Loucura en Gaza

 Tanques israel na Franxa de Gaza, clic para aumentar
A consecuencia da invasión a Gaza, a incursión aérea israelí sobre Siria podería espallar unha sensación de guerra a gran escala en Oriente Medio, implicando tamén ao Líbano, debido ás conexións entre Hamas e o grupo Hezbollah e a directa axuda que ambos reciben de Irán. Se ben isto ainda non semella probable, non deixa de ser un factor a tomar en conta dada a delicada situación rexional. (Foto: Tanques israelís rodeando a Franxa de Gaxa).
 

A agresiva e desproporcionada ofensiva militar israelí en Gaza, utilizando como pretexto a liberación dun soldado refén das milicias armadas palestinas, conforma un definitivo escenario baseado na inxustificada estratexia de acoso e derribo, formulada dende Tel Aviv, para acabar ou ben someter ao goberno islamita de Hamas e a poboación palestina a un novo marco político en Oriente Medio.

Simultaneamente, a re-invasión israelí a Gaza sitúa o plan do seu primeiro ministro Ehud Olmert de fixar e consolidar unilateralmente as fronteiras territoriais definitivas do Estado de Israel como prioridade do seu goberno, por riba das negociacións de resolución do conflicto coa convulsionada Autoridade Nacional Palestina.

A principal evidencia desta estratexia atópase nos iniciais obxectivos de ataque das tropas israelís. A detención de 64 altos dirixentes de Hamas en Gaza e Cisxordania, entre eles varios ministros e deputados do actual goberno, así como o provocador sobrevoo da aviación israelí sobre Damasco, capital siria onde se atopa a representación exterior de Hamas, constitúe un plano terminal para descabezar os cadros dirixentes do movemento islamita e desconectar as súas redes de mobilidade.

Amais deste obxectivo, o énfase israelí na destrucción da infraestructura física en ambos territorios e o exceso no control das vías de comunicación, empurra a millón e medio de palestinos a un maior nivel de precariedade e sometemento exterior que pode espallar o descontento e a radicalización contra da ocupación militar israelí.

Con este plano, Olmert e as forzas armadas israelís semellan proxectar unha contundente mensaxe á poboación palestina sobre os efectos que causaría a negación dos dereitos históricos israelís e a consolidación de Hamas como alternativa de cambio político. Pero a actual reocupación de Gaza, fortaleza orixinal de Hamas, contradice o polémico plan de evacuación realizado en agosto de 2005 polo ex primeiro ministro Ariel Sharon, consistente no retiro das forzas militares e dos colonos xudeus alí asentados desde a guerra de 1967. A isto debe engadirse que Olmert tamén estipula un plano de redistribución de colonos en Cisxordania.

Pero o que motiva á protesta de diversos actores en Oriente Medio e do escenario internacional se focaliza na dobre e contradictoria política israelí. O actual acto de agresión ocorre despois dunha positiva xuntanza de Olmert co presidente palestino Mahmud Abbas en Xordania, baixo patrocinio deste país e Exipto, co cal semellaba que se estaba a constituír un necesario clima de diálogo entre ambos gobernos.

Do mesmo xeito, as negociacións de Abbas co primeiro ministro de Hamas, Ismael Haniya, amosaban un marco de negociación para garantir a estabilidade dentro dos territorios palestinos e convocar un histórico acordo de recoñecemento de Israel e as fronteiras anteriores a 1967, tal e como estipulaba o Documento dos Presos palestinos, detidos nas cárceres israelís.

Pero esta mudanza de postura por parte de Haniya pode provocarlle problemas políticos internos coa ala radical de Hamas. Nas intencións israelís e estadounidenses estivo sempre propiciar un fortalecemento de Abbas, por medio da súa maior receptividade internacional, para permitir un dobre goberno na ANP que acurralara a Haniye.

A consecuencia da invasión a Gaza, a incursión aérea israelí sobre Siria podería espallar unha sensación de guerra a gran escala en Oriente Medio, implicando tamén ao Líbano, debido ás conexións entre Hamas e o grupo Hezbollah e a directa axuda que ambos reciben de Irán. Se ben isto aínda non semella moi probable, non deixa de ser un factor a tomar en conta dada a delicada situación rexional.

Se ben a última hora, o presidente exipcio Hosni Mubarak tentou mobilizar as canles diplomáticas, mediando nun eventual troque do soldado israelí a cambio de presos palestinos, cunha momentánea parálise das accións militares israelís, non semella probable que o goberno de Olmer cese na súa estratexia de acabar política e militarmente con Hamas, mesmo sometendo con brutalidade á poboación civil palestina.