20030316cumbre azores blair bush aznar02

A confesión

 Clic para aumentar
Non apareceron probas de nada, o único que se probou é que todo era unha montaxe absurda e repugnante e o escándalo debería ser maiúsculo, producir un estremecemento nas conciencias de todo o mundo, moito maior que o do maremoto. Todas as cadeas de televisión deberían, a estas horas, estar rebobinando as cintas daqueles días onde o trío das Azores pouco menos que insinuaba que o réxime de Bagdad dispuña ata de carrocetas ou camións lanzadores de mísiles con carga química e demais lindezas.
 

Semella que, por fin, o goberno de EEUU asume que nunca existiron os arsenais de armas de destrución masiva nos que o presidente Bush xustificou a invasión de Iraq. Sadam nin tiña armas, nin podía fabricalas nin tiña a intención de mercalas. Sabiámolo antes de que se gastaran centos de millóns de dólares na operación de busca e moitos máis na liquidación do seu réxime. Xa o dixeran, entre liñas e entre outros, os inspectores da ONU. Agora quen o di é o propio Bush, sorrinte e remachando: "Síntome como se de verdade chegaran a existir". E dentro de pouco, todo pancho, coas súas botas presidenciais, xurará, solemnemente, sobre a Constitución norteamericana, asumindo o seu segundo mandato con toda a decencia que o cargo require, pois no imperio sonche moi esixentes e escrupulosos nestas cousas do protocolo. E noutras: co asunto da Lewinski tivemos páxinas e lerias para rato, ata un impeachment, chegado o caso; nisto da mentira de Iraq, en termos morais, é unha parvada sen importancia.

Non apareceron probas de nada, o único que se probou é que todo era unha montaxe absurda e repugnante e o escándalo debería ser maiúsculo, producir un estremecemento nas conciencias de todo o mundo, moito maior que o do maremoto. Todas as cadeas de televisión deberían, a estas horas, estar rebobinando as cintas daqueles días onde o trío das Azores pouco menos que insinuaba que o réxime de Bagdad dispuña ata de carrocetas ou camións lanzadores de mísiles con carga química e demais lindezas. No Vaticano, o Papa debería saír ó famoso balcón para por orde na moral cristián, cando menos co mesmo empeño que o fai para condenar os preservativos. Garzón, paladín da defensa dos dereitos humanos, debería aproveitar o seu período de formación en EEUU para especializarse non en antiterrorismo senón en xeometría (digo polo Pentágono) e terrorismo de estado. E, sobre todo, o Consello de Seguridade da ONU debería reunirse de urxencia para dicir, cando menos: tiñamos razón! Para unha vez que se resisten minimamente e acertan!…

Pero, pasará algo diso? Nada. Nin tan sequera na Europa que tanto protestou contra a guerra. A sociedade civil, esgotada, conformase coa "confesión" e os líderes europeos, como Chirac, miran para outro lado, mentres recibe ao presidente interino de Iraq para facelas paces e ver de entrar no negocio novamente. Dos países árabes, cabe dicir outro tanto. É auga pasada. Washington pode facer o que lle veña en gana: fabrica a mentira, destrúe non un réxime senón todo un país e as súas xentes, di que mentiu despois de todo e bótase a rir. E non pasa nada: nin unha presentación de escusas, nin unha dimisión … Haberá que perfeccionar os sistemas de información para non errar na próxima!

En Iraq, mentres, en plena campaña electoral, os atentados se suceden. O sufrimento das súas xentes, a secuela de destrución e morte que provocou esta guerra inventada e provocada polo Gran Agresor Universal, non parece ter límites, pero pídenlles que vaian a votar, suponse que de un en un e en fila india, "protexidos" polos seus salvadores, os sacrificados en aras da defensa da liberdade e, faltaría mais, da verdade. Porque Sadam, claro, era un mentireiro; incluso Hans Blix era un medias-tintas. ¿Non é pedirlle de mais? Sadismo en Abu Graib, paraíso caribeño en Guantánamo, e masoquismo electoral. Quen pode pedir mais? Canta razón destila o poeta inglés Robert Browning, cando exclamaba aquelo de: Parecemos tan libres e ¡estamos tan encadeados!