Irmandade incompleta

O último informe integral que realizou o Igadi sobre a figura dos irmandamentos que vincula aos Concellos galegos cos do resto de planeta identificou 133. Algúns protocolizados como as directrices da Unión Europea sinalan para ter status oficial e outros non tanto.

Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

O último informe integral que realizou o Igadi sobre a figura dos irmandamentos que vincula aos Concellos galegos cos do resto de planeta identificou 133. Algúns protocolizados como as directrices da Unión Europea sinalan para ter status oficial e outros non tanto.

Os 133 irmandamentos sinalan as raigames do país na sociedade internacional. Así, os que nacen vinculados a emigración, ao mundo celta e a Portugal representan as motivacións da grande maioría. Tamén uns cantos nacen da solidariedade internacional e só uns poucos teñen explicacións baseadas no desenvolvemento económico-turístico ou a aprendizaxe de idiomas de maneira directa. Tamén hai moitos que nacen non se sabe por qué ou tamén os que nacen da posibilidade de recibir financiamento europeo.

Sen dúbida quen isto escribe acredita profundamente na utilidade e capacidade que unha política municipal como a dos irmandamentos representa, tanto no que atinxe á comprensión do planeta para a cidadanía, como para as oportunidades económicas, educativas e culturais que representan. Sen embargo, un repaso á bibliografía e ás hemerotecas dos últimos 20 anos fainos comprender que maioritariamente a visión da cidadanía identifica irmandamentos con mala praxe política ou mesmo directamente corrupción municipal.

Isto ten unha proxección nos datos. Deses 133 irmandamentos en 84 Concellos galegos tan só 15 son irmandamentos activos de primeira categoría (ou sexa, que funcionan con regularidade e xeran resultados para a cidadanía dos Concellos que as integran), 53 seguen vivos (con algunha visita casual ou algún membro da comunidade implicado), e o resto ficou no esquecemento, no simbolismo total, no mellor dos casos nunha placa na Casa do Concello e no pior na lembranza da veciñanza das malas prácticas.

Sirva isto para explicar que a Irmandade Galicia-Cabo Verde que o Fondo Galego promove entre o 9 e o 13 de decembro, nace da vontade de sistematizar, visibilizar e por en valor 11 anos de traballo do municipalismo galego co caboverdiano, proxectado en 33 proxectos de cooperación e múltiples vínculos promovidos entre os dous países pola cooperación internacional dos Concellos e Deputacións de Galicia que fan parte do Fondo.

Na nosa visión, calquer irmandamento debería ser precedido dunha verdadeira irmandade. Así, calquera sinatura ou viaxe oficial debería ser precedido de vínculos reais e comunicativos entre persoas e asociacións das dúas partes. Só desa maneira as posibilidades de éxito, enraizamento e perdurabilidade do acto protocolizado do irmandamento, poden redundar en resultados e oportunidades reais para as dúas partes.

A decisión do Fondo Galego de denominar as actividades do 9 ao 13 de decembro Irmandade Galicia Cabo Verde quería servir como punto de inflexión para vincular a sociedade galega coa sociedade caboverdiana repensando os vínculos e os mecanismos que fosen máis alá dos proxectos de cooperación internacional que o Fondo Galego promove desde 2002, e que hoxe nos deixan 11 anos de traballo acumulado.

Quere servir, para que a partires da Irmandade que definiu a cooperación, nos vinculáramos desde a cultura, desde a educación e o deporte, ou desde a economía. Non se buscan sinaturas oficiais ou fotos de cartón plástico.

Ben sexa polo minimizado dos nosos recursos ou polas suspicacias que un modelo transpartidario e institucional para a acción exterior de Galicia esperta en todas as partes, o Fondo Galego está incapacitado para achegarse ao rico mundo asociativo galego de maneira directa e precisa de actitudes proactivas para solidificar a Irmandade que poida xerar eses vínculos que trascendan a cooperación internacional.

Finalmente, cúmprenos tristemente sinalar, que na semana do 9 ao 13 de decembro coincidindo coas actividades da Irmandade Galicia-Cabo Verde, pecharase o ultrarápido proceso de consultas que a Xunta de Galicia iniciou para a definición do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017. Tristemente, e por moi curioso que poida parecer nestas datas, nin Cabo Verde nin Cuba (co Presidente Feijóo por terras caribeñas), países prioritarios do Fondo Galego de Cooperación, non aparecen no documento marco do novo Plan que a Xunta presentou ao “sector” da cooperación no país.

Sirva isto para animar a acompañar á delegación africana que nos visita e que arranca en Burela o día 9, onde desde os anos 70 a comunidade caboverdiana gañou o respecto e o cariño de tod@s @s galeg@s. Sirva isto para dicir, que efectivamente, estamos diante dunha Irmandade incompleta.