A flamante República Bolivariana viviu, nunha antitética e aciaga sincronía, a maior catástrofe natural que padeceu Venezuela neste século e paralelamente, pola contra, a esperanza depositada nas urnas para mudar a crónica corrupción que levou á pobreza a máis do 70% da poboación dun país sobradamente rico.
A catástrofe parou, en seco, a eufórica onda de ilusión popular que se manifestou no sufraxio afirmativo do 71% dos votantes. Os mandatos constitucionais seguen o seu rápido curso. O Congreso foi disolvido, os novos membros da Comisión Electoral foron designados e a comisión de emerxencia xudicial está en marcha.
Non foi doada a campaña que culminou co referendo do 15-d, do que naceu unha nova constitución. O Presidente Hugo Chavez e o seu equipo, tiveron que remar contra a marea chea de: deputados, gobernadores e alcaldes -en exercicio- dos partidos tradicionais AD e COPEI. Contra boa parte da igrexa, que elevou o ton das descalificacións ao afirmar que era preferible unha dictadura militar que unha dictadura constitucional. Contra a inmensa maioría do empresariado que se enriqueceu obscenamente, saqueando ao Estado para pasar inmediatamente os seus capitais a dólares depositados no exterior. Contra o sindicalismo embestido pola ANC (Asemblea Nacional Constituínte) na cruzada anticorrupción. Contra a maioría dos medios de comunicación, que nunha proporción de 8 a 2 traballaron activamente polo non…
Nas ringleiras oficialistas tamén aparecen signos de preocupación. As primeiras estimación calculan que Venezuela retrocedeu uns dez anos no seu nivel de desenvolvemento e o presidente Chavez, co exército á cabeza, está omnipresente nos labores de auxilio á poboación afectada. Quere ser o eficaz xestor da magna traxedia, nun país que xa está en manifesta recesión económica.
Os datos que se manexa o BCV (Banco Central de Venezuela) non invitan ao optimismo e poden limar a súa popularidade se segue a deteriorarse o nivel de vida. O balance global do 99 é moi negativo: O PIB caeu un 7,2%, os investimentos extranxeiros caíron nuns 1.700.000.000 millóns de dólares, a fuga de capitais acadou a astronómica cifra de 4..000.000 millóns de dólares, o déficit fiscal chegou ao 3,1% e case 200.000 persoas perderon o seu traballo. Os únicos aspectos positivos están en que nos últimos meses a economía desacelerou a súa caída. Tamén a alta inflación situouse no 20,1% pero baixou 11 puntos nun ano.
O equipo de Chavez traballa para rematar o proceso de rexeneración política coas eleccións de marzo, nas que quere sacudirse do lastre que supón o poder que aínda detentan os partidos tradicionais nas cidades e nos Estados. Pero a debilitada oposición e os grupos de comunicación afíns precisan gañar tempo e están a demandar un aprazamento dos comicios coa escusa da situación de emerxencia que vive o país polas riadas que devastaron unha boa parte do país.
Estes grupos estiman que a popularidade da que goza Hugo Chavez laminarase a medida que a economía recúe e lanzan demagóxicos discursos nos que os partidos tradicionais consideran inmoral que se gasten os 7.500 millóns de pesetas en procesos electorais, cando eses cartos son imprescindibles para a reconstrucción do país.
Mentres Venezuela tenta recuperar a tranquilidade de anormalidade, os cimentos institucionais están en constante axitación.