Demasiado tarde para a paz

Apartados xeográficos ARCHIVE Balcáns
Idiomas Galego

Décadas de implacable opresión serbia non conseguiron facer do Kosovo un territorio etnicamente limpo. Tampouco a millonaria diáspora de refuxiados albano-kosovares empurrados pola guerra e pola persecución serbia, en tempos de conflicto armado, foron quen de aniquilar definitivamente a coexistencia das etnias. Só a fin da guerra parece conducirnos cara a un novo e irreversible fracaso da convivencia.

Interminables carabanas de vehículos serbios, repletos ducias de miles de miserentos labregos cargados coas súas escasas pertenzas, emprenden o camiño sen retorno de rachar as amarras coa súa terra, para acobillarse na serbia restante. O vertixinoso péndulo da historia inmediata, estaos a varrer do Kosovo, cando só hai dous meses, eran meros espectadores dos centos de milleiros de albano-kosovares que emprendían o seu penoso éxodo.

A fin da guerra, a retirada das tropas militares e paramilitares serbias, a presencia da KFOR e a fortaleza do ELK, veñen de precipitar a ilusión dos albano-kosovares por voltar arriscadamente ao encontro co seu pasado, coas súas truncadas experiencias vitais, para sentar as bases nas que construír o seu futuro, coas escasas trabes que aínda se poidan aproveitar.

Nin siquera a inmensa ledicia de ollar como un pobo retoma o seu destino, liberados das históricas opresións, pode xustificar a euforia da exigua comunidade internacional, que baixo tutela da OTAN e dirixida por unha socialdemocracia europea entusiasticamente belicosa, esmagou aeromilitarmente o exército e a economía de Belgrado.

Outra volta a farsa da historia repítese, tal como aconteceu en Bosnia, estamos diante dunha ficticia victoria. Deixamos polo camiño os principios nos que asentar as relacións entre os pobos, baseadas na articulación de fórmulas que garantan a coexistencia democrática culturas, etnias, relixións…

As caravanas de humildes serbios, labregos na súa maioría, con nenos e vellos, flanqueados por ringleiras de albano-kosovares presos da rabia e a xenreira acumulada; insultando e apedrando a estes incipientes refuxiados, non deixan espacio á optimismo algún. ¡Fracasamos de novo!

Un mozo serbio, sen anos suficientes para encher unha vintena, berrou mentres se alonxaba; "…¡voltarei a esta terra coma guerrilleiro ou coma militar! Evidentemente ¡fracasamos!