Unha reflexión de Javier López Prol

Crise e escenarios posíbeis

1. Crise do euro e crise global.

Para caracterizar a crise actual, ir alén dos factores conxunturais e realizar unha análise máis profunda das súas causas últimas así como das súas múltiples dimensións, debemos, en primeiro lugar, observar a influencia das forzas estruturantes sobre a formación e o estourido da mesma. O cambio de paradigma que se empeza a producir na economía mundial a partir dos 70 caracterizado pola aparición do neoliberalismo e o avance da globalización determina de forma fundamental os derroteiros polos que fluirá a actividade económica mundial dende ese momento. Ambos fenómenos, ademais do desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), potencian o proceso de financiarización, que é o principal desencadeante da crise económica, aínda que non por iso a súa causa única.

Apartados xeográficos Others
Idiomas Galego

1. Crise do euro e crise global.

Para caracterizar a crise actual, ir alén dos factores conxunturais e realizar unha análise máis profunda das súas causas últimas así como das súas múltiples dimensións, debemos, en primeiro lugar, observar a influencia das forzas estruturantes sobre a formación e o estourido da mesma. O cambio de paradigma que se empeza a producir na economía mundial a partir dos 70 caracterizado pola aparición do neoliberalismo e o avance da globalización determina de forma fundamental os derroteiros polos que fluirá a actividade económica mundial dende ese momento. Ambos fenómenos, ademais do desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), potencian o proceso de financiarización, que é o principal desencadeante da crise económica, aínda que non por iso a súa causa única.

Como xa mencionamos, non é posíbel entender a financiarización se non se integran na análise o resto de forzas estruturantes que permiten a súa irrupción e fomentan o seu desenvolvemento (neoliberalismo, globalización e desenvolvemento das TIC). Todos estes factores son as causas estruturais dunha crise que vai alén da conxuntura, pois supón a disfuncionalidade do propio sistema económico en tanto en canto este amósase incapaz de proveer os bens e servizos necesarios para satisfacer as necesidades da maioría da poboación, de xerar crecemento económico e emprego e, en fin, de garantir a súa propia reprodución. Isto non quere dicir que o sistema capitalista estea abocado á súa extinción, senón que a súa eventual continuidade estará marcada por forzas estruturantes diferentes ás coñecidas até o momento -ou nunha medida distinta-, e que determinarán o seu funcionamento futuro. Este é por tanto un punto de inflexión, unha crise estrutural da cal sairá un sistema económico con diferenzas trascendentais. É por iso de vital importancia o estudo da situación actual, pois da correlación de forzas que imperen neste momento de cambio dependerá que o sistema en (re)formación (ou reestruturación) sexa funcional a uns ou outros intereses.

Até o momento mencionamos a dimensión financeira (desencadeante da crise económica), e a socieconómica (incapacidade do sistema económico para satisfacer as necesidades da poboación e da súa propia reprodución), pero esta está mais ou menos delimitada á Unión Europea (EU) e os Estados Unidos de América (EUA). Nembargantes, a crise ten unha compoñente global determinada pola degradación ambiental. A crise ecolóxica global constitúe a última das forzas estruturantes en contradición co sistema económico imperante, e determina de xeito concluínte o seu carácter mundial e estrutural. Cecais sexa asemade a de máis difícil solución, pois aínda que o capitalismo puider sobrevivir á crise económica actual reconfigurándose a si mesmo, semella complicado encaixar o crecemento infinito característico deste sistema co ecosistema finito delimitado polo planeta que habitamos.

Para superar a actual etapa de crise sistémica, o capitalismo debe superar unha serie de contradicións inherentes ao seu propio funcionamento. A clásica contracción capital-traballo semellou chegar a un equilibrio durante a época fordista, na cal se produciron incrementos salariais sostidos e a construción do Estado de Benestar, ao mesmo tempo que aumentaban os beneficios empresariais. Isto foi posíbel debido aos incrementos de produtividade e ao efecto favorábel ás economías desenvolvidas da Relación Real de Intercambio (RRI) cos países provedores de materias primas. Nembargantes, a partir  dos 70 racha este equilibrio polos menores incrementos da produtividade e o incremento de prezos das materias primas (crise do petróleo), polo que a pugna distributiva a partir da impronta neoliberal comeza de novo a decantarse da beira do capital. Esta contradición distributiva que se acentúa na actual crise, e que semella seguir escorándose polo momento á mesma beira, deberá chegar a un equilibrio que fomente de novo o crecemento, tendo en conta  a especial relevancia da variábel salario na economía, pois este constitúe á vez un custe para a empresa, pero é asemade a fonte que alimenta o consumo da mesma, polo que a súa funcionalidade na economía é per se contraditoria.

Pero ademais do conflito capital-traballo tamén se producen no capitalismo actual contradicións entre capitais (por exemplo, entre o capital produtivo e financeiro) e incluso entre traballo debido á propia segmentación dese mercado (por exemplo, os traballadores dunha empresa que se deslocaliza están competindo cos eventuais traballadores de países en desenvolvemento; ou os intereses dos insiders chocan cos dos desempregados). Pero cecais a máis grave desas contradicións sexa o conflito co ecosistema, xa que ao ser de longo prazo e efectos diferidos, a súa solución pode ser postergada até alcanzar o punto de irreversibilidade.

2. Escenarios posíbeis.

 

2.1. Escenario de afondamento neoliberal.

Ante as contradicións anteriormente mencionadas, o propio sistema mediante as súas institucións (máis ou menos democráticas) dominantes trata de mutar as súas propias condicións para garantir a súa continuidade. O escenario máis probábel tendo en conta as medidas adoptadas até o momento é o afondamento da impronta neoliberal. As características fundamentais deste proceso xa as temos mencionado (desregulación, mercantilización de espazos sociais, estado funcional aos intereses do mercado e retraimento do mesmo da actividade económica, etc). Nembargantes, no contexto actual podemos caracterizar o escenario de afondamento do neoliberalismo na UE, nomeadamente nos países da súa periferia, en torno a dous procesos aparentemente contraditorios mais complementarios:

- Anglosaxonización: O modelo europeo continental  baséase en Estados de Benestar con sectores públicos relativamente amplos (en comparanza cos países anglosaxóns). Provisión case-universal de servizos públicos fundamentais (sanidade, educación, xustiza), políticas sociais de compensación e redistribución da renda. As políticas económicas implementadas até o de agora polo Estado español e a UE oriéntanse polo momento cara o sistema anglosaxón, con medidas como recurtes nos servizos públicos e preeminencia dos seus substitutivos privados, fiscalidade centrada en impostos indirectos (IVE) e taxas e prezos públicos (xudiciais, educativos) e desregulación dos mercados (nomeadamente o laboral).

- Chinización: China tivo até o de agora un modelo económico baseado no sector exportador. Aínda que en países como España cun déficit comercial estrutural que se incrementaba dende finais dos 90 era necesaria a corrección do mesmo, o modelo español semella orientarse cara ao modelo chinés baseado nas exportacións. Alemaña ten un modelo con grande importancia exportadora, mais a elección do termo chinización para caracterizar este proceso reside no feito de que o incremento das exportacións preténdese conseguir exclusivamente a través do descenso dos costes laborais. Aínda que Alemaña seguiu unha política de contención salarial na última década, este non é o elemento único da súa estratexia exportadora, senón que o principal factor do seu éxito é a súa especialización en bens de alto contido tecnolóxico, alta produtividade e alto valor engadido. Ao centrar as políticas de axuste no descenso dos custes laborais consolídase un modelo baseado en producións intensivas en man de obra e baixa produtividade. Dous problemas subxacen a esta estratexia: o primeiro é a elevada competitividade internacional en produtos destas características (China, India, Bangladesh, etc.), así como a alta elasticidade-prezo deste segmento, o que condiciona a alta competitividade e os baixos prezos; a segunda é a imposibilidade de implementar a nivel global estratexias baseadas na exportación, pois as exportacións duns son as importacións dos outros, polo que é fácticamente imposíbel que tódolos países se especialicen no sector exportador.

No caso de lograr unha especialización comercial estábel que supoña un superávit sostido, é posíbel que este modelo teña éxito no que a crecemento económico se refire, substituíndo o mercado interno polo exterior e degradando as condicións laborais e salariais dos traballadores co gallo de lograr competitividade internacional. É dubidoso de tódolos xeitos que se logren niveis de emprego suficientes para absorber toda a forza de traballo parada existente no Estado español (superior ao 26% en xullo de 2013), aínda a custa dunha intensa devaluación salarial. A liberalización dos mercados financeiros propia deste sistema debilita o exercicio democrático, pois as políticas monetarias, fiscais e tributarias quedan supeditadas aos intereses dos mercados financeiros, pois estes, a través da asignación de investimento produtivo e do financiamento do sector público sonlos que determinan en último termo o grao de produción e crecemento e as posibilidades financeiras das administracións públicas.

Aínda que como mencionamos este modelo pode funcionar de forma parcial nalgúns países (incluso na UE en conxunto), é imposíbel a especialización exportadora a nivel mundial, polo que esta debería estar baseada en déficits estruturais noutros países que terían que colapsar nalgún momento (como na actualidade ocorreu cos países comercialmente deficitarios no seo da UE) provocando así unha nova crise.

No plano ambiental, o neoliberalismo propugna a non contradición entre crecemento e ecoloxía, polo que a simple integración do capital natural a través de mecanismos de mercado sería abondo para solventar a crise ambiental global. Esta análise simplista foi amplamente superada pola economía ecolóxica (Daly 1997, 1999; Georgescu-Roegen 1971), polo que aínda que se lograra un crecemento económico no curto prazo ficaría latente a cuestión medioambiental.

2.2. Escenario continuista.

No escenario continuista plantexámonos que se manteñan as medidas económicas adoptadas até o momento sen afondar substantivamente na deriva neoliberal. Basándonos nos resultados obtidos até o de agora isto suporía a perpetuación do estancamento económico e o desemprego. Aínda que o Estado español conseguiu corrixir o déficit comercial estrutural que viña sufrindo dende hai máis dunha década e os axentes económicos privados teñen realizado un rápido desapalancamento, este último proceso ainda non é completo e ten sido en boa medida en base á socialización desa débeda, particularmente no caso da banca. Isto fixo que o problema do endebedamento se trasladase ao Estado, polo que este non é capaz de implementar políticas fiscais expansivas para fomentar o crecemento económico, afondando así na recesión e aumentando a contía da débeda pública respecto ao PIB. Ademáis, o escenario deflacionista imperante na actualidade fai que se incremente o monto da débeda real, facendo máis difícil o proceso de desendebedamento de axentes privados e sector público, e creando un círculo vicioso de forma que canto más intentan desapalancarse os axentes (menos gasto) máis se ralentiza a actividade económica, baixan os prezos e aumenta polo tanto a débeda real. Este proceso só pode rachar mediante a intervención pública (imposíbel polo crecente endebedamento público e a imposibilidade de monetización da débeda), ou conseguindo importantes superávits comerciais que pasen a ser o motor do crecemento económico. Isto semella difícil debido á competencia internacional e á ausencia de sectores produtivos punteiros na economía española, polo que o máis probábel neste escenario continuista sería a recesión económica e un estancamento que podería prolongarse alén dunha década como de facto sucedeu no caso nipón, incluso implementando importantes políticas fiscais expansivas.

2.3. Escenario reformista.

Cecais este sexa o máis incerto dos escenarios, pois son multitude as alternativas que se propugnan ás políticas dominantes, e non é posíbel saber a priori con certeza as consecuencias que terían estas propostas en caso de ser levadas á práctica.

Unha das alternativas clásicas que se suxire é a de inclinar a balanza distributiva do lado das rendas do traballo. Isto podería fomentar o consumo, o cal sumado ao incremento do gasto público poría en funcionamento a panca do crecemento. Aínda que a débeda pública aumentaría no curto prazo, o crecemento económico e unha inflación lixeiramente elevada reduciría progresivamente o monto da débeda real e a súa porcentaxe con respecto ao PIB. Isto debería estar acompañado da provisión de servizos públicos universais, a regulación dos movementos de capital, a reforma fiscal cara un sistema tributario máis progresivo baseado nos impostos directos sobre os indirectos e a distribución do traballo para conseguir niveis baixos de desemprego.

Aínda que soa ben, a viabilidade práctica desta alternativa no escenario actual é de suma complexidade, pois o incremento dos salarios suporía unha deslocalización empresarial cara países en desenvolvemento, a reforma fiscal incentivaría as fugas de capital cara países cunha tributación máis laxa, e o aumento da capacidade adquisitiva dos traballadores suporía o retorno ao déficit comercial que viña mantendo España até o momento. É dicir, é posíbel que se teña superado o punto de irreversibilidade, de xeito que a desregulación a nivel internacional fai que non sexa posíbel tomar este tipo de medidas a nivel nacional, pois a liberdade de movementos de capital e a globalización aportan os instrumentos necesarios para que estes axustes non poidan ser levados a cabo polos motivos anteriormente expostos, a menos que foran implementados coordinadamente a nivel mundial.

Outra das alternativas que se suxiren é a saída do Euro para a recuperación do tipo de cambio como instrumento de política económica. Os defensores desta opción alegan que utilizando este instrumento (a través da devaluación da peseta) lograríase acadar maior competitividade internacional (xa que os prezos en pesetas serían máis baixos noutras divisas), e poderíase así evitar a devaluación salarial. As políticas de devaluacións competitivas son denominadas como políticas de “empobrecer ao veciño”. Non son ben vistas a nivel internacional e poden provocar unha guerra de divisas na que outros países tamén procuren depreciar a súa moeda para non perder competitividade internacional. A devaluación conseguiría por tanto abaratar os produtos españois no estranxeiro polo que aumentarían as exportacións que poderían ser dese xeito o motor económico da recuperación. Pero esta política ten varias eivas. En primeiro lugar, a outra cara da moeda da devaluación é que ao mesmo tempo que se abaratan os produtos españois no exterior encarécense as importacións. Iso ten dous efectos: un positivo, consistente na substitución de produtos estranxeiros por internos, reducindo así o déficit comercial e promovendo a industrialización. Mais por outra banda, aumenta o nivel de prezos da economía, pois multitude de produtos que non teñen substitutivos nacionais encareceríanse. Isto podería provocar unha espiral inflacionista se a economía é moi dependente das importacións e incluso podería compensar o efecto positivo da devaluación se os sectores exportadores dependen de materias primas ou bens de capital importados.

Outros inconvenientes da devaluación consisten na fuga de capitais que se produciría cando se albiscaran posibilidades da mesma, xa que os depósitos monetarios e os activos que pasen a denominarse en divisa nacional sufrirán unha depreciación equivalente á devaluación sufrida pola moeda. Do mesmo xeito, as débedas contraídas con axentes estranxeiros que ficaran denominadas en divisas veríanse multiplicadas na mesma proporción que a devaluación producida. Isto suporía a quebra de multitude de empresas produtivas con débedas denominadas divisas, así como a multiplicación da débeda pública, denominada en euros. Ante este panorama, a única solución sería a reestruturación ou o impago da débeda pública, coas consecuencias que iso tería sobre as futuras posibilidades de financiamento das administracións públicas, e coas relacións políticas e comerciais con outros países da UE (principais tenedores da débeda pública española).

3. Conclusións.

Finalmente, aínda as reformas anteriormente mencionadas foran implementadas a nivel mundial, ou a devaluación tivera éxito creando oportunidades de crecemento económico, continuaría latente a crise ambiental. Neste senso, a única alternativa viábel semella a plantexada pola economía ecolóxica. Debemos ser conscientes de que non é posíbel o crecemento infinito nun sistema pechado como é o planeta terra. O subsistema económico consome máis recursos (materia e enerxía) dos fluxos que nos pode aportar o ecosistema, polo que o crecemento actual fundaméntase na sobreexplotación dos recursos stock que levan formándose millóns de anos (principalmente petróleo e outros minerais) e que se atopan en réxime de escaseza relativa. Cuando esa escaseza sexa absoluta, o colapso do sistema económico será total, pois os fluxos de enerxía (provenientes principalmente do Sol, aínda que tamén dos ríos, o vento e as mareas) que recibimos do ecosistema son moi inferiores aos que utilizamos grazas a ese subsidio negro chamado petróleo, que pola súa condición de stock, rematará tarde ou cedo por se esgotar. De xeito análogo, podemos razoar respecto ao consumo de materia e á xeración de residuos.

Por tanto, aínda que xa vimos que se poden buscar alternativas parciais á crise económica, ningún modelo de desenvolvemento pode ser sostíbel a longo plazo se non soluciona a contradición economía-ecoloxía. Neste senso, as alternativas pasarían por lograr a compatibilidade entre o metabolismo exosomático das sociedades co metabolismo do ecosistema no que estas se desenvolven. Isto supón a necesidade dun decrecemento ordeado nas sociedades occidentais até chegar ao punto de sostibilidade, e un crecemento económico moderado nas sociedades menos desenvolvidas económicamente. Evidentemente, este decrecemento ordeado ou crecemento moderado non é posíbel baixo a lóxica do sistema económico actual, pois non é relevante o crecemento en si (principal leitmotiv da economía capitalista) senón a consecución do benestar social. A complicación reside na definición dese benestar social e na súa cuantificación, e máis aínda, en superar un sistema económico que creou toda unha cultura e unha sociedade á súa imaxe e semellanza, e que impuxo nas sociedades occidentais os principios de consumismo e liberdade individual como condicións naturais do ser humano, o cal distorsiona a nosa propia percepción do benestar, sesgándoa cara aquela máis interesante á acumulación de capital. Ei-la principal reforma.

Bibliografía.

DALY, Herman E. (1999). Ecological Economics and the Ecology of Economics: Essays in Criticism. Michigan. Edward Elgar Pub.

DALY, Herman E.; SCHÜTZE, Christian; BECK, DAHL, Jürgen (1997). Crisis ecológica y sociedad. Alzira. Arcadia.

GEORGESCU-ROEGEN, Nicholas (1971). The Entropy Law and the Economic Process. Cambridge, Massachusetts. Harvard University Press.

 GONZÁLEZ-TABLAS, Ángel Martínez

- (2007). Economía política mundial I. Fuerzas estructurantes.  Barcelona. Ariel.

- (2007). Economía Política Mundial II. Pugna e incertidumbre en la economía mundial. Ariel. Barcelona.

- (2012). La crisis del Euro: interpretación contextual y salidas. Revista de economía crítica Nº13 pp. 5-29.

GONZÁLEZ-TABLAS, Ángel Martínez; CANTALAPIEDRA, Santiago Álvarez (2009). Una lectura de la crisis desde una perspectiva estructural, La(s) crisis. La civilización capitalista en la encrucijada. Papeles de relaciones ecosociales y cambio global. Fuhem-ecosocial.