Xi Jinping resintoniza os medios chineses

O impulso ao papel do mercado e o fomento da economía privada, signos liberais da actual fase do proceso de reforma en China, van da man dun rearme ético e ideolóxico que, paradoxalmente, aposta por recuperar os vellos ideais e estereotipos da era maoísta, especialmente do período revolucionario. Así, a recente mensaxe de Xi Jinping á mantenta dos medios de comunicación vén revalidar o control absoluto do PCCh sobre os medios de comunicación. Ben é verdade que isto non é novo pero si o é, en tempos de reforma, a insistencia na reafirmación frontista e sen ambaxes do papel do xornalismo e a propaganda, a quen confire unha función de primeira orde no adoutrinamento público, sen apenas físgoa algunha para o exercicio dun xornalismo cualificable de independente.

Apartados xeográficos China and the Chinese world
Idiomas Galego

O impulso ao papel do mercado e o fomento da economía privada, signos liberais da actual fase do proceso de reforma en China, van da man dun rearme ético e ideolóxico que, paradoxalmente, aposta por recuperar os vellos ideais e estereotipos da era maoísta, especialmente do período revolucionario. Así, a recente mensaxe de Xi Jinping á mantenta dos medios de comunicación vén revalidar o control absoluto do PCCh sobre os medios de comunicación. Ben é verdade que isto non é novo pero si o é, en tempos de reforma, a insistencia na reafirmación frontista e sen ambaxes do papel do xornalismo e a propaganda, a quen confire unha función de primeira orde no adoutrinamento público, sen apenas físgoa algunha para o exercicio dun xornalismo cualificable de independente.

Este apelo do secretario xeral do PCCh chega tres anos despois do inicio da campaña de “liña de masas”, evocación de signo maoísta tamén chamada a recuperar o liderado público do Partido moi afectado polo extravío ético das últimas décadas de desmaoización. Dita campaña, executada en paralelo á persecución da corrupción, non debeu fornecer o efecto balsámico esperado e hoxe en día, ante unhas dificultades económicas que deben perdurar polo menos un lustro á vista das propias estimacións sociais, requírese unha volta de rosca nos medios que proporcione a “enerxía positiva” necesaria para impedir o cuestionamento da idoneidade do PCCh para conducir a reforma.
 

A alocución de Xi resúmese en avogar por un control aínda maior dos medios de comunicación chineses. Os seus antecesores, Jiang Zemin e Hu Jintao, nunca baixaron a garda, pero agora aventúrase un claro endurecemento que parte da consideración da información como escenario privilexiado e encarnizado da loita ideolóxica. Na súa etapa á fronte do PCCh, Jiang Zemin (1989-2002) puxo o énfase na subordinación da información á estabilidade atribuíndo aos medios unha función orientadora da opinión pública. Pola súa banda, Hu Jintao (2002-2012), non sen contradicións, abriu un pouco a man, favorecendo unha maior transparencia en determinados aspectos (como a información sobre desastres, por exemplo) procurando unha maior comercialización dos medios sen prexuízo de perseverar no control político e ideolóxico dos contidos. Hu, ademais, chamou a atención sobre a transcendencia do poder brando e o papel dos medios no desenvolvemento dunha imaxe internacional de China acorde cos intereses do país.

O aserto de Xi Jinping proscribe calquera autonomía dos medios de comunicación cuxo funcionamento supedítase ás esixencias políticas que en cada conxuntura defina o liderado do Partido. O aliñamento dos medios coa posición do PCCh debe ser absoluto, vén dicir, e a uniformidade na mensaxe política que os medios deben transmitir á opinión pública non pode ofrecer fisura algunha. Así pois, avecíñanse tempos nos medios chineses sen folgura algunha para matizar a adhesión á dirección do Partido que exacerbará a súa axenda de control sobre todos eles, calquera que sexa a súa plataforma, descartándose sequera a habilitación de espazo para as críticas partidarias internas.
Este estreitamento do control reafirma a supeditación dos medios á propaganda oficial e á posición do secretario xeral, dando ao traste cos tímidos experimentos dunha prensa dotada de certa capacidade de control público e de denuncia. Nestas circunstancias, calquera posibilidade de innovación substancial queda aparcada e a expensas da propia axenda central do PCCh que impón selectivamente os espazos de reforma e, alternativamente, de involución. 

Sorprende, por outra banda, a alusión ao obxectivo estratéxico complementario de facilitar unha visión que aumente o poder internacional do discurso chinés. É esta unha carencia substancial das autoridades que non contan con medios globais influentes. Con estes vimbios, pensar que a credibilidade internacional dos medios chineses pode aumentar en paralelo á intensificación do control interno, é totalmente ilusorio. A optimización desta posibilidade contradise coa narrativa interna, abertamente distorsionadora. A conexión de China co mundo a partir dunha base tan pouco sofisticada non poderá funcionar.

A China dos medios chineses será, máis que nunca, o produto da imaxe interesada do Partido aínda que totalmente incapaz de reflectir con claridade a propia realidade. Supoñerá un xigantesco esforzo de control da opinión de resultado que ao cabo puidese ser van, unha alucinación ao contraxeito dos tempos actuais que dificilmente pode mellorar a súa influencia e credibilidade.