Os números vermellos chineses

Os datos económicos de China en 2015 non foron especialmente bos. A recuperación económica mundial aínda é lenta e a situación económica interna é complexa, cos riscos financeiros aumentando e o comercio global en tendencia decrecente. Todos eses factores, ao que compre engadir a reestruturación que vive o xigante asiático, afectan á economía chinesa nunha etapa de transición do seu modelo e estrutura de desenvolvemento.

Apartados xeográficos China and the Chinese world
Idiomas Galego

Os datos económicos de China en 2015 non foron especialmente bos. A recuperación económica mundial aínda é lenta e a situación económica interna é complexa, cos riscos financeiros aumentando e o comercio global en tendencia decrecente. Todos eses factores, ao que compre engadir a reestruturación que vive o xigante asiático, afectan á economía chinesa nunha etapa de transición do seu modelo e estrutura de desenvolvemento.

Pero a pesar das dificultades, China conseguiu medrar un 6,9 por cento, cunha baixa do 0,4 por cento en relación a 2014. Os ingresos dispoñibles per cápita aumentaron un 7,4 por cento e o desemprego mantívose en niveis aceptables (5,1 por cento). O número de novas empresas creadas aumentou un 21,6 por cento…

Se ben a cifra do 6,9 por cento é lixeiramente inferior ao 7 por cento planificado e a máis baixa dos últimos vinte cinco anos, non deixa de ser razoable, tanto porque contribuíu a unha cuarta parte do crecemento global como tamén pola letra pequena que revela ese crecemento no que atinxe ás estruturas económica e industrial. Por primeira vez, por exemplo, o sector servizos representa máis do 50 por cento do PIB (50,5), un 2,4 por cento máis ca en 2014 e un 10 por cento superior ao valor do sector industrial. O consumo contribuíu nun 66,4 por cento ao crecemento do PIB, medrando un 15,4 por cento.

Outros aspectos que cumpriría destacar o aumento do comercio electrónico nun 31,5 por cento. No ámbito das novas industrias, a velocidade de desenvolvemento das  estratéxicas do litoral (Shenzhen e Shanghai) foi superior ao 10 por cento. O sector da tecnoloxía avanzada aumentou un 10,2 por cento… A megalópole de Chongqing medrou un 11 por cento.

Quérese dicir con isto que na crise chinesa converxen tanto factores conxunturais como estruturais e facendo virtude do delicado momento do seu proceso de modernización, aos perigos opón as oportunidades (weiji), promovendo importantes reestruturacións que van mais aló do estritamente produtivo para salientar aspectos sociais e políticos.

Se nos preocupa o que pasou en China en 2015 mais nos debe preocupar o que vaia acontecer nos próximos catro anos, pois serán máis difíciles aínda para o xigante asiático se teima, como parece, nos axustes e no cambio de modelo. Este 2016 estará marcado moi probablemente por un novo empuxe á reforma dos grupos públicos que traerá consigo o afloramento dun desemprego hoxe disimulado e máis turbulencias a todos os niveis.

Á hora de interpretar estes sucesos debemos ter en conta o contexto, diferenciando as accións das reaccións e separando a palla do trigo. O maior risco probablemente radique na desconfianza que orixinan os datos fornecidos e a inestabilidade política que pode acompañar esta transformación se os dirixentes actuais non son quen de aproveitar a crise tamén para actualizar o seu proxecto político.