Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI no seu 29º aniversario, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Galicia perante a Conferencia para o Futuro de Europa.

Pode que a historia non se repita pero Bruxelas é cada vez máis unha cidade sen memoria. Logo dun exercicio de case tres anos o chamado proceso Bratislava-Roma-Sibiu (setembro 2016-maio 2019) a UE, tal que montaña, decidiu parir un rato. Oficialmente para examinar o futuro da UE aos sesenta anos do Tratado de Roma, en realidade un exercicio terapéutico pola retirada do Reino Unido, tivo como grande proposta a creación dun novo proceso de reflexión: a Conferencia para o futuro de Europa. 

Liñas de investigación Paradiplomacy
Apartados xeográficos Foreign action of Galicia
Idiomas Galego

Pode que a historia non se repita pero Bruxelas é cada vez máis unha cidade sen memoria. Logo dun exercicio de case tres anos o chamado proceso Bratislava-Roma-Sibiu (setembro 2016-maio 2019) a UE, tal que montaña, decidiu parir un rato. Oficialmente para examinar o futuro da UE aos sesenta anos do Tratado de Roma, en realidade un exercicio terapéutico pola retirada do Reino Unido, tivo como grande proposta a creación dun novo proceso de reflexión: a Conferencia para o futuro de Europa. 

Non hai que ter moitos anos para lembrarse que hai dezaoito lanzou a Convención para o Futuro de Europa. Trala Declaración de Laeken de 2001 e durante ano e medio elaborouse o proxecto de Constitución Europea nun proceso participativo e aberto coma nunca se tivo celebrado un tratado internacional. O resto da historia é coñecida, se ben o recentemente elixido Zapatero convocou un referendo para ser “os Primeiros en Europa” (así era o lema institucional), o non neerlandés e francés levaron a un impase que se solucionou eliminando os aspectos máis simbólicos daquela constitución para quedarse co Tratado de Lisboa vixente.

Estamos por tanto, nun déjà vu. Se ben a pandemia foi a escusa para evitar lanzar un proceso que aparte de, signo dos tempos, sería moi virtual e interactivo, máis redes sociais e menos garabatas, en realidade nin Consello, nin Parlamento, nin Comisión son quen de acordar quen a presidiría.

Galicia tivera un papel notorio daquela. Visto coa perspectiva do tempo, como afirma Tatham (2014), a Convención foi o último momento da época das chamada “Europa das rexións”. Termo este último continxente totum revolutum froito da natureza, como afirma Hix (2007), hiperconsociativa da UE.

Un período que, desde mediados dos anos 80, cos procesos de descentralización en moitos Estados Membros e a progresiva asunción de competencias pola daquela CEE estimularon o enorme voluntarismo de moitos mandatarios territoriais (Fraga, Maragall, Pujol, Martini, Schausberger, Chabert, Lambertz, Bore) na idea, co tempo demostrada que un tanto naif, que se estaba xerando unha nova orde legal que sobordaba o Estado, o que tamén se deu en chamar Gobernanza Multinivel (Marks, 1992). A introdución do principio de subsidiariedade, a creación do Comité das Rexións (CdR) polo Tratado de Maastricht (1992) e a expansión da Política Rexional ou de Cohesión Territorial, ata supor máis dun terzo do crecente orzamento da UE,  son testemuños deste activismo.  A Convención Europea foi como dicimos un momento sobranceiro porque durante uns meses e obviando fronteiras estatais, idiomas e ideoloxías partidarias confluíron, no chamado grupo de Rexións con Competencias Lexislativas (REGLEG), Länder alemáns e austríacos, rexións federadas belgas, Comunidades Autónomas, rexións italianas, Madeira, Azores, Aland, e as recentemente obtida Devolution de Escocia e Gales. 

En clave española, como lembrou anos despois Ignacio Sánchez Amor (2010), despregouse unha auténtica paradiplomacia autonómica que ignoraba tribos partidarias que unía o líder  socialista estremeño co galego Gamallo Aller, o nacionalista vasco Jose Mari Muñoa e a Generalitat con líderes flamengos liberais ou austríacos demócrata-cristiáns no fin común de que o Dereito da UE recoñecese plenamente a todos estes territorios no seu proceso de toma de execución e xurisdición.  Foi un momento único que non volveu repetirse. Xa antes da final da Convención comezaron a desmarcarse: os británicos aliñándose co goberno central; os Länder buscaban protexerse do baleirado competencial pola UE namentres que as CCAA buscaban solucionar na UE os seus problemas de articulación interna,  exemplificados daquela polo chamado Plan Ibarretxe. Ao final, quen gañou foi o Comité das Rexións que viu o seu rol afianzado.

Foi un momento culminante, xa que esgotouse o modelo colaborativo, excesivamente dependente do voluntarismo e a axenda dos mandatarios rexionais, razón pola cal REGLEG deixou de existir como tal (e razón pola que a CALRE, que reúne aos lexislativos rexionais, si ten un papel meritorio complementando o traballo do CdR).

Era mais factible solucionar os problemas en clave interna en vez de tentar pontear, por exemplo, ó goberno federal alemán (Jeffery, 2005). Daquela e agora, o problema con Europa téñeno as CCAA, as demais mal que ben foron atopando solucións de orde interna (Bundesrat, Conferenza Stato-Regioni, Bundeshaupleutekonferenz).

A crise de 2008 cos recortes orzamentarios ós servizos públicos (en parte esixidos polos novos Tratados Fiscais da UE co gallo da crise da eurozona) e a fin das grandes ambicións e das mal chamadas embaixadas fixeron o resto.

Seguramente haberá un revival rexional na Conferencia para o futuro da UE. Pero en realidade esa discusión xa tivo lugar no ano 2018, coa Task Force de Subsidiariedade organizada pola Comisión, a conferencia de parlamentos estatais (a COSAC) e o CdR -o Parlamento abstívose de participar- . O Vicepresidente Timmermans xa organizara cando era ministro de exteriores holandés un exercicio interno semellante (tamén o goberno británico de Cameron) coa idea de que a UE se ocupase só das cousas importantes (“big of big things”) e deixase aos Estados o resto. Convocouse tamén para evitar que a organizase, en clave euroescéptica, a inminente presidencia austríaca da UE. O CdR, cada vez menos representante das rexións e cada vez mais de si mesmo ou cando menos dos grupos políticos que o dominan (Pazos-Vidal 2019, Piattoni e Schönlau, 2018), enfocou a cuestión da participación territorial no eido da “better regulation” ou simplificación normativa.  Asuntos que dado o impulso do Semestre Europeo e a nova gobernanza económica a resultas do coronavirus vanse discutir na Conferencia.

Por iso, fronte as boutades doutros, Galicia ten un papel que xogar en aproveitar esta oportunidade para sobre todo definir mecanismos eficaces de coordinación interna dada a pouca eficacia das Conferencias Sectoriais, avogar pola plena participación das CCAA nos Programas Nacionais de Reforma do Semestre Europeo, clave para poder optar ao chamado fondo de recuperación. Pero a credibilidade europeísta comeza dando exemplo: cumprindo co Dereito comunitario en residuos, espazos naturais, contratación publica, concesións, axudas de Estado, transparencia, transporte sostible e publico, educación. Xa o Adrián Solovio de Arredor de si descubriu hai case un século que Europa empeza na casa.

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI (coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Linguística) no seu 29º aniversario, coa vontade de impulsar e normalizar o uso do galego en todos os ámbitos, de maneira específica e desde a natureza do IGADI, na análise das relacións internacionais, xeopolítica e novos estudos globais.