U. Vélez contra M. Vélez

Apartados xeográficos América Latina ARCHIVO
Idiomas Galego

O disidente liberal Álvaro Uribe Vélez, apoiado polos conservadores que retiraron o seu candidato, é o novo presidente de Colombia.

En agosto de 2000 só posuía o 5% de intención de voto, en setembro de 2001 roldaba o 20%, oito meses máis tarde conseguiu o 53,04% nas eleccións do 26-M. O fracaso da opción negociadora, propiciada por Andrés Pastrana, deu ás á opción autoritaria e belicista que encabeza Álvaro Uribe e afundiu a doutro Uribe, o liberal Horacio Serpa Uribe que obtivo o 31,71% dos votos.

O panorama social de Colombia non diferería moito do que se observa noutros países do continente "nove millóns de persoas na miseria, 57% na pobreza, un 18% de desemprego, seis millóns e medio de subempregados" se non fose pola súa espeficidade nacional, definida pola sobresaturación de violencia, pola existencia de grupos armados, pola interferencia do narcotráfico na política e por ser o 3º país máis corrupto do mundo.

O resultado deixa a Uribe Vélez fronte a Marulanda Vélez, denominación que oculta o verdadeiro nome do septuaxenario guerrilleiro alcumado "Tirofijo", Pedro Antonio Marín. A man dura terá que demostrar nun ano a súa efectividade contra da violencia. De momento son os paramilitares os que felicitan ao novo presidente polo que apostaron durante a campaña.

Ambos posúen visións antagónicas para adiviñar o final da onda de violencia permanente na que 10 persoas perden diariamente a vida.

Para Marulanda Vélez, é previa a modificación constitucional para establecer un novo marco que permita unha distribución xusta da riqueza; precisamente neste punto foi onde encallou o proceso negociador impulsado por Andres Pastrana.

Para Uribe Vélez, o primordial é reforzar a autoridade do Estado, xerar unha sensación de seguridade cidadá que desamordace as limitacións que constriñen a economía e restrinxen a vitalidade e a credibilidade exterior do país. "A seguridade é unha fonte de recursos para erradicar a pobreza e construír a equidade. Ser duro co terrorismo, duro coa pobreza, duro coa corrupción…".

O ex-liberal apadriñado polos conservadores "un capitalista con conciencia social" postula un reforzamento da autoridade do Estado, propón a liña dura pero non rexeita a negociación, promete combater enerxicamente ás guerrillas e aos paramilitares.

Gustaría de estender o Plan Colombia á loita antiguerrilleira, non só cinguilo ao narcotráfico. Pero deberá desatascalo, xa que neste mes foi tocado pola corrupción. A Casa Branca denunciou que militares colombianos se repartiron, alomenos, dous millóns de dólares que Washington viña entregando á Policía nacional. O subdirector da sección de antinarcóticos da Embaixada dos EEUU, William H. Durcan, foi claro "non falamos de erros administrativos, senón de malversación de fondos". Embarazosa situación que ten en suspenso os programas da loita contra do narcotráfico para os que Washington ten destinados 1.300 millóns de dólares. Ata agora o involucrado é o director da Policía antinarcóticos, o xeneral Ernesto Gilibert, quen foi destituído.

Unha das medidas máis polémicas que pensa implantar o novo presidente é vincular alomenos a 1 millón de persoas en redes de información, conectadas coa Policía e os servicios de intelixencia; non descarta entregarlles armas.

Os precedentes existentes en Latinoamérica coas Roldas Campesiñas peruanas e as Patrullas civís guatemaltecas, non invitan ao optimismo e remataron por converterse nun sen fin de vinganzas arbitrarias. No caso colombiano converterían a un millón de civís en novos obxectivos militares.

Cando exerceu como gobernador de Antioquía (1995-97), xa promovera as patrullas ou agrupacións de civís armados Convivir, as Cooperativas de seguridade rural. Conseguiu diminuír a presencia das FARC na zona, os secuestros reducíronse nun 60%, pero pola contra dúas destas cooperativas remataron por converterse en frontes das autodefensas paramilitares.

Iniciativas como estas serviron para que os seus contrincantes o consideren un tapado dos paramilitares e de estar en conivencia co narcotráfico. Comprometedora etiqueta que tratou sacar de enriba propoñendo como vicepresidente a Francisco Santos, axudante de dirección do xornal madrileño El País, ligado ao grupo de comunicación colombiano El Tiempo. Santos estivo secuestrado entre os anos 1990-91 polo cártel de Medellín ás ordes do coñecido capo Pablo Escolar. Dende entón entregouse á causa dos da defensa das víctimas da violencia dende a asociación País Libre, na que estivo comprometido cos Dereitos Humanos ata que coñeceu un Plan das FARC para secuestralo e decidiu exiliarse en Madrid.

Como resultado da ofensiva militarista que vai impulsar Álvaro Uribe, prevese un aumento da violencia, alomenos na primeira fase. Algunhas das súas frases de campaña non tranquilizan aos defensores dos Dereitos do Home. "Necesitamos un Fujimori para derrotar á guerrilla en Colombia". Outras tratan de aplacar estas desconfianzas, "Eu son un demócrata con autoridade. Precisamos mano dura , pero con Dereitos Humanos".

Uribe, como outros líderes do autoritarismo mundial en racha electoral, promete solucións simples para problemas complexos.

O candidato derrotado do partido liberal, Horacio Serpa, lanzoulle un reto a U. Vélez, "Nin a paz é fácil, nin a guerra é gratis". Co Parlamento ao seu favor, onde o 35% coquetea cos paramilitares, se Uribe non consigue resultados a curto prazo ou medio prazo, o prezo de guerra pode ser impagable para os colombianos e insoportable para o seu presidente. O tempo xoga na súa contra.

Pola contra, M. Vélez síntese forte combatendo e débil na política. Nos últimos 40 anos non fixo outra cousa e o tempo córrelle a favor.