O trío de Bogotá

A foto en comandita de Juan Guaidó, o presidente colombiano Iván Duque e o vicepresidente norteamericano Mike Pence lembrou inevitablemente o trío das Azores no contexto da guerra de Iraq. Guaidó apelou á comunidade internacional para manter “todas as opcións abertas”. A negativa dalgúns países do Grupo de Lima e da UE a secundar unha eventual intervención militar desbaratou o guión.

Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Latin America
Idiomas Galego

A foto en comandita de Juan Guaidó, o presidente colombiano Iván Duque e o vicepresidente norteamericano Mike Pence lembrou inevitablemente o trío das Azores no contexto da guerra de Iraq. Guaidó apelou á comunidade internacional para manter “todas as opcións abertas”. A negativa dalgúns países do Grupo de Lima e da UE a secundar unha eventual intervención militar desbaratou o guión.

A pouca ou moita razón que puidera ter o “presidente encargado” na súa escalada de tensión co presidente Maduro esfumouse cun retrato que invocaba os peores presaxios para satisfacer o apetito intervencionista implorando un conflito armado de imprevisibles consecuencias.

Segundo as Nacións Unidas, o uso da forza contra un país soberano é unha liña vermella que require da autorización do Consello de Seguridade.

O gran mérito de Guaidó e os seus aliados foi converter a axuda humanitaria en fonte de enfrontamento social, botando combustible nun lume no que os primeiros afectados son precisamente os propios venezolanos.

O mesmo goberno de EUA que brama contra as caravanas de migrantes centroamericanos que foxen da miseria e a inseguridade, que ignora o drama que se vive en Iemen ou que cancela os fondos para Palestina, desvívese por axudar a Venezuela. No próximo Haití levan semanas con manifestacións, barricadas e mortos, coas principais cidades do país paralizadas en protesta contra o presidente Jovenel Moise, pero EUA ordena aquí retirar o persoal non esencial… Canadá pechou a súa embaixada en Porto Príncipe. Pero disto pouco se sabe nunha axenda informativa cada vez mais nesgada.

Mais alá das necesidades reais que poidan existir en Venezuela, a axuda humanitaria é só un argumento doado de vender para gañarse a opinión pública e para inclinar a balanza a favor dos partidarios que aplauden o desempolvamento da doutrina Monroe, avalando a estratexia neointervencionista en Latinoamérica. John Kerry dixo en novembro de 2013 na sede da OEA que a tal doutrina acabara. Pero non. O tamén ex secretario de Estado Rex Tillerson, cinco anos despois diría que “foi todo un éxito” e que resulta “tan relevante hoxe como en 1823”, cando foi escrita. Unha doutrina ideada para rexeitar a interferencia de estados estranxeiros no hemisferio, e nos seus asuntos…

As presións cara México, o retroceso con Cuba ou as actitudes en relación á cooperación que os países do seu “abdome inferior brando” instrumentan con Rusia ou China, forman parte da mesma estratexia. O ex secretario de Defensa James Mattis alertaba sobre a “perda de soberanía” que supoñían os préstamos de China para mellorar as infraestruturas da rexión. E o Mike Pence recordaba na súa xira pola rexión en xuño do ano pasado, como tamén fai agora o actual secretario de Estado Mike Pompeo, quen impera en América Latina e o Caribe.  

Venezuela é o principal obxectivo de EUA nese afán por dar un escarmento e por re-impoñer a súa vontade. Co argumento do fin das ditaduras e da defensa dunha auténtica democracia o que se pretende é o de sempre: derrubar aos gobernos que non se aliñan cos seus intereses, que aspiran a unha integración rexional non dependente ou que ambicionan unha política exterior autónoma.

Por que EUA (e a UE) non acoden á Cruz Vermella Internacional para canalizar a axuda humanitaria para Venezuela? O primeiro principio a respectar na axuda humanitaria é a independencia política, asegurando a súa imparcialidade á marxe de obxectivos políticos ou militares. As doazóns de Washington non buscan paliar as necesidades alimentarias e de saúde senón alimentar a confrontación. Crer de boa fe o contrario é de inxenuos. O propio xefe da Cruz Vermella en Colombia, Christoph Harnisch, denunciou a manipulación do termo humanitario. Para Harnisch, a perda da neutralidade da axuda dificulta que chegue aos mais vulnerables a través de persoas que poidan decidir de forma independente sobre a distribución.

Venezuela precisa abrir o diálogo e a negociación, non dar alas ao intervencionismo. É tamén o que os países de América Latina deberan promover en conxunto, con solvencia e autoridade, garantindo que a axuda humanitaria chegue observando os protocolos da legalidade internacional en lugar de actuar como un coro de choromicas ao servizo dun Presidente Trump que en xaneiro do pasado ano chamáballes nada menos que “países de merda”.