Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario, o 14 de xullo do 2023
Modi e Biden nun Cumio USA-India no ano 2014. Fonte: US Department

O aliñamento da India

A recente visita oficial de Narendra Modi aos EUA marca un punto de inflexión na relación entre os dous países. O acercamento, iniciado durante a administración de George W. Bush, foi apoiado de maneira decidida polo primeiro ministro Modi dende 2014, achegando froitos cada vez máis significativos.
Liñas de investigación International Relations
Palabras chave India USA Nova Guerra Fría
Idiomas Galego

A recente visita oficial de Narendra Modi aos EUA marca un punto de inflexión na relación entre os dous países. O acercamento, iniciado durante a administración de George W. Bush, foi apoiado de maneira decidida polo primeiro ministro Modi dende 2014, achegando froitos cada vez máis significativos.

En 2005, a Modi negóuselle a entrada no mesmo país co argumento de non ter detido os mortíferos disturbios anti-musulmáns de 2002 no estado de Gujarat, onde era gobernador. Agora, a súa visita incluíu un discurso ante ambas cámaras do Congreso, sendo un dos poucos líderes estranxeiros aos que se lle concedeu tal privilexio, e unha cea de estado na Casa Branca, a terceira que Biden celebra dende que chegou a presidente. Diríase que o contraste non pode ser maior.

Media ducia de lexisladores do Partido Demócrata de Biden boicotearon a súa alocución, entre eles, dúas congresistas musulmás e Alexandra Ocasio-Cortez, quen lembraron a deriva do nacionalismo indio dende que Modi chegou ao poder, cun trato cada vez máis represivo ás minorías relixiosas, á prensa e á sociedade civil. Paradoxalmente, Biden fixo da democracia fronte á non democracia un dos principios reitores da súa política exterior.

E aínda hai outra dobre vara de medir que é notoria. En 2019, cando os EUA afeaban a China a súa política represiva na rexión de Hong Kong, baixábase o ton cando o propio Modi ordenaba a supresión da autonomía na rexión de Caxemira, un territorio que a ONU recoñece como disputado -con Paquistán- baixo control do réxime indio. Para Modi, un “asunto interno”. Como consecuencia das protestas e a intervención das tropas militares houbo centos de detidos e varios mortos.

Que a India siga mantendo relacións militares e económicas estreitas coa Rusia de Putin, incluso despois da invasión da Ucraína –que nunca condenou-, tampouco é para Biden un obstáculo para instar un maior acercamento.

Que cousa tan importante explica este proceder a todas luces contraditorio? Sen dúbida, o que máis pesa é a condición da India como rival rexional dunha China mais determinante na rexión e no mundo. O aumento da súa influencia xeopolítica empuxa a Nova Delhi e Washington a unha cooperación cada vez máis estreita. Biden busca establecer un sólido contrapeso a China e rexeita as acusacións de aumento do autoritarismo de Modi. Para este, a ameaza que representa China está por riba do tradicional rival, Paquistán.

Nesta viaxe houbo importantes acordos. Poucos días antes da histórica visita, o goberno indio aprobara un plan de 2.750 millóns de dólares para construír unha nova instalación de ensamblaxe e proba de semicondutores para o fabricante de chips Micron Technology, que investirá máis de 800 millóns de dólares no proxecto. O anuncio contrasta cun novo xiro na loita tecnolóxica entre China e os EUA: en maio, Pequín anunciou que deixaría de comprar produtos Micron por razóns de seguridade nacional.

A India de Modi tentou presentarse como unha alternativa a China ao anunciar un plan de incentivos de 10.000 millóns de dólares para aumentar a produción de semicondutores no país. Ademais de Micron, Applied Materials, que fornece hardware e software para a produción de chips e outros materiais electrónicos, anunciou a creación dun novo centro de innovación e comercialización de semicondutores de 400 millóns de dólares, mentres que Lam Research, outro fabricante de microchips, planea lanzar un programa de formación que inclúe ata 60.000 enxeñeiros indios. General Electric tamén recibiu luz verde para producir os seus motores F414 xunto coa empresa estatal india Hindustan Aeronautics.

Noutra orde, India compraría drons armados de alta precisión MQ-9B SeaGuardian probablemente destinados a vixiar os tramos da fronteira en disputa coa China. Washington espera que unha relación de defensa máis estreita poida afastar a India de Rusia, o principal provedor militar de Nova Delhi que, por outra banda, tamén forma parte do QUAD (con EUA, Australia e Xapón).

Modi dixo que a visita trouxo “un novo rumbo e unha nova enerxía” á asociación cos EUA. Queda por ver como repercutirá isto nas asociacións doutro signo das que forma parte, dende os BRICS ata a Organización para a Cooperación de Xangai.

Se finalmente calla, a Segunda Guerra Fría terá lugar primeiro no Indo-Pacífico. A encrucillada da diplomacia india é clara: ceder ou non á tentación de unirse aos EUA contra aqueles países que rexeitan a dominación estadounidense. As tensións fronteirizas coa China non o son todo na relación bilateral pero urxe establecer un marco de entendemento ao respecto. O avance da relación indoestadounidense compromete o multilateralismo inclusivo desexado por Nova Delhi converténdoo nunha ilusión efémera.