O xornal Clarín de Arxentina, un dos de maior difusión de toda América Latina, ven de adiantar na súa edición de antonte, o contido dunha serie de cabos e telegramas desclasificados este sábado polo Departamento de Estado que confirman o coñecemento e responsabilidade da CIA, no entramado do Plano Cóndor.
Segundo un documento do 13 de outubro de 1976, este operativo tiña por obxectivo a eliminación de marxistas e comunistas nos países inscritos no Plano Cóndor: Arxentina, Uruguai, Paraguai, Bolivia e Chile, tendo o centro base das operacións en Santiago de Chile.
Na nova quenda de documentos desclasificados, certifícase que EEUU foi o lugar de adestramento para os axentes das forzas de seguridade uruguaias encargadas de perseguir, torturar e asasinar aos exiliados uruguaios que buscaron residencia na Arxentina.
Pero a principal novidade que aportan os documentos refírense ao lugar exacto no que recibiu adestramento Comisario Hugo Campos Hermida, un dos altos dirixentes do Organismo Coordenador de Operacións Antisubversivas (OCOA) do Uruguai. Ese lugar non era outro que a Oficina de Seguridade Publica (OPS) dos EEUU, sección directamente ligada á CIA, que na súa sucursal uruguaia era dirixida polo tristemente célebre Dan Mitrione.
A OPS creada en 1962, era una sección que dispuña dunha grande autonomía dentro da Axencia Internacional para o Desenvolvemento, dependente do Departamento de Estado e operaba baixo a tapadeira dos programas de asistencia política aos programas de axuda ao desenvolvemento. Foi pechada en 1974 cando se fixo máis que evidente a súa estreita dependencia da CIA e ao se coñecer os pormenores da brutalidade dos seus métodos.
En Montevideo, o xefe da OPS foi Dan Mitrione dende 1969, ás ordes de Byron Engle que en Washington, deseñaba os planos de actuación en sintonía plena coa CIA.
Mitrione foi un dos máis sonados e sinistros personaxes do Plano Cóndor, experto nas artes da tortura, chegou a gabarse de saber administrar "A dor precisa, no momento preciso, na dose precisa para obter o efecto desexado". Son coñecidas outras frases non menos reveladoras como: "Debemos controlar o noso temperamento sempre. Débese actuar coa eficiencia dun cirurxián e a perfección duna artista"… "Hai que causar o dano estrictamente necesario, nin un milímetro máis".
Segundo o xornal "El Clarín", entre os seus contundentes métodos estaban os shoks eléctricos nos órganos xenitais, as agullas con corrente chantadas na parte interior da unllas, queimaduras con cigarros ou o estrangulamento a ritmo lento.
Abonda no tema o mencionado xornal e relata o contido do libro "La Guardia Pretoriana" do ex-axente da CIA John Stockwell no que se describe o sangue frío e a meticulosidade de Mitrione, que non dubida en utilizar material didáctico e audiovisual para instruír aos seus discípulos, ou como raptaba a xente da rúa que pedía esmola para utilizalos no seus experimentos ata esgotalos, para logos reanimalos con complexos vitamínicos e reaproveitalos noutra sesión.
O final de Dan Mitrione foi tráxico, e en 1970 foi secuestrado polos Tupamaros para pedir a liberación de 150 presos. Finalmente apareceu morto no asento traseiro dun coche.