O novo mandato de Putin será de máis guerra
O 7 de maio V. Putin celebrou no Kremlin por quinta vez a súa investidura como presidente. Malia estar avisado que os resultados da votación non serían recoñecidos debido á inclusión das rexións anexionadas de Ucraína e de ter recibido escasas felicitacións do estranxeiro, o dono do Kremlin estaba contento de ter o permiso formal para gobernar ata 2030 un dos países máis grandes do mundo. Coa aprobación, voluntaria ou por resignación, que lle daba a maioría dos seus súbditos para continuar a súa traxectoria imperialista de recuperación da “grandeza da Nai Patria”, impoñéndose á “contorna inimiga”, que supostamente non tiña outro obxectivo que destruíla a calquera prezo.