20050126porto alegre marcha inaugural 5 fsm

Incongruencias

 Clic para aumentar
Poucos africanos participaron tamén no cumio brasileiro. A penas 50 dos case cen mil que se reuniron en Porto Alegre, e iso a pesar de que os grandes temas tratados (anulación da débeda, axuda ao desenvolvemento ou a loita contra a pobreza), tocan de cheo nos países africanos. Dun ano para outro, as cifras van a peor: as do 2004 poden resumirse na captación do 1,7 % dos investimentos estranxeiros directos, ou nese 2,4% que representa no comercio mundial, cada ano menos, mentres sectores importantes da súa economía están ameazados polos efectos devastadores da mundialización. (Foto: Porto Alegre, marcha de abertura do 5º Fórum Social Mundial, ©Marcello Casal Jr/ABr).
 

Davos e Porto Alegre, e África de por medio. Nos dous foros se falou de pobreza, de desigualdades, da sida e do continente negro. E nos dous casos con pouca presencia africana. No Foro Económico Mundial, onde se fan denodados esforzos por sacudirse a negra imaxe de portavoces do ultraliberalismo e do capitalismo salvaxe que ostentan ante vastos sectores da opinión pública mundial, participaron figuras como o tal Bono, o de U2 -non confundamos co ministro- e ata a actriz aquela do famoso cruce de pernas, a Stone, que en poucos minutos reuniu non sei cantos milleiros de dólares para mercar coido que mosquiteiros, de risa se non fose polo dramatismo que ilustra unha carencia tan elemental. Pero non todo foi espectáculo. Non son tan malos, en fin, estes homes de negocios preocupados polo futuro do mundo e a creación desa riqueza suficiente que a todos nos manteña. Blair fixo un chamado para secundar o seu plan Marshall para África, defendido nestes días sobre o terreo polo seu principal rival no laborismo, Gordon Brown, ministro de economía; e Chirac, ausente do cumio dende hai anos, compareceu por videoconferencia nesta ocasión porque sente que o futuro dese continente tamén é cousa súa. O presidente francés propuxo unha taxa sobre as transaccións financeiras ou sobre as pasaxes de avión para financiar a loita contra a SIDA. O certo é que o continente negro está na boca de moitos e por moitos é visitada (de Lula a Hu Jintao, pasando por Schröder ou Tony Blair), pero ninguén transmite o entusiasmo suficiente para superar o afropesimismo.

Poucos africanos participaron tamén no cumio brasileiro. A penas 50 dos case cen mil que se reuniron en Porto Alegre, e iso a pesar de que os grandes temas tratados (anulación da débeda, axuda ao desenvolvemento ou a loita contra a pobreza), tocan de cheo nos países africanos. Dun ano para outro, as cifras van a peor: as do 2004 poden resumirse na captación do 1,7 % dos investimentos estranxeiros directos, ou nese 2,4% que representa no comercio mundial, cada ano menos, mentres sectores importantes da súa economía están ameazados polos efectos devastadores da mundialización. Os altermundialistas africanos teñen menos peso e influencia que moitas ONGs con presencia no continente, beneficiadas pola disposición de medios financeiros mais xenerosos, e polas moitas dificultades que atopan para desenvolver as súas inquedanzas: dende preocuparse pola subsistencia diaria mais elemental ata sortear as inconveniencias que forman parte da tradición política africana en moitos países. Con todo, segundo Samir Amin, presidente do Foro Mundial Alternativo de Dakar, están a organizarse cada vez máis e mellor e a anunciada celebración do Foro Social Mundial en 2007 neste continente contribuirá a reforzar a súa capacidade de contestación social.

A proposta de Chirac debe ser valorada como un recoñecemento explícito da capacidade de influencia do altermundialismo que foi quen de situar na axenda global o debate sobre unha fiscalidade internacional que pode estar a dar os seus primeiros pasos. A famosa taxa Tobin podería aportar novos recursos destinados aos países en vías de desenvolvemento. Chirac recolleu a idea dun grupo de traballo posto en marcha durante os preparativos do cumio do G8 en Evián, no outono de 2003. Naquel informe falábase tamén dun imposto sobre o comercio de armas, que rapidamente se desarmou.

Con independencia do éxito final destas propostas, a formación dunha ampla masa crítica e mesmo a encarnación do interese global a nivel planetario, dito sexa de paso con moita maior credibilidade que as propias Nacións Unidas, son méritos que ninguén pode negar a este movemento, hoxe paradepositario dos valores e principios que a propia ONU é incapaz nin de defender nin de promover cunha mínima eficacia.