron medrar as voces que reclaman ben a demisión directa de Chávez ou a convocatoria de eleccións anticipadas.

O camiño elixido pola oposición venezolana non goza de amparo constitucional. O recorte do mandato presidencial, ao igual que o de calquer cargo electo, unicamente se pode urxir despois de agosto de 2003, na segunda metade da lexislatura, nunca antes, segundo sinala o artigo 72 da Carta Magna bolivariana e lembra o propio César Gaviria, secretario xeral da OEA. Formalmente, a consulta que propoñen soamente pode ser instada polo propio Presidente e con carácter exclusivamente consultivo. É a modalidade prevista no artigo 71 e en vez dun 20% de sinaturas precisa un 10%. Pero o problema substancial non é o número de avais, que os poderían conseguir, senón o tempo de espera para urxilo.

A popularidade de Chávez en Venezuela xa non é a do 66% de hai dous anos, pero aínda se mantén, segundo o Instituto Eurotop, no 41%. Con independencia das súas boutades, o rexeitamento do ultraliberalismo, o seu programa de loita contra a pobreza e a reforma agraria son mensaxes que suscitaron a esperanza das capas sociais máis desfavorecidas. Pero tamén os medos e os odios nese mundo dos negocios que tan ben navegou sempre na corruptela xeralizada do sistema sen importarlle a insoportable miseria en que vivía ata un 80 por cento da poboación. Esa catástrofe social convertiu a Chávez na gran esperanza para todos e a erosión da súa imaxe leva máis tempo do que, ao parecer, teñen algúns.

Esa impaciencia explica os chamados continuos á insurrección militar que formula o ex xeneral Enrique Medina González, entre outros, que se contradin tamén coa respectable opción constitucional. Como igual de chamativa sigue sendo a alianza entre a patronal Fedecámaras e a CTV, poderosa organización sindical, pero próxima á Alianza Democrática e escasamente autónoma, enfangada ata o pescozo nunha estratexia que a convirte no chapapote da oligarquía caraqueña.

A "Coordinadora Democrática" nutrida deses sectores que durante tanto tempo compartiron o poder en Venezuela debería pensar no país, no conflicto que están alimentando e que pode levar a unha confrontación aberta e armada. A saída democrática pasa inexcusablemente por respectar as formas e os tempos e a Chávez hai que darllo; para que fracase ou para que trunfe, pero hai que darllo. A presión da rúa poida que teña éxito finalmente, pero estará bañado en sangue. Estados Unidos debería meditar máis as súas palabras cando presta o seu respaldo a reivindicacións que subvirten o marco legal e dinamitan o proceso democrático. Como fixo a OPEP e os estados con sentido da decencia en todo o mundo.