mapa de cidade global da Coruña

Para que serve un mapa de cidade global?

O 20 de decembro, na Domus, con Yolanda Castaño como presentadora, teremos a terceira edición do Foro A Coruña global e presentaremos a aplicación web para que o Mapa continúe a fortalecer o perfil internacional da cidade.
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia

No marco do traballo histórico do IGADI (1991-2023) como think tank de relacións internacionais que promove unha política exterior para Galicia, no ano 2019 impulsamos no Pleno do Concello da Coruña a Declaración institucional “A Coruña global no mundo do S.XXI”.

O obxectivo era cimentar un pacto transversal, que apoiaron todos os grupos do Pleno, que desenvolvese as Bases de Acción Exterior da Coruña (BAEX A Coruña), un documento de estudo que realizamos para transformar e mellorar a acción internacional do Concello (dos irmandamentos, redes de cidades, captación de eventos internacionais, recepción de delegacións internacionais…).

Unha das actividades a desenvolver no Plan de acción das BAEX A Coruña era crear materiais en linguas internacionais que falasen da cidade máis alá dos tradicionais materiais turísticos, poñendo en valor o perfil de cidade global da Coruña, conectada ao mundo do S.XXI por medio dunha moi especial conectividade internacional, grazas as ligazóns económicas, culturais ou científicas que posúe. O motivo de querer desenvolver eses materiais é que non existían.

As cidades globais son relevantes no marco da comprensión da globalización, ao ser núcleos intensos de fluxos internacionais na economía global e na toma de decisións internacionais. Estas cidades son centros clave para a política, o comercio, as finanzas, a cultura ou a innovación, e tenden a estar moi interconectadas con outras grandes cidades de todo o mundo. New York, Londres, Tokio, Hong Kong, París, Los Ángeles, Singapur ou Beijing son dos casos máis analizados por un concepto ascendente no marco das ciencias sociais mundiais.

A Coruña é unha cidade estratéxica na maneira en que Galicia participa na globalización, é unha cidade global intermedia. Co axente económico máis importante de Galicia, Inditex, e moitas outras marcas internacionalizadas, conta ademais conta con infraestruturas físicas de conectividade (aeroporto, porto, autoestradas e ferrocarril) ou de coñecemento, como a Universidade, sen falar da AESIA que está en camiño. Ademais, toda esta conectividade global que posúe, ciméntase en séculos de historia, posicionándoa desde as ligazóns coa diáspora galega, o mundo celta e atlántico ou a lusofonía.

Así as cousas A Coruña é unha cidade global intermedia, motivo polo cal, xa foi referenciada en rankings mundiais de cidades como o do IESE no 2020. Deste punto de partida, no ano 2022 construímos co apoio do Concello unha idea nova, a de facermos un mapa da cidade global. Un mapa que ensinase a historia internacional da cidade ao tempo que potenciase o ecosistema actual desas conexións internacionais. Un mapa que amplificase aos mapas tradicionais, poden atopalo na web acoruna.hub.gal.

O obxectivo principal do Mapa é o orixinal, ofrecer información da cidade en idiomas internacionais (fixémolo en inglés, chinés, portugués e castelán, ademais de en galego). E de maneira específica, o Mapa identifica o ecosistema global da cidade actual (aumentando o seu capital relacional), desenvolve ferramentas de marketing territorial (facilitando investimentos ou captación de talento), así como, e volvemos a misión orixinal, mellorar a experiencia dos visitantes da cidade e especialmente do Concello, das delegacións comerciais e institucionais, estudantes universitarias, participantes en congresos e eventos culturais…

A Coruña como cidade europea intermedia ten un conxunto de especificidades que a fan globalmente atractiva, o que traducida en políticas axeitadas pode converterse en beneficios para a vida económica e social da cidade e dos seus habitantes. Neste 2023 no que o Mapa deu xa varias voltas ao mundo, seguimos traballando con el.