Serie de análise
mulleres antia 1

Unha arma invisibilizada: 1. A violencia sexual nos conflitos

Nun contexto internacional marcado pola inestabilidade, cun número en aumento de guerras, a violencia sexual relacionada cos conflitos parece estar á orde do día. Por iso, ao longo das próximas semanas afondaremos nesta problemática a través dunha serie de artigos que tratarán de aportar información, identificar aos agresores ou incluso analizar os recursos existentes para erradicala.

Gaza, Ucraína, República Democrática do Congo, Sudán,… a lista de contendas nas que se rexistrou este tipo de crimes é ampla. Entón, cabe preguntarse, que é a violencia sexual?

Segundo o Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional, a violencia sexual fai referencia a unha serie de crimes tales como a “violación, escravitude sexual, prostitución forzada, embarazo forzado, esterilización forzada ou calquera outra forma de violencia sexual de gravidade comparable” (Naciones Unidas, 1998). A pesar da crenza de que a violencia sexual é inherente aos conflitos, esta non se produce en todas as guerras e, incluso dentro da mesma, pode sufrir variacións (Koos, 2017).

Pero, porqué se produce? Existen catro teorías que explican a súa razón de ser. En primeiro lugar está o uso da violencia sexual como arma de guerra para atemorizar, controlar, desprazar e eliminar a un grupo específico de persoas. Esta teoría é tachada de reducionista por non ter en conta o contexto do país. Por outra banda están as condicións contextuais e estruturas de oportunidade. A falta de Estado de Dereito, a impunidade, institucións estatais débiles e, sobre todo, as desigualdades de xénero poden crear un caldo de cultivo para a violencia sexual no contexto de conflitos étnicos, relixiosos ou ideolóxicos. Outra razón son os motivos individuais dos agresores. Factores como a hipermasculinización, a idea da violación como premio, as extremas condicións de vida e a falta de arraigo familiar e de vida comunitaria explican porqué algúns individuos cometen estes crimes. Finalmente, temos as normas e dinámicas intragrupais, ao existir a crenza de que cometer crimes de violencia sexual fomenta a cohesión dun grupo e á impunidade resultado de non existir penas e normas que prohiben estes delitos por parte dos líderes do grupo (Koos, 2017).

A pesar de que nas últimas décadas se empezase a poñer o foco neste tipo de violencia, os crimes de natureza sexual aconteceron ao longo da historia. De feito, o primeiro xuízo por violación nun conflito rexistrouse no ano 1474, contra Sir Peter von Hagenbach. Aínda así, houbo que esperar ata o século XIX para que se promulgase leis contra a violación nas guerras, a través do Código Lieber. Xa no século XX, a IV Convención da Hayade 1907 prohibe a violencia sexual, pero enlaza este delito co de deshonra á familia. Fixo falta agardar ata 1977, coa adopción do Protocolo Adicional I e do Protocolo Adicional II das Convencións de Xenebra de 1949, para que se prohibira a violencia sexual explicitamente, pese a seguir comparándoa con crimes contra a honra (Das & Singh, 2020).

Seguindo esta liña, historicamente os tribunais tamén tenderon a ignorar esta problemática. Un exemplo claro é o Tribunal de Nuremberg, que non xulgou ningún crime de natureza sexual a pesar das probas existentes. Isto comezou a cambiar en 1993 e 1994, coa creación do Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia e do Tribunal Penal Internacional para Ruanda, ao contemplar que certas formas de violencia sexual deberían ser perseguidas e castigadas. Con todo iso, o número de procesamentos e condenas foi relativamente baixo (Das & Singh, 2020).

Finalmente, a creación da Corte Penal Internacional e do seu Estatuto resultou ser un antes e un despois ao recoñece a violencia sexual como crime de guerra e crime contra a humanidade. Pese a todo, foi preciso adoptar unha perspectiva de xénero a través do Documento de política sobre crimes sexuais e por motivos de xénerode 2014 para mellorar a persecución dos crimes de violencia sexual (Das & Singh, 2020).

Unha vez analizadas as causas, a definición e certas dificultades, o artigo da seguinte semana centrarase en datos sobre a violencia sexual nos conflitos actuais.

Bibliografía

Das, M. & Singh, S. (25 noviembre, 2020). Crimes of Sexual Violence within International Criminal Law: A Historical Outline. Journal of Politics and Law, Vol. 14 (1). 10.5539/jpl.v14n1p1

Naciones Unidas. (1998). Estatuto de Roma de la Corte Penal Internacional. https://www.un.org/spanish/law/icc/statute/spanish/rome_statute(s).pdf

Koos, C. (2017). Sexual violence in armed conflicts: research progress and remaining gaps. Third World Quarterly. Vol. 38 (9), 1935-1951. https://dx.doi.org/10.1080/01436597.2017.1322461