Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI no seu 29º aniversario, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Bielorrusia e as reformas inevitables

Nin o impoñente frío do inverno bielorruso, nin os siloviki (membros das forzas de seguridade do Estado) frearon as manifestacións contra o “Decreto sobre os parásitos”. Era febreiro de 2017 e o goberno de Bielorrusia decidira establecer un imposto para as persoas desempregadas. O descontento da sociedade resoaba polas rúas de Minsk, unha cidade acostumada á discreción cando se falaba das cuestións políticas.

Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Europe
Idiomas Galego

Nin o impoñente frío do inverno bielorruso, nin os siloviki (membros das forzas de seguridade do Estado) frearon as manifestacións contra o “Decreto sobre os parásitos”. Era febreiro de 2017 e o goberno de Bielorrusia decidira establecer un imposto para as persoas desempregadas. O descontento da sociedade resoaba polas rúas de Minsk, unha cidade acostumada á discreción cando se falaba das cuestións políticas.

Despois de varias xornadas de protesta, o presidente Lukashenko cedeu e modificou esta lei. A importancia daquel “Decreto” e a súa resposta social radica nunha cuestión fundamental: o modelo social e económico que lle permitiu a Lukashenko manterse estable no poder. O “contrato social” entre o presidente e o pobo bielorruso baséase nuns preceptos claros, o crecemento económico e a estabilidade social a cambio da falta de liberdades. O outro piar fundamental son as forzas de seguridade que, polo de agora, mantéñense fieis ó mandatario.

Despois de dúas décadas no poder, cunha economía varada dende hai dez anos e cunha mobilización popular sen precedentes ¿son quen as autoridades bielorrusas de manter unha situación socioeconómica aceptable para os cidadáns? Probablemente, non.

A imaxe do Lukashenko está bastante deteriorada entre unha parte da opinión pública bielorrusa. A vitoria nas eleccións presidenciais do 9 de agosto con máis do 80 por cento do voto emitido xerou malestar, foi considerada fraudulenta e desatou as maiores protestas na historia do país. A resposta das autoridades foi a represión.

A pesares de que no ano 2010 tamén houbera mobilizacións contra o resultado electoral, o Estado mantiña uns niveis de benestar social relativamente bos. Cando Lukashenko asumiu a presidencia en 1994, parou as privatizacións das empresas estatais, mantivo unha taxa de desemprego moi baixa, reduciu a pobreza e houbo crecemento económico.

Gran parte deste logro acadouse grazas a unha relación comercial moi vantaxosa con Moscova. Bielorrusia adquiría gas e petróleo a prezos do mercado interno ruso e vendía os excedentes do cru refinado a outros países.

A situación mudou no 2019, cando as relacións entre os veciños volveron a se deteriorar de novo. Rusia –que é o maior socio comercial de Minsk- modificou as condicións destes tratos comerciais, subiu os prezos dos recursos enerxéticos e comezou a premer para ampliar a integración no Estado da Unión, un tratado firmado por ambos países na década dos 90 para crear unha entidade supranacional. A consecuencia destes cambios foi unha gran perda económica no presuposto nacional.

A isto cómpre engadir as impopulares reformas dos últimos anos: aumentouse a idade de xubilación, baixaron os salarios para os empregados estatais con reducións de xornadas laborais e houbo un incremento da emigración cara o estranxeiro.

A pandemia da Covid-19 foi un punto de fricción entre goberno e sociedade. Lukashenko non chegou a tomar medidas contundentes para frear os contaxios e chegou a burlarse dos efectos do coronavirus.

Outra cuestión importante é a demografía electoral, que tamén mudou. As novas xeracións urbanas, que foron a vangarda das protestas, apostan por un cambio, mentres que o apoio ao presidente reside principalmente nas áreas rurais e nos empregados públicos. Pero nas mobilizacións postelectorais do 2020, as manifestacións trasladáronse das principais cidades ás áreas rurais.

Outro punto de inflexión foron as marchas dos traballadores das empresas públicas, como a protesta na fábrica de tractores MTZ. Lukashenko visitou aos traballadores desta compañía e non foi ben recibido. Os obreiros reclamaban novas eleccións e a súa dimisión. O presidente cambiou entón a súa estratexia: reduciu a violencia policial e prometeu unha reforma constitucional e a descentralización do poder. Despois das emendas á Constitución habería novas eleccións pero non negociaría nas rúas, afirmou.

O cambio no país é un feito, tanto pola “politización” da sociedade trala represión das protestas como polo contexto económico.

O balance exterior

Lukashenko sempre tentou manter a súa propia independencia movéndose entre Rusia e Occidente, sacando partido da posición xeoestratéxica do país mentres buscaba os seus propios intereses.

A reacción de Rusia ante as protestas foi moderada pero firme, brindando apoio económico e recoñecendo a Lukashenko como presidente lexítimo. Pero a boa posición do mandatario bielorruso como negociador xa non permitía o mesmo xogo de equilibrios, o cal favorece ó Kremlin ao ser o seu valedor máis importante. As disputas sobre a integración do país no Estado da Unión, por exemplo, poderán resolverse máis sinxelamente xa que non haberá tantas resistencias en Minsk.

A resposta da Unión Europea, a parte das declaracións institucionais, centrouse no establecemento de sancións. Bruxelas busca unha negociación para a transición no poder, novas eleccións e a liberación dos presos políticos. E no mellor dos casos, que Lukashenko deixe a presidencia.

Pero non debemos esquecer que o movemento de protesta non foi pro-occidental, nin busca un acercamento á UE. Ademais, aínda que o investimento económico que Bruxelas tería que facer se Minsk saíse da órbita rusa puidera ser asumible, xeraríase un conflito con Moscova. Ningún dos actores quere outro escenario parecido ao da Ucraína.

A oposición, con Svetlana Tikhanovskaia á cabeza, creou un Consello de Coordinación para o inicio das negociacións e foi practicamente desarticulado polas detencións e polo exilio de moitos dos seus membros. Ata agora, o Consello de Coordinación foi moi claro con respecto ao mantemento das boas relacións con Rusia. Pero a maioría dos membros do Presídium están presos ou fóra do país.

Tikhanovskaia, exiliada en Vilna, mantivo varios encontros con líderes europeos como Macron ou Merkel, e mostrouse receptiva cara os ofrecementos de axuda occidental (apoio económico a medios independentes e organizacións da sociedade civil, promesas de investimentos unha vez que Lukashenko deixe o poder…) mentres lle dicía a Putin que o que acontece en Bielorrusia son asuntos internos e que debería deixar de apoiar ao “réxime de Lukashenko”.

As mobilizacións continúan e o Ministerio do Interior bielorruso advertiu que “ante a radicalización das protestas” poderían empregar armas militares. Un día despois deste aviso, Tikhanovskaia anunciou un ultimato a  Lukashenko: antes do 25 de Outubro debería dimitir e liberar a todos os presos políticos ou enfrontaríase a máis manifestacións e unha folga nacional. Quizais sexa un bo momento para comprobar a capacidade de mobilización e liderado da Tikhanovskaia.

Lukashenko resiste, por agora, aínda que cunha posición máis debilitada e coa irrenunciable tarefa de establecer cambios. Non só no ámbito da Constitución ou na descentralización do poder, pois a situación económica e a alta débeda exterior van esixir axustes. O clima político no país é convulso e o contexto económico pouco optimista para unha sociedade cada vez máis implicada nas cuestións políticas. Ademais, o resto de actores internacionais non van perder a oportunidade de sacar partido da crise do país.

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI (coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Linguística) no seu 29º aniversario, coa vontade de impulsar e normalizar o uso do galego en todos os ámbitos, de maneira específica e desde a natureza do IGADI, na análise das relacións internacionais, xeopolítica e novos estudos globais.