20060615cumio organizacion cooperacion shanghai

Shanghai

 Cumio Organización de Cooperación de Shanghai 2006, clic para aumentar
Os seis países que a integran de pleno dereito a OCS, catro de Asia Central máis Rusia e China, ademais de India, Paquistán, Irán e Mongolia, a título de observadores, estableceron as bases para avanzar nunha integración rexional en varias dimensións: económica, comercial e financeira, pero tamén política, enerxética e en materia de seguridade. (Foto: Os xefes de Estado dos seis países membros da OCS posan xunto a representantes dos catro países observadores e de varias organizacións internacionais no Centro de Convencións Internacional de Shanghai o 15 de xuño de 2006. ©Shanghai Cooperation Organization).
 

O recente cumio da Organización de Cooperación de Shanghai (OCS) evidenciou, sobre todo, a vontade de autodeterminación dunha parte substancial de Asia. Os seis países que a integran de pleno dereito, catro de Asia Central máis Rusia e China, ademais de India, Paquistán, Irán e Mongolia, a título de observadores, estableceron as bases para avanzar nunha integración rexional en varias dimensións: económica, comercial e financeira, pero tamén política, enerxética e en materia de seguridade. No fondo, os dous grandes padriños desta organización, Rusia e, sobre todo, China, un lustro despois da súa fundación, confirman a súa madureza e disposición para facerse cargo da rexión, sen necesidade de auxilios externos, interesados ou non.

China, o país máis comprometido coa organización ““o seu secretariado está en Pequín”“, concedeu unha enorme importancia a este evento. Durante cinco días, os escolares e os funcionarios de Shanghai gozaron de permisos especiais co obxecto de facilitar a circulación e a seguridade na cidade, e todos os noticiarios converteron a reunión en asunto de portada e motivo de ampla análise.

Os aspectos que máis destacan da axenda da OCS son dous. En primeiro lugar, os obxectivos económicos, moi especialmente no enerxético, propiciando a construción das redes de petróleo e gas que favorezan a integración e garantan o subministro que China precisa para nutrir o seu vertixinoso desenvolvemento. En segundo lugar, os obxectivos políticos, centrados, sobre todo, nunha intervención máis activa no contencioso nuclear iraniano e, de maior significado estratéxico aínda, a eliminación da presencia militar estadounidense na rexión. Seguridade e redes enerxéticas son, pois, as dúas caras da mesma moeda e aseguran á OCS, pola entidade dos dous eixes, un papel de primeira orde no sistema internacional do século XXI.

Despois deste cumio de Shanghai, cabe agardar que a influencia desta organización medre en toda Asia e afirme o novo papel de China no mundo non só a nivel económico. Chegou o momento de iniciar o traslado da súa forza económica ao ámbito da política e das relacións internacionais. A OCS vai ser un instrumento privilexiado desa proxección. A incomodidade de Rusia con Occidente e, especialmente, con EEUU, que pousa con firmeza os tentáculos nas súas fronteiras europeas e caucásicas, anima a Moscova a facer pinza con Pequín para impedir o avance da influencia estadounidense no espacio post-soviético.