Hung Hsiu-chu e o futuro do KMT

O Kuomintang (KMT) viviu recentemente dous auténticos tsunamis políticos (eleccións municipais de 2014 e lexislativas e presidenciais de 2016) que lle precipitaron nunha indisimulable crise. A nova presidenta do partido, Hung Hsiu-chu, elixida o pasado marzo cunha moi baixa participación (41,6 por cento) que lle resta lexitimidade, afronta unha tarefa moi complexa e delicada, co pesimismo e abatemento reinando a partes iguais en boa parte da súa militancia. O KMT conta con só 35 dos 113 deputados da actual lexislatura e baixo o seu control permanece Nova Taipei, a única das municipalidades importantes aínda que a máis poboada da illa. En inédita posición, traballa xa coa vista posta nas eleccións locais de 2018 pero a súa reactivación non será doada. 

Apartados xeográficos China and the Chinese world
Idiomas Galego

O Kuomintang (KMT) viviu recentemente dous auténticos tsunamis políticos (eleccións municipais de 2014 e lexislativas e presidenciais de 2016) que lle precipitaron nunha indisimulable crise. A nova presidenta do partido, Hung Hsiu-chu, elixida o pasado marzo cunha moi baixa participación (41,6 por cento) que lle resta lexitimidade, afronta unha tarefa moi complexa e delicada, co pesimismo e abatemento reinando a partes iguais en boa parte da súa militancia. O KMT conta con só 35 dos 113 deputados da actual lexislatura e baixo o seu control permanece Nova Taipei, a única das municipalidades importantes aínda que a máis poboada da illa. En inédita posición, traballa xa coa vista posta nas eleccións locais de 2018 pero a súa reactivación non será doada. 

Hung Hsiu-chu afronta como retos inmediatos evitar unha ola de desercións e conxurar as divisións internas, ademais de fixar unha orientación clara para a súa formación. Non basta con afirmar os ideais, principios e valores esenciais da formación cando unha parte da súa militancia interpreta o seu triunfo como un freo ao proxecto de “localización” do KMT, é dicir, a súa progresiva taiwanización en detrimento da perspectiva continental orixinaria. 

O primeiro é o propio lastre. Se a súa vitoria interna foi tamén a dos veteranos de ascendencia militar e pro-continentais, non cabe esperar que lidere calquera abxuración da controvertida figura do xeneralísimo Chiang Kai-shek malia a súa imaxe represiva que contrapón ás achegas ao desenvolvemento da illa. Outro capítulo, máis rabudo aínda, será o relativo aos activos patrimoniais do KMT, sinalado como un dos partidos máis ricos do mundo. Ata agora, mercé a certa capacidade para xerar confusión mediante o control dos órganos lexislativos e executivos puido ir esquivando a súa clarificación pero agora áchase ante as cordas. A nova maioría será implacable e xa deu mostras da súa férrea vontade. Á defensiva nesta materia, Hung deberá dar moitas explicacións públicas.

Os equilibrios internos son fráxiles. Hung gañou contra o aparello e ten pouco máis dun ano para afianzarse si quere renovar a súa presidencia. Non llo poñerán fácil aqueles que a observan como un simple “accidente”. En calquera caso, cabe imaxinar que extraería leccións da liquidación da súa candidatura ás presidenciais de xaneiro último.

Pero o maior problema é o pantano ideolóxico e estratéxico en que se atopa o KMT. Hung é vista como a representante dunha facción que aposta pola unificación rápida fronte a outras que queren que o KMT afiance unha traxectoria política máis centrada na illa. Unha enquisa do Consello de Asuntos de China continental mostrou que o 72,7 por cento dos preguntados non está de acordo coa idea de que “os dous lados do Estreito de Taiwan pertencen a unha China”. Abundan diferentes enquisas de diversos centros no innegable avance da conciencia identitaria taiwanesa. A propia Hung recoñecía -como feito lamentable- que máis da metade dos mozos inclínanse cara á independencia. Son signos dunha contundente fenda xeracional. 

Non está claro canto axustará a súa postura a favor da unificación para que reine a paz interna pero o afastamento da corrente principal da opinión pública pode levar á ruptura, marxinación e autodestrución.

O ex secretario xeral do KMT, Le Shu-chuan, incluíu na súa proposta de reforma do partido a supresión dos foros co PCCh iniciados en 2005 como reflexo da “terceira cooperación” entre ambas formacións para conter o independentismo. Ao seu entender, o foro non goza de simpatía entre a cidadanía porque funciona de xeito opaco e usurpa a autoridade do goberno lexítimo ao operar como laboratorio de decisións que logo son instrumentadas gobernamentalmente, brindando ao continente un mecanismo para promover a unificación de forma non democrática. A proposta, naturalmente, divide ao KMT, e Hung aposta polo mantemento “con axustes”, polo momento imprecisos. 

A elección de Hung revela que o KMT é máis democrático e que hai oportunidade para a sorpresa na súa vida interna pero, ao mesmo tempo, indica que a súa capacidade de manobra ten os seus límites e esixencias. O enturbamento recente das relacións a través do Estreito pode indicar que dispón dunha valiosa vantaxe fronte ao PDP pero mal manexada poría de manifesto a súa complicidade co proceder pouco democrático dun PCCh que non é capaz de encaixar unha decisión do pobo de Taiwan que non é do seu agrado. 

Nesa capacidade para atopar novos equilibrios internos e discursivos radicará o éxito ou fracaso do seu empeño.