Solidariedade: As cousas como son

Quen é o máis solidario en Galicia? Tamén aquí chegaron os ecos da devastación producida polo maremoto de Asia e ongds e a sociedade no seu conxunto se mobilizaron para dar unha resposta de emerxencia a esta catástrofe. Pero, que nos di o mapa político da solidariedade en Galicia? Resulta que o Partido Popular é o máis solidario de todos os grupos políticos con responsabilidades de goberno. Deixando casos puntuais a unha banda e a outra a modo de excepcións, que as hai, resulta que, analizadas as administracións autonómica e local, o Partido Popular destaca sobre todos os demais e con diferenza. Onde a "alternativa" é goberno, sexa xuntos ou por separado, estase a anos luz do nivel de compromiso que, por exemplo, manteñen os orzamentos da Xunta en relación á cooperación internacional. E estamos a falar non dunha situación excelente, senón aínda das máis atrasadas do Estado.

Interesa especialmente observar o eido local, onde coexisten as tres forzas políticas. O panorama é manifestamente mellorábel, por dicir algo que politicamente non sexa excesivamente incordiante. A metade do orzamento do Fondo Galego de Cooperación, despois de sete anos de compromiso neste tema, corresponde a achegas da Xunta de Galicia. Sen elas, o Fondo a duras penas tería fondos. Nos últimos anos medrou significativamente o número de concellos que se adheriron a esta iniciativa, pero o monto económico, revelador da intensidade da comprensión desta política, segue a ser practicamente irrelevante. E a "alternativa" non destaca por ser especialmente activa en materia de cooperación e solidariedade. Ninguén lidera un exemplo diferente ou unha política distinta que puidera poñerse como exemplo doutra maneira de facer. Hai concellos "alternativos", poñamos por caso, que lles leva todo un ano decidir sobre se poden ou non dedicar 600 euros a cooperación. ¿E que cooperación se pode facer con 600 euros? Unha ollada a Asturias ou a Estremadura, non quero citar País Vasco ou Cataluña, da conta da nosa miseria neste aspecto.

O problema de fondo non é que non haxa diñeiro para atender moitas necesidades apremiantes de aquí, é que non se comprende a transcendencia deste asunto, que segue a contemplarse como algo remoto, máis aínda que a desgraza asiática. Non obstante, a cidadanía ou é solidaria ou non é, e seica todos queremos construír unha cidadanía que comprenda a necesidade de reducir as desigualdades, esixente respecto ao compromiso dos seus gobernos e das entidades multilaterais, crítica respecto dunha orde internacional que marxina a capas inmensas da sociedade mundial. De pouco vale querer saír agora nos medios como o máis solidario de todos se todo se queda nun anuncio (aí si se lle ve a rendibilidade!) e non hai detrás unha asunción permanente e crecente desta materia. A "alternativa" debería auto obrigarse a establecer un compromiso cando menos equiparábel ao establecido pola Xunta de Galicia nos seus orzamentos. E estase moi lonxe diso, aínda. Pero nunca poderán desautorizar ao Partido Popular se non é con feitos que evidencien un cambio de actitude pola súa banda, un cambio que urxe e que debe visualizarse no ámbito local. Un cambio crible.