Sobre a mesa temos dous contenciosos similares (Corea do Norte e Irán) que reciben un trato ben distinto por parte da UE e EEUU. No caso de Pyongyang, a negociación semella o camiño elixido; no caso de Teherán, o anuncio por parte da terna europea dunha inminente elevación do asunto ao Consello de Seguridade da ONU prognostica un incremento substancial da tensión e do enfrontamento.
A xulgar pola información que consumimos habitualmente, os líderes de ambos países son personaxes imprevisibles. Se Kim Jong Il é un enigmático estalinista, amante do cine de Hollywood, Mahmud Ahmadineyad é sinónimo de fanático relixioso, mesiánico e milenarista que cree na proximidade do fin do mundo e no retorno inminente do imán Medí, figura mítica dos xiítas. Xente perigosa, en suma, nada de fiar. Pese a todo, China e Rusia toman distancias e apostan, en ambos casos, polo diálogo.
Irán, di Kenneth R. Timmerman, vicepresidente da Foundation for Democracy in Iran, representa unha ameaza, está listo para dotarse de armas de destrucción masiva, apoia o terrorismo e está dirixido por un grupo de intransixentes capaces de adoptar decisións irracionais, o que lembra a moitos, con demasiada evidencia, o mesmo guión de propaganda utilizado contra Iraq.
A cuestión de fondo non é se Irán abraza a opción nuclear para usos civís descartando os militares. En fin, non é crible. En todos os casos en que diversos países fixeron esta opción, a dimensión da seguridade era o asunto clave. E neste caso tamén é. O Dr. Arshin Adib-Moghaddam, profesor do Center of International Studies da Universidade de Cambridge, asegura que o proxecto neoconservador estadounidense prevé dende hai tempo o derrubamento de seis ou sete réximes no Medio Oriente. As pezas van caendo na rexión. Despois de Iraq, Siria abanea. Irán é unha espiña cravada en Washington e a opción nuclear blindaría a Teherán.
Pero tampouco é crible a sinceridade de EEUU e demais potencias en relación á proliferación nuclear. Non se está a loitar en serio contra estas armas de destrucción masiva, senón unicamente contra a proliferación de Estados nucleares. Deberían practicar co exemplo, facendo o que non se fixo despois da guerra fría. O desarme nuclear é parte do mesmo problema, e segue pendente.