ucraina

O camiño de Ucraína cara á vitoria é difícil, pero non hai outro

Estando en Toledo para unha reunión cos seus homólogos europeos, o ministro de relacións exteriores de Ucraína, D. Kuleba, non puido disimular a súa molestia cando os xornalistas lle preguntaron sobre a lentitude da contraofensiva ucraína. “Criticar o lento ritmo da contraofensiva é como cuspir na cara dos soldados ucraínos que están a sacrificar as súas vidas, avanzando e liberando un quilómetro tras outro de territorio ucraíno”.
Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Europe
Palabras chave Ucraína
Idiomas Galego

O ano pasado, os preparativos para a contraofensiva tamén duraron moito, pero os resultados víronse nun par de meses. O secretario de Estado norteamericano, A. Blinken, tamén rexeita as críticas ao ritmo da contraofensiva actual, dicindo que as forzas armadas de Ucraína lograron recuperar un 20% do territorio ocupado, pero obviamente refírese ao avance do ano pasado e só ás zonas ocupadas polos rusos durante a campaña do ano 2022.

Segundo o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, o Exército ucraíno está “a gañar terreo gradualmente” pero en realidade a liña da fronte mantense con poucos cambios debido a que os rusos a fortificaron considerablemente. Por iso, non deixa de ser impresionante o feito de que os ucraínos rompesen a primeira liña de defensa en dous sectores do sudeste, xustamente onde os invasores se atrincheiraron en diversas liñas de defensa fortificadas. O avance ucraíno cara ao Mar Azov, superando outras dúas liñas de defensas, que son máis fortes aínda, non será fácil nin rápida; con todo, para o mando ucraíno é unha opción viable para preparar a derrota do invasor, cortando o corredor entre Crimea e Donbás.

A pesar do enorme prezo material e humano, a vía militar é a única posible para que Ucraína preserve a súa existencia como nación e estado. Nin sequera cedendo unha parte do seu territorio podería conseguir a paz, non só porque o agresor imperialista ruso xa deixou de lado todos os supostos obxectivos que afirmou ter sobre “salvar a Ucraína”, senón porque nin sequera lle importa a existencia da nación ucraína. A quen quere derrotar é ao “Occidente colectivo”, sempre tratando de rescatar o máximo posible da zona de influencia que tiña a Unión Soviética por mor da Segunda guerra mundial.

É dicir, a Rusia de Putin expón unha nova repartición do mundo e fai chantaxe coa posibilidade de que explote unha nova guerra mundial, facéndoo de maneira parecida ao proceder de Adolfo Hitler. Segundo este último, en 1939 tratábase só de impoñer a paz en Polonia, pero rematou provocando a II Guerra mundial.

A parte ameazada, os chamados ‘occidentais’ que, fronte á Rusia autoritaria con tendencias cara ao totalitarismo agresivo, aparecen como sociedades cun maior grao de democracia e liberdade, cre que é posible evitar unha maior escalada da agresión rusa, porque o perigo de que se usen armas nucleares aterra a Rusia e na súa aventura bélica nunca poderá contar coa participación de China, que pola súa banda está convencida que na actualidade a cuestión da hexemonía resolverase no campo das tecnoloxías e confía ter suficiente capacidade para superar ao seu rival, Estados Unidos.

Por tanto, os amigos occidentais de Ucraína apostan por que Rusia, tras lanzar unha invasión a gran escala en Ucraína, como o ataque de Hitler a Polonia, tarde ou cedo darase conta de que soa non pode con Ucraína, debido a que esta non perde o apoio da UE e a OTAN,. Isto faralle abandoar as súas intencións e preferirá aterse ás normas de comportamento aceptadas nas relacións entre países civilizados. O medio máxico que ha de converter a un bárbaro temerario nunha persoa civilizada é impedir a escalada.

Só esta visión pode explicar a prolongación da guerra, a que Putin, de acordo con os métodos da chantaxe terrorista, escala arbitrariamente, e Occidente, pola súa banda, para non dar a idea dunha participación recíproca na escalada, vai proporcionando serodiamente axuda a Ucraína e non na medida que permitiría facer retroceder ás tropas de Putin, non permite o uso das súas armas contra obxectivos en territorio ruso etc.

Por iso, para salientar o seu propósito de non escalar, o secretario xeral da OTAN, J. Stoltenberg, apresurouse a declarar que o mísil ruso entrou no territorio de Romanía, membro da OTAN, “non intencionadamente”. É dicir, a OTAN non se sente ameazada e non necesita reaccionar.

Neste mesmo sentido os amigos euroatlánticos non insisten en que Ucraína tome medidas radicais contra a corrupción, presente en todos os ámbitos, tamén no da defensa. Na situación actual de guerra que vive Ucraína, a loita contra a corrupción interna é tan fundamental como a guerra externa. Se non existise esta corrupción , a integración de Ucraína na UE e na OTAN non se podería aprazar indefinidamente.

As medidas tomadas recentemente no ámbito da loita contra a corrupción non son comparables sequera, en canto á súa eficacia, coa chegada dosificada e pausada da axuda occidental. A proposta de V. Zelenskii de equiparar a corrupción á alta traizón soa radical, pero en realidade significa que os casos máis graves serán investigados polo Servizo de Seguridade de Ucraína, subordinado ao presidente, en lugar de por un órgao independente, como se require de acordo con os criterios euroatlánticos. O resultado é que escándalos de alto nivel como o que sacudiu ao Ministerio de Defensa, non se investigan e o xefe do departamento é substituído e enviado ao “exilio honorario” como embaixador no Reino Unido.

Por certo, os casos de corrupción no ministerio de defensa teñen certa conexión con Turquía, que en Ucraína considérase un aliado decidido, especialmente porque é o principal subministrador de drons (fabricados pola empresa dun xenro do presidente Erdogan). Turquía intercedeu como mediador en diferentes asuntos, dos cales o máis importante foi a exportación de cereais ucraínos, que quedou impedida pola ocupación do litoral ucraíno e o bloqueo dos seus últimos portos por parte da mariña rusa, a que tamén piratea en augas internacionais para obstruir o acceso a eses portos.

Hai poucos días, o presidente Erdogan foi a ver ao líder ruso na súa residencia en Sochi para falar sobre como facer funcionar o corredor de seguridade ata os estreitos turcos que dan saída ao Mediterráneo (tamén abordou a cuestión do tránsito do gas ruso cara a Europa). As conclusións que o mandatario turco sacou das conversacións daban a impresión de que o seu país non era un socio da OTAN e aspirante a ser membro da UE, senón un aliado de Rusia: Occidente debe levantar as súas sancións contra Rusia, que obstrúen a exportación de produtos agrícolas rusos, e Ucraína debe rebaixar as súas esixencias.

O absurdo destas “propostas” é que a grave crise alimentaria relacionada cos grans ucraínos (e rusos) foi orixinada exclusivamente pola agresión rusa. Se Rusia puxese fin á guerra e retirásese dos territorios ocupados, desaparecerían todos os obstáculos para as exportacións. Tendo o control absoluto sobre a saída do Mar Negro e sendo a potencia marítima máis forte na súa conca, Turquía non tería ningún problema para presionar ao agresor co fin de que termine a guerra, ou polo menos, para garantir o paso seguro dos barcos desde Ucraína ata os estreitos, mesmo polas augas nacionais de Romanía e Bulgaria, tamén socios da OTAN, sen necesidade de entrar en discusións cos rusos nas augas internacionais. Con todo, os intereses de Turquía parecen ser máis importantes que poñer fin á guerra ou paliar a crise alimentaria.

Cada día de guerra significa a perda de moitas vidas humanas. Por iso é mester que todo e todos se subordinen á tarefa de esmagar ao agresor. Lamentablemente, a actitude e o proceder das autoridades tanto ucraínas como euroatlánticas deixan suficiente espazo para que, no medio da guerra, satisfagan intereses egoístas, o que, ao final de contas, sabota o avance cara á vitoria sobre o agresor.