Tralo seu eficaz cumio coa chanceler alemá Ánxela Merkel, o presidente ruso Vladimir Putin prepara para comezos de setembro un cumio de alto nivel en Istambul con Alemaña, Francia e Turquía, que pode deparar cambios estratéxicos na xeopolítica global, sen perder de vista os comicios lexislativos estadounidenses de novembro próximo e as dificultades pola que atravesa a presidencia de Donald Trump.
Tralo seu eficaz cumio coa chanceler alemá Ánxela Merkel, o presidente ruso Vladimir Putin prepara para comezos de setembro un cumio de alto nivel en Istambul con Alemaña, Francia e Turquía, que pode deparar cambios estratéxicos na xeopolítica global, sen perder de vista os comicios lexislativos estadounidenses de novembro próximo e as dificultades pola que atravesa a presidencia de Donald Trump.
Coa silenciosa e calculada paciencia dun experto xogador de xadrez, o presidente ruso Vladimir Putin prepara un inédito cumio internacional con Turquía, Francia e Alemaña, inicialmente previsto para o próximo 7 de setembro en Istambul.
Este cumio anúnciase estratéxico porque pode deparar cambios xeopolíticos de enorme calado non só para os intereses de Putin senón igualmente para os seus aliados China e Irán. Toda vez, este cumio oponse seriamente aos intereses do presidente estadounidense Donald Trump, así como da OTAN e os seus aliados atlantistas.
Esta xuntanza xa foi anunciada a comezos de agosto por quen será o anfitrión, o presidente turco Recep Tayyip Erdogan. Pero a novidade deste cumio e o seu carácter estratéxico ven reflectido no sentido de que, por primeira vez, Rusia impulsa un cumio con tres membros da OTAN como Turquía, Francia e Alemaña, excluíndo da mesma a EUA.
Este cumio demostraría igualmente a vontade europea, a través do eixe franco-alemá, de reconciliar as súas relacións con Rusia e Turquía, fortemente danadas nos últimos años con motivo da crise ucraína, manifestando así unha posición independente dos intereses de Washington.
A presenza francesa no cumio de Istambul é igualmente significativa, aspecto que reforza as expectativas de Putin por crebar a alianza atlantista. A finais de agosto, e durante unha xuntanza con persoal diplomático francés, o presidente Emmanuel Macron considerou a necesidade de que Rusia “integre o sistema de defensa europeo”, argumentando que Europa “xa non pode depender exclusivamente de EUA”. Estas declaracións de Macron evidencian o malestar europeo ante as controversias establecidas por Trump no recente cumio da OTAN en xullo pasado, no sentido de que Europa debe pagar mais polo esforzo militar estadounidense vía Alianza Atlántica.
Trala súa inesperada xuntanza coa chanceler alemá Ánxela Merkel en Berlín o pasado 18 de agosto (oficialmente anunciada a penas dous días antes), Putin acelera os pasos para asegurar o equilibrio dos seus intereses xeopolíticos dende o Mar Báltico ata Siria. Sabe que a oportunidade é única, tomando en conta o amargo distanciamento da administración de Donald Trump co respecto a Europa e a guerra arancelaria que mantén EUA con China.
Por isto, o presidente ruso non perde oportunidade de mover con certeza as súas fichas no xadrez xeopolítico internacional. E neste taboleiro, Europa é vital. O cumio con Merkel marcou unha nova sintonía nas relacións ruso-europeas, coa xeopolítica enerxética como epicentro de atención.
A amiga Merkel
Merkel e Putin acordaron puntos estratéxicos onde a conxunción de intereses semella ser algo manifesto. A ampliación do gasoduto Nord Stream II dende o Báltico ata Alemaña coloca a este país e Rusia como motores principais dun acordo enerxético estratéxico para Europa e Rusia.
Cun investimento estimado de US$ 10,5 billóns, este gasoduto é unha ampliación do Nord Stream que inicialmente incluía tamén a Ucraína como territorio de tránsito, e de alí ao Mar Negro, hoxe practicamente baixo control marítimo ruso trala anexión (que Moscova denomina “recuperación de soberanía”) da península de Crimea en 2014.
O problema é que Putin quere evitar o tránsito ucraíno do Nord Stream II, a tenor das malas relaciones entre Kiev e Moscova existentes desde 2014, trala crise de Crimea e o estoupido do conflito no Donbass, as rexións separatistas de Donetsk e Lugansk localizadas no Leste ucraíno, de maioría de poboación ruso falante.
Por tanto, atraer a Merkel cara un Nord Stream II sen participación ucraína corresponde un éxito evidente para a diplomacia enerxética de Putin. Para Merkel, o acordo define asegurarse a Rusia como o socio enerxético natural de Europa, abrindo un compás de apertura que progresivamente permita sepultar as sanciones internacionais contra Rusia vixentes desde 2014, principalmente impulsadas dende Washington por mor das crises de Crimea e do Donbass.
Esta sintonía de intereses entre Merkel e Putin consolídase tomando en conta unha recente enquisa realizada en Alemaña, na que un 66% dos enquisados manifestaron estar a favor da ampliación do Nord Stream II dende o Báltico ata Alemaña.
Precisamente, a interminable crise ucraína foi outro punto chave do cumio Merkel-Putin. Neste sentido, o presidente ruso semella gañarlle a partida a Kiev toda vez logrou aparentemente atraerse o apoio de Merkel a súa esfera de influencia, principalmente ante as críticas da chanceler alemá contra a postura de Kiev de non negociar a pacificación do Donbass coas autoridades destas repúblicas separatistas.
Se o Nord Stream II é un evidente logro enerxético para os intereses rusos, as críticas de Merkel a Kiev por non cumprir cos Protocolos de Minsk asinados entre 2014 e 2015 para poñer fin ao conflito do Donbass, supón un “match point” en toda a regra favorable ao Kremlin. Neste sentido, Merkel coincidiu cos postulados de Putin de criticar a Ucraína polas presuntas violacións das autoridades dese país dos Protocolos de Minsk. Compre observar que Rusia, Ucraína, as repúblicas do Donbass, Belarús, Alemaña e Francia son países asinantes e garantes do cumprimento destes protocolos.
Por iso, a sintonía de Merkel con Putin no relativo ao conflito ucraíno supón un duro golpe ás pretensións atlantistas vía OTAN de seguir mantendo a Alemaña como aliado inalterable. Este contexto pode igualmente acelerar as expectativas da OTAN de fortalecer a Ucraína dentro da súa esfera de influencia, cunha posible admisión de Kiev á Alianza Atlántica a curto prazo. Un feito que Putin observa con preocupación pero tamén practicamente como un fait accompli que debe necesariamente contrarrestar.
Os outros puntos de interese da reunión Merkel-Putin foron o programa nuclear iraniano, no que ambos coincidiron en seguir mantendo en pe con negociacións con Teherán a pesares da ruptura manifestada por Trump en maio pasado; e a crise humanitaria en Siria, peza chave na xeopolítica de Putin ao lograr manter no poder ao seu aliado Bashar al Asad, considerado tamén o principal aliado iraniano en Oriente Próximo.
Por tanto, o presidente ruso busca preparar outra movida diplomática de alto nivel como a ocorrida en novembro de 2017, co cumio de Sochi (Rusia) celebrado con Turquía e Irán, e que permitiu sentar as bases da Siria post-conflito. E para isto aproveita o actual contexto existente na rexión.
O “Mare Nostrum” ruso-turco
A recente crise financeira turca, que provocou unha forte depreciación da súa moeda, a lira turca, deu paso a un forte enfrontamento entre o presidente Erdogan e o seu homólogo estadounidense Trump. Como se mantivera firme a proclama do seu igualmente homólogo presidente venezolano Nicolás Maduro, Erdogan acusou a Trump de impulsar unha “guerra económica” contra Turquía.
Esta crise entre Erdogan e Trump confirma a aparentemente inalterable viraxe xeopolítica turca cara Rusia e China. Con Putin, Erdogan ten amosado unha notable sintonía de intereses desde a súa reconciliación en 2016, tras meses de crises diplomática polo incidente de dous cazas rusos abatidos en territorio turco en outubro de 2015.
A viraxe de Erdogan cara Rusia (e progresivamente cara China) tamén preocupa á OTAN, xa que Turquía é membro estratéxico da Alianza Atlántica desde 1952 e é igualmente considerado como o segundo exército en número de efectivos dentro da OTAN. Non obstante, as friccións turco-estadounidenses están igualmente propiciando un achegamento militar defensivo entre Ankara e Moscova, tal e como se observou recentemente pola aceptación turca de recibir os mísiles rusos S-400 de defensa aérea, en vez dos avións de combate estadounidenses F-35.
Curiosamente, o papel turco dentro da OTAN orientado a frear a expansión soviética en tempos da “guerra fría” semella volverse agora “papel mollado” e saltar polos aires ante as pretensións xeopolíticas de Erdogan de achegarse cara a Rusia de Putin, herdeira do ex imperio soviético.
Paralelamente, Erdogan, probablemente a instancias de Putin, semella persuadido a rexeita un rescate financeiro por parte do FMI, que colocaría a Turquía na órbita de influencia (e quizais dependencia financeira) de Washington. Para contrarrestar esta posible dependencia do FMI, Erdogan acordou recentemente unha serie de investimentos valorados en US$ 15 billóns con Qatar, outro dos aliados de Putin establecidos por mor dos acordos de Sochi.
Igualmente, Putin e Erdogan aceleran mecanismos para converter ao Mar Negro nunha especie de espazo marítimo ruso-turco fóra do alcance das forzas atlantistas.
Os enormes proxectos de infraestruturas que Moscova está levando a cabo en Crimea, destacando a recente inauguración en maio pasado da ponte de Kerch que une á península de Crimea co territorio ruso de Tamán a través do Mar de Azov e do Mar Negro, semella selar unha punta de lanza orientada a facer do Mar Negro unha especie de “Mare Nostrum” ruso con participación turca. Unha especie de reminiscencia da política de balanza de poder establecida no século XIX, entón entre a Rusia zarista e o Imperio otomán.
Asegurada con Merkel a súa esfera de influencia no Mar Báltico, Putin está acelerando esa mesma condición con Erdogan dentro do Mar Negro. Como outra curiosa reminiscencia histórica, semella agora que Putin estivera resucitando a “Cortina de Ferro” dende o Báltico ata o Mar Negro, para evitar a influencia occidental atlantista.
O control ruso sobre Crimea e a súa influencia en Siria frustrou as pretensións de Washington de frear un revival de expansionismo do Kremlin dende o Mar Negro ata o Mediterráneo, e de alí ao corazón de Oriente Próximo. A viraxe xeopolítica turca cara Rusia pero tamén cara China fortalece igualmente os intereses rusos e chineses de impulsar unha especie de renacemento de Eurasia a través de iniciativas de integración económica fóra do alcance da Unión Europea e da OTAN.
O cumio para illar a Trump
Este contexto serve en “bandexa de prata” a posibilidade de que Putin impulse este cumio cuatripartito entre Rusia, Turquía, Alemaña e Francia a celebrarse en Istambul o próximo 7 de setembro.
Este escenario semella asegurar as pautas de reconfiguracións xeopolíticas entre Europa e Rusia, tanto no Leste europeo (Ucraína), Oriente Medio (Siria, Irán) e no espazo euroasiatico (Turquía, China), neste último caso como catalizador de proxectos xeopolíticos de desenvolvemento como son os casos da Unión Económica Euroasiática impulsada por Moscova e das Rutas da Seda que acelera Beijing.
O transfondo para Putin é sentar as bases dun novo mapamundi xeopolítico global, onde un EUA cada vez mais illado teña menos marxe de manobra ante o empuxe de Rusia e China, con Europa, Turquía e Irán como actores colaterais.
O obxectivo do Kremlin está en asegurar estes novos reacomodos, principalmente con Alemaña e Francia, antes da celebración das eleccións lexislativas estadounidenses pautadas para novembro próximo. Comicios nos que Trump agarda consolidar a súa fortaleza electoral con pretensións de reelección presidencial para o 2020.
Pero está por ver se os recentes escándalos en torno á administración Trump na Casa Branca terminarán provocando obstáculos nestas pretensións do Partido Republicano de continuar mantendo o seu control na Cámara de Representantes e no Senado. Por outra banda, non se observa unha real desde o opositor Partido Demócrata para evitar esta posible renovación hexemónica republicana nas lexislativas de novembro.
Noutra orde de asuntos, e visto como efecto colateral, Putin tamén saca partido do recente falecemento do ex candidato republicano e senador John McCain, considerado un forte detractor de Trump e de Putin, así como un dos principais azotes no relativo á presunta trama rusa nas eleccións presidenciais 2016. Sen McCain, o Kremlin observa a desaparición dun político fortemente detractor de Putin e con alto nivel de influencia nas filas republicanas, principalmente no relativo ás investigacións das relacións existentes entre Trump e Putin.
No complexo taboleiro xeopolítico global, Putin está xogando un xadrez estratéxico que lle está dando ganancias xeopolíticas de enorme nivel. Está por ver se o cumio de Istambul prefigure a estela de cambios inesperados no sistema internacional.