Nesta etapa de integración-rexionalización todos estamos interesados, aínda que sen esquecer as nosas orixes, en pertencer a organizacións supraestatais, a cantas máis, e máis importantes, mellor. E aínda que hoxe as páxinas dos xornais estean pendentes da Unión Europea, hai organizacións e países noutras áreas que están a confirmar esta tendencia.
Tal é o caso do país africano de Angola, que está a camiñar con paso firme cara unha estreita colaboración e achegamento ós países do MERCOSUR, coa participación este ano, e por primeira vez, dun país africano nun cumio desta organización. Esta aproximación cara este tipo de organización de integración rexional, pode ser ademais aproveitada polos angolanos para levar a iniciativa no proxecto de integración que a rexión austral africana ten principiado a través da Comunidade de Desenvolvemento do África Austral (SADC). Esta relación supón unha apertura cara un potencial e extenso mercado.
Neste sentido Angola estase a converter nun país referente para o continente do sur. A Unión Africana, a través do presidente da Comisión, Alpha Oumar Conaré, de Mali, felicitou a Angola polas súas iniciativas no seo da presidencia do Consello de Seguridade de Nacións Unidas, iniciativas que defenderon en todo momento os intereses africanos.
A Comisión da Unión Africana traballa neste momento na elaboración dun programa cuadrienal no que se fará explícito o plan estratéxico desta organización para os vindeiros anos. O documento será discutido no Consello de Ministros Africanos, de negocios estranxeiros, que se celebrará en marzo en Etiopía.
Por suposto, nos achegamentos co MERCOSUR e nos achegamentos cara a Europa os puntais de Brasil e Portugal seguen a ser claves, xa que estes países, xunto con Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique, Santo Tomé e Príncipe e Timor Leste, forman parte da Comunidade dos países de Lingua Portuguesa CPLP, vínculo moi importante á hora de fixar programas comúns.
Tamén se ten avanzado nos últimos tempos en materia de pesca e modernización de flotas na Conferencia da Organización Marítima de África Oeste e Central OMAOC, organización creada en 1975 para coordinar as políticas de transportes marítimos e portos. Foron aprobados varios proxectos de transporte marítimo e a creación dunha rede de seguridade costeira entre os países membros (Angola, Benín, Burkina Faso, Cabo Verde, Camerún, Chad, Congo Brazzaville, Congo Kinshasa, Costa de Marfil, Gabón, Gambia, Ghana, Guinea, Guinea Bissau, Guinea Ecuatorial, Liberia, Mali, Mauritania, Níxer, Nixeria, República Centroafricana, Santo Tomé e Príncipe, Senegal, Serra Leona e Togo. Outros pasos importantes foron o acordo para a creación dun centro de información e comunicación e o compromiso para o establecemento dun plan de control de navíos e formación marítima.
Todas estas iniciativas constitúen pequenos pasiños cara relacións e integracións que son vitais para Angola e, por extensión, para todos os demais países do continente.