Un artigo de Antonio Santos Preciado, estudante de Comunicación (Universidade Complutense) Actualmente na sección Internacional da Axencia EFE. Colaborador do IGADI

Polonia no marco europeo actual

"O país non para de xerar historias”. Esa é a primeira análise que fan os correspondentes informativos sobre o terreo da actualidade de Polonia, a sétima economía da Unión Europea. O certo é que esa perspectiva superficial encerra en si varias frontes para Varsovia e para o partido gobernante, o ultranacionalista de estrema dereita PiS (Liberdade e Xustiza). Baixo o escudo do crecemento económico, a administración actual tivo que enfrontarse as tensións das marchas antisemitas, á corrupción financeira e política, unha guerra de medios contra as cabeceiras críticas e as súas filtracións, e sobre todo, a negociación coa Unión Europea respecto da reforma xudicial.

Liñas de investigación Relacione Internacionales
Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

"O país non para de xerar historias”. Esa é a primeira análise que fan os correspondentes informativos sobre o terreo da actualidade de Polonia, a sétima economía da Unión Europea. O certo é que esa perspectiva superficial encerra en si varias frontes para Varsovia e para o partido gobernante, o ultranacionalista de estrema dereita PiS (Liberdade e Xustiza). Baixo o escudo do crecemento económico, a administración actual tivo que enfrontarse as tensións das marchas antisemitas, á corrupción financeira e política, unha guerra de medios contra as cabeceiras críticas e as súas filtracións, e sobre todo, a negociación coa Unión Europea respecto da reforma xudicial.

O punto de inflexión en 2018 tivo lugar fai dous meses, coas eleccións locais. A pesares de que o PiS non perdeu a súa maioría, tampouco conseguiu facerse coa contundente vitoria que esperaban, e Plataforma Cívica, o principal partido da oposición, mantivo o goberno dos voivodatos (o formato de administración rexional utilizado en Polonia) do norte. As cinco cidades máis poboadas (Varsovia, Cracovia, Lodz, Wroclaw e Poznan) tamén elixiron nas urnas a candidatos de outros partidos.

Os comicios municipais xeraron unhas disparidades electorais extremas en moitos sentidos, ata o punto de falar das “dúas Polonias”. A polarización deixou un europeísmo urbano, ao mesmo tempo que o voto rural freou esa dinámica pro-comunitaria. Esas mesmas singularidades na poboación tamén se traducen, en certa forma, na valoración que os correspondentes en Varsovia fan sobre a situación económica do país, na que o mestre de escola segue a cobrar pouco mentres que o traballador da corporación estranxeira ve o aumento do seu poder adquisitivo ao mesmo tempo que a suba dos prezos.

Nun parlamento nacional escorado completamente á dereita, o PiS endureceu as súas liñas aínda máis, arroupando o euroescepticismo a pesares de non gobernar nas grandes urbes, recollendo o desencanto das clases non urbanas con Bruxelas e agravando a brecha entre zonas rurais -onde o éxito dos ultranacionalistas foi manifesto- e as zonas urbanas, ao tempo que, ideoloxicamente, intenta reescribir as circunstancias do accidente aéreo de Smolensk (abril de 2010), que desembocou na morte do ex presidente Lech Kaczynski.

No medio deste tumulto que enfronta aos que acollen as bondades da Unión e os que realzan as súas fallas, Gazeta Wyborcza, o xornal máis crítico cos Kaczynski e co goberno actual, destapou un escándalo que implicou a Marek Chrzanowski, presidente da KNF, a institución que regula as finanzas polacas.

Chrzanowski dimitiu tras ser acusado e detido por esixir subornos por valor de máis de 9 millóns de euros ao dono do Getin Noble Bank, Leszek Czarnecki, para evitar que a entidade bancaria entrara en bancarrota. A resposta do goberno? Asoballar á cabeceira con varios litixios dende varias frontes (tanto empresas públicas coma oficiais do goberno) e segando todo tipo de solicitudes -lexítimas- relacionadas coa información pública. Dende o propio xornal xa comparan estas decisións como un intento de transformar o sistema mediático polaco no autoritarismo que impera nos medios húngaros, controlados completamente polo goberno de Viktor Orbán.

Nun ano, o vindeiro 2019, repleto de citas electorais, con eleccións europeas en maio e parlamentarias en Polonia en novembro, escándalos desta transcendencia abateron partidos no goberno: o PiS sufriuno en 2007, cando tivo que convocar eleccións polas acusacións de acoso sexual e corrupción do vice primeiro ministro e socio de goberno, o líder do partido populista SRP, Andrzej Lepper.

O perfil de Lepper, granxeiro antes que político, aínda segue a ser representativo e pertinente do electorado no que se apoia a estrema dereita polaca, despois dunha década do seu paso polo goberno: maila seren dos máis críticos coa entrada na UE, foi dos primeiros 5.000 granxeiros en aceptar as axudas económicas comunitarias ao sector agrícola.