O 25 de xullo, Venezuela acode ás urnas de novo. Esta vez, para elixir aos 131 delegados que se encargarán de redactar un novo texto constitucional co que chavez asegura pretender unha nova orde política que remate coa crónica corrupción que ten desilusionada a unha sociedade en permanente crise.
Cada día enrarécese máis o camiño cara a elección da cámara que redactará a nova Carta Magna, coa que Hugo Chavez asegura poder acabar cos altos índices de corrupción. O presidente, preocupantemente subido ao carro do populismo, está a chocar con diversas instruccións fundamentais venezolanas.
O parlamento rexeitou a proposta de ascensos para 35 militares que segundo o comisión de defensa do senado son os coroneis pertencen ás promocións do 73 ou comandantes que se graduaron en 1977. Ambas promocións xa teñen caducadas as posibilidades de aspirar a ascensos.
A decisión do lexislativo ten alporizado a Hugo Chavez quen arremeteu visceralmente contra do congreso, ao que Chavez considera incapacitado para vetar as súas propostas de ascenso. Só lles admite a posibilidade de emitir informes non preceptivos.
O grao de enfado do presidente é tal, que mesmo suxeriu a posibilidade dun golpe militar ao estilo de "Fuximorazo no Perú" para impor as súas teses. Cada día os militares adquiren un maior peso nas responsabilidades civís e comezan a escoitarse ruídos de sables.
Non é menor o enfrontamento do presidente xusticeiro co Consello Nacional Electoral. O seu presidente Andrés Caleca ten denunciado as reiteradas violacións das leis electorais cometidas por Chavez quen, anque como presidente non está autorizado para facer campaña en favor do seu partido, non dubida en servirse dos medios públicos de comunicación para lanzar as súas mensaxes partidarias. Tal é a situación que Caleca advertiu que de continuaren as violacións electorais haberá que suspender os comicios.
O presidente amparado por índices de popularidade que non baixan do 65% non para de dicir no programa semanal televisivo no que é a estrela. "… Desexo acabar con deputados, senadores e xefes de partidos que teñen roubado e o seguen a facer…". En pouco tempo contará tamén cun xornal propio no que enviar as súas mensaxes salvadoras.
As mañas presidencias de Chavez comezan a preocupar non só aos corruptos, senón tamén aos que temen polo atropelo das liberdades.