Branco rico procura onde (anti)cooperar

Hai quen fala de hipercrise no sector da cooperación ao desenvolvemento, xa que ademais de ser a política pública máis afectada polas reestruturacións de gasto dos últimos anos, a propia base filosófica da súa acción e utilidade como sector institucional está posta en cuestión, erosionada nos últimos tempos desde diferentes e amplos ángulos.

Apartados xeográficos Development cooperation
Idiomas Galego

Hai quen fala de hipercrise no sector da cooperación ao desenvolvemento, xa que ademais de ser a política pública máis afectada polas reestruturacións de gasto dos últimos anos, a propia base filosófica da súa acción e utilidade como sector institucional está posta en cuestión, erosionada nos últimos tempos desde diferentes e amplos ángulos.

Neste sentido, e para ser sensatos e o máis científicos posible, cómpre apuntar co dedo ao mundo editorial e reflexionar sobre un caso concreto, que pode ser explicativo do camiño dentro da cova sen luz, periférico e contraditorio, na que se atopan as políticas de cooperación internacional e defensa dos Dereitos Humanos.

Blanco bueno

No 2011, Blanco bueno busca negro pobre foi dos libros máis vendidos, citados e  lidos, e se nos centramos no sector da cooperación, non temos referente editorial presente con esta enerxía en moitos anos.

O libro é unha crítica constante ao modelo de intervención tradicional en África das grandes ONGD internacionais (aínda que tamén ten tempo a meterse coas pequenas e desprofesionalizadas). Agudas críticas ten tamén para as relacións institucionais Norte/Sur (pero invisibilizadas polo propio título do libro), e das relacións humanas das/os propias/os cooperantes (moi comentada a xogada dos vínculos en clubes de golf entre os ricos autóctonos e as e os cooperantes).

O libro é ameno de ler e parece case un libro de aventuras. Blanco bueno é interesante, e o debate dentro do modelo de ONGD inevitable, pero en si, como fenómeno social reproducido en entrevistas, conversas, e a conversión en best seller español, é unha parodia.

Cooperar?

Quizais o editor ten moito que ver con todo isto, pero coa súa campaña elevou os focos do problema dos desequilibrios e inxustizas Norte-Sur a un escenario organizacional e de persoas, que si na comparación o levaramos ao mundo dos negocios ou da economía financeira, nos seus vínculos e relacionamentos co SUR deixaríanos, Wikileaks mediante, presumiblemente co rostro frío.

Tratar a figura da persoa cooperante con esa descortesía non parece ser a mellor maneira de refortalecela, aínda que sexa preciso o debate para a catarse interna dentro do propio sector da cooperación.

O relevante, pensamos, no contexto da hipercrise e con lecturas como Blanco bueno, é saber se queremos seguir facendo cooperación internacional ou non, por que e de que tipo. Renovarse ou reinventarse, imposible morrer.

Se queremos, unha idea é xerar os nosos propios fenómenos editoriais, renovados e atrevidos, contidos para as nosas razóns.

 

Anticooperación

Achego unha proposta que ben pode ser posto diante de todas aquelas persoas que quedaran con ganas de máis sobre o tema despois de ler ao señor Nerín e o seu éxito editorial. Titúlase -Anticooperación, de David Llistar, un manual de relacións internacionais de divulgación, moi  dixerible, pero máis denso que o libro de aventuras e gags.

Anticooperación aposta por situar o foco dos desequilibrios Norte-Sur nas estruturas que reproducen as crises alimentarias, epidémicas, de feminicidio ou humanitarias de todo tipo, desde hai centos de anos. Anticooperación é unha novidade por moitas razóns. Primeiramente, por aceitar sen pudor a complexidade, e entre outras cousas porque é un manual perfecto para desfacer o conxunto de datos da propia cooperación oficial e non oficial ao desenvolvemento, coas súas propias contradicións internas, para estar alerta cando se difunden datos confusos sobre os esforzos orzamentarios reais das administracións.

Indo ao concreto, as anticooperacións serían as categorías, as distintas esferas, que emprega o autor, para renomear a observación tradicional das relacións internacionais, para acentuar nesas relacións o peso do proceso histórico e de relacións de poder, que vai desde a conquista e colonización do planeta ata as guerras dos nosos días ou as relacións coas patentes das farmacéuticas, entre o que se designa o Norte e o Sur global. Na edición de Icaria, un manual moi ben presentado, con exemplos prácticos que as veces rememoran desde outro espello as aventuras de Negrín.

Así habería mecanismos de anticooperación Norte-Sur que chegan ata os nosos días coa máxima vixencia, anticooperacións tecno-produtiva, financeira, comercial, ambiental, diplomática, militar, simbólica e migratoria. Aínda que Anticooperación tamén percibía (2000) a hipercrise, pechándose cun último capítulo titulado -Anticooperaión solidaria.

Por exemplo, se falamos de capitais, a débeda externa que cobran os países donantes (os que practican política de axuda para o desenvolvemento) sería parte e desborde do financiamento desas políticas de cooperación, sen falar do sistema monetario internacional, os prezos das materias primas en orixe, ou as malas prácticas das empresas multinacionais. Os mecanismo son completos, abranxentes e de raíz histórica profunda.

Negar isto achacando todas as sombras máis duras do empobrecemento a factores endóxenos, e non tamén fortemente a determinados por esóxenos, é volver á época non tan remota onde se distinguía entre persoas civilizadas e incivilizadas de maneira legal.

Conclusión

A sensación é que para afrontar a hipercrise cómpre ir máis alá do falso crecemento permanente como dogma, realzando nos nosos discursos a dimensión universal e interconectada da realidade actual do planeta, atrevéndose a dicir que detrás das reestruturacións de gasto, das recentralizacións en curso, e dos axustes de políticas de cooperación internacional, hai decisións que transcenden a eficacia económica e que implican cambios de concepcións políticas sobre a vida das persoas de maneira profundas.

Adelgazando a cooperación internacional desta maneira e con estes fenómenos editoriais en alza, aínda máis, escóllese a desvalorización definitiva, a idea centrifugada con dirección ao lixo, de nin máis nin menos a Declaración de Dereitos Humanos. Se o 0,7% xa fora aniquilado, agora todo está en shock. Dispararse a un pé.

Todas as decisións teñen o seu. Tamén trala elección dun título. Non todos os brancos ricos buscan onde (anti)cooperar, ao contrario, algúns cooperan aínda que non sexa todo o rato ou todo o tempo.