Esperanza en Timor

As grandes convulsións políticas e sociais que vive Indonesia, afortunadamente en vías de normalización, teñen un referente importantísimo o mes próximo en Timor de confirmarse a celebración do referendo que deberá definir o seu estatus político: rexión autónoma ou país independente. Previsto inicialmente para o 8 de agosto, o secretario xeral da ONU, Koffi Annan, decidiu retrasar a consulta aducindo a existencia de problemas loxísticos e de violencia no territorio. Pese a que a calma reina na capital, Dili, no distrito oeste, a poboación local sobrevive intimidada polas reiteradas agresións das milicias armadas polo Exército indonesio. A ex-colonia portuguesa foi invadida en 1975 e anexionada en 1976 sen que a comunidade internacional admitise a lexitimidade da ocupación. Cómpre lembrar que dende entón a violencia ou a fame segaron a vida da cuarta parte dos seus .000 poboadores. Indonesia foi implacable na conquista.

A atención dos timorenses tamén está pendente do signo definitivo do resultado das eleccións parlamentarias celebradas o pasado día 7 de xuño. A lentitude do escrutinio alenta as sospeitas de irregularidades. Con ser unha cuestión transcendente, en Timor, paradoxalmente, apenas se rexistraron inscripcións para participar nestes comicios. Tal apariencia de desinterese é enganosa. Os mauberes son conscientes de que boa parte do seu futuro está en mans de quen resulte gañador nesa confrontación, pero tamén de que a verdadeira elección producirase o día en que se celebre o referendo. En Iacarta ningún dos candidatos acepta de bo grado a retirada de Timor Oriental. Ainda así, a presión internacional, o actual proceso de democratización e os probables acordos post-electorais que resultarán indispensables para encarar os graves problemas económicos e sociais do país, poden moderar tan radical posicionamento e asentar o proceso de flexibilización iniciado coa caída de Suharto.

Foi en febreiro deste ano cando o goberno indonesio acordou excarcerar a Xanana Gusmao, líder da FRETILIN (Fronte Revolucionaria de Timor Leste Independente). Aínda que sometido a arresto domiciliario está ó tanto das negociacións sobre o futuro deste territorio que comanda Nacións Unidas e aguilloa Portugal. Condenado no seu día a vinte anos de prisión, Gusmao acolleu con satisfacción o anuncio do retraso pois permitelle gañar tempo para preparar mellor a convocatoria, gañar en seguridade e tranquilidade e permitir unha participación libre e democrática dos aproximadamente 400.000 timorenses con dereito a voto. A medio camiño entre o medo e a esperanza, en Dili confiase en que a normalización democrática de Indonesia devolva a paz e a liberdade a Timor. A unha sen a outra será dificil que aguante.