20061128 minsk putin e lukashenko no cumio cei

De Riga a Minsk

 Putin e Lukasenko, clic para aumentar
Con Turkmenistán, Xeorxia, e Ucraína moi reviradas e un amplo espazo de indefinición nos demais estados, a Rusia quédalle Minsk, pero tamén con problemas. O volume de cru que Putin facilita a Lukasenko supera varias veces as necesidades internas de Bielorrusia. O diñeiro xerado polos excedentes beneficia a Minsk, pero non a Moscova. (Foto: Putin e Lukasenko no cumio da CEI o 28 de novembro de 2006).
 

No mesmo día, cumio da OTAN en Riga, cumio da CEI en Minsk. Dous mundos que se cruzan, pero con destinos diferentes. A CEI, creada hai quince anos para asegurar o control do potencial nuclear da URSS despois da súa desintegración, atravesa momentos delicados e carece de política e de perspectivas. En Minsk acordouse a súa reforma, pero non será doada. Os tres lustros transcorridos dende a súa creación veñen a demostrar que Rusia non foi quen de transformar a súa superioridade económica e política sobre os demais países da CEI en influencia seria e, conseguintemente, de evitar que en cada unha das súas subrexións (Transcaucasia, Asia central, etc) outros actores globais como EEUU e China, especialmente, vaian gañando posicións no seu prexuízo. A UE, coma sempre, alén das habituais diverxencias, carece dunha política propia ao respecto.

Con Turkmenistán, Xeorxia, e Ucraína moi reviradas e un amplo espazo de indefinición nos demais estados, a Rusia quédalle Minsk, pero tamén con problemas. O volume de cru que Putin facilita a Lukasenko supera varias veces as necesidades internas de Bielorrusia. O diñeiro xerado polos excedentes beneficia a Minsk, pero non a Moscova. Os prezos do gas e a propiedade do gasoduto Rusia-Europa provocan diferenzas importantes que son a derradeira expresión dunha política errática de sostemento dos novos estados independentes, prexudicial para os seus propios intereses, e que non soubo transformar de forma concertada e a tempo para evitar os matices políticos actuais de chantaxe que radicalizan as posturas.

Certo que a OTAN tamén ten as súas crises. Na reunión de Riga falouse e moito de Afganistán, onde os problemas crecen, pero o asunto de fondo é a súa expansión global. A propia celebración do cumio nunha capital báltica é expresión dun alargamento (Albania, Croacia, Macedonia serán os seguintes) que vai moito máis alá de Europa. EEUU non se conforma con atenazar a Rusia. O seguinte obxectivo é China. George Bush quere abrir a Alianza a países como Australia, Xapón ou Corea do Sur, completando o cerco ao seu rival estratéxico máis importante para o futuro, e dando a entender con claridade que a doutrina da contención é a que prima nas consideracións globais da súa Administración. Así, estirando, estirando, o Atlántico Norte chegará nada menos que ata o Pacífico. "E se mais mundo houvera, la chegara", como dicía Camoes.