Capa do Tempos Novos de febreiro

Unha necesidade estratéxica e histórica para Putin

Fronte á ameaza de invasión da Ucraína por Rusia, os Estados Unidos e a UE avogan polo diálogo co amo do Kremlim, quen se sabe en posición de forza fronte a un Occidente debilitado, aínda baixo os efectos da pandemia e vítima das súas contradicións e divisións, e sempre lastrado na toma de decisións pola natureza democrática dos seus sistemas políticos. Moscova ten manifestado o seu rexeitamento a aceptar negociacións interminables, poñendo sobre a táboa condicións imposibles de asumir polo bando occidental, que na práctica significan acordar a Rusia un dereito de veto sobre as decisións da OTAN. A «finlandización» ucraína semella unha opción aceptábel, se ben Rusia non desleixará a integración progresiva de Kiev na súa Federación.
Liñas de investigación Relacione Internacionales
Apartados xeográficos Rusia
Palabras chave Galicia internacional
Idiomas Galego

Fronte á ameaza de invasión da Ucraína por Rusia, os Estados Unidos e a UE avogan polo diálogo co amo do Kremlim, quen se sabe en posición de forza fronte a un Occidente debilitado, aínda baixo os efectos da pandemia e vítima das súas contradicións e divisións, e sempre lastrado na toma de decisións pola natureza democrática dos seus sistemas políticos. Moscova ten manifestado o seu rexeitamento a aceptar negociacións interminables, poñendo sobre a táboa condicións imposibles de asumir polo bando occidental, que na práctica significan acordar a Rusia un dereito de veto sobre as decisións da OTAN. A «finlandización» ucraína semella unha opción aceptábel, se ben Rusia non desleixará a integración progresiva de Kiev na súa Federación.

Mesmo antes de callar a súa candidatura, Joe Biden tiña afirmado que Ucraína debía arranxar os seus problemas de corrupción interna. Xa candidato, e logo presidente, advertiu que Estados Unidos non despregaría armas ofensivas sobre territorio ucraíno, albiscando a posibilidade de limitar a cooperación militar con Kiev, unha eventualidade que non é compartida polo Congreso estadounidense. Existe a percepción de que Washington ten feito concesións a Moscova mesmo antes do inicio das conversas directas en Xenebra, o pasado 10 de xaneiro, e de aí que o Kremlim non deixe de tensar a corda, multiplicando xestos e esixencias que de antemán sabe que van ser rexeitadas.

En xeral, Putin estima que Occidente, e máis particularmente a UE, atópanse debilitados pola pandemia, a ascendente das grandes multinacionais sobre os estados, a desunión e carencia de dirección coherente, nomeadamente en política internacional, e a propia natureza dos réximes democráticos, moito máis complexos e menos expeditivos que os sistemas autoritarios na toma de decisión.

Un erro estratéxico que non ten pasado desapercibido é a invitación de Biden a Putin para manter discusións directas xusto tralo primeiro despregue de tropas rusas á proximidade da fronteira ucraína. Un signo de debilidade da Casa Branca, disposta a «comerciar» con Ucraína a cambio dunha non intervención rusa no pulso entre Estados Unidos e China, principal preocupación americana, da que dependen os seus grandes intereses e o equilibrio planetario. Amais, considérase un agravio a decisión do presidente ucraíno, Volodymir Zelensky, de deter e xulgar acusado de traizón ao mellor amigo de Putin no país, o líder da corrente prorrusa, Viktor Medvedtchouk.

Rusia entende que os dirixentes ucraínos, reforzados polo apoio occidental, non están dispostos a aceptar os Acordos de Minsk, xulgados humillantes, impostos. O Kremlim atende con preocupación a posta ao día das forzas armadas ucraínas, xa sexa pola adquisición de drons turcos, a modernización das forzas navais e reforzo da cooperación cos países da OTAN. Unha perigosa evolución que podería permitir a Kiev promover unha ofensiva vitoriosa nas zonas que Rusia controla no Donbass.

Conxuntura internacional favorable

As autoridades rusas colixen que é o momento axeitado, e mesmo excepcional, para ir un paso máis aló e expor esixencias inflexibles. Alemaña está gobernada polos socialdemócratas, máis favorables a Rusia que os democristiáns e non dispostos a abandonar o gasoduto Nord Stream 2. Francia atópase no medio dunha campaña presidencial de alta tensión, onde Macron non ten nin moito menos gañada a súa reelección, e un dos candidatos con maior visibilidade proclama que retirará ao seu país da OTAN e levantará as sancións contra o Kremlim.

Eivado o eixo franco-alemán, en plena reconfiguración, as contradicións da UE, que lastran a súa incipiente política exterior, Bruxelas interprétase coma un ente susceptible de emitir sancións de curto percorrido e impacto, contando Moscova con aliados no seo e consciente da súa importancia enerxética, e máis no actual contexto.

Os Estados Unidos está baixo o mando dun presidente case octoxenario cuxa administración está dividida entre partisanos do realismo da doutrina «a China sobre todo» e internacionalistas que chaman a non esquecer a Rusia. Da súa banda, a propia Ucraína está estruturalmente danada pola súa crónica inestabilidade de política ao que hai que engadir as profundas crises, económica e social, derivadas da lentitude e incapacidade de reacción fronte á pandemia.

Á cabeza dun réxime de contornas adaptadas á súa propia figura, en calidade de xefe das forzas armadas rusas, Putin pode permitirse desprazar as tropas de xeito masivo, e mesmo custoso, tan só sexa co único obxecto de obter unha conversa telefónica co presidente estadounidense, como foi o caso o 30 de decembro de 2021. Enfrontándose a unha potencia que destila unha imaxe de indecisión e frouxeza, Rusia, que non é unha democracia, conforta porén a actores que se entoxan fundamentais para a estabilidade do réxime, como a propia cúpula militar, imbuída dun nacionalismo impregnado dun marcado complexo imperial e fortemente interesada no mantemento da mobilización armada. É por todos estes motivos que Putin e os seus máis estreitos colaboradores, como Serguei Lavrov, ministro de Asuntos Exteriores, Iuori Ouchakov, conselleiro especial do presidente ou Anatoli Antonov, embaixador ruso en Washington; despregan esforzos para desatar un conflito en Ucraína, que se presenta como unha necesidade estratéxica e histórica.

A «Finlandización» da Ucraína?

E Moscova non está disposto a aceptar negociacións interminables con Occidente, como na guerra fría, esixindo garantías de seguridade, por escrito, tal e como Antony Blinken, secretario de Estado norteamericano, se comprometeu tralo seu encontro en Xenebra con Lavrov, xuridi- camente vinculantes. Isto inclúe a garantía de que a OTAN non admitirá ningún outro membro entre as antigas repú- blicas da Unión Soviética, é dicir, Ucraína, pero tampouco Georgia, amais do compromiso de que a Alianza reduza as súas actividades en Europa Central e nos países Bálticos, e que Washington non despregue misís de curto e medio alcance en territorio europeo.

Putin non está disposto a dar marcha atrás, e non prevé retirar as súas tropas da fronteira ucraína até o momento en que a Alianza Atlántica renuncie á promesa formulada no seu cumio de 2008 en Bucarest de integrar a Kiev e Tblisi. Tras máis de dúas décadas no poder, cunha longa experiencia internacional ás súas costas, Putin sabe que isto non ocorrerá nunca, que anular a promesa de Bucarest, por moi controvertida que fose, mesmo entre os aliados europeos, e limitar o despregue da OTAN en Eu- ropa central, significaría acordar a Moscova un dereito de veto, o que significaría a fin da organización tal e como a coñecemos.

Porén, a «finlandización» da Ucraína, arredor da cal se poderían poñer de acordo os socios occidentais de Kiev, sería unha alternativa a tomar en consideración pola Federación Rusa. O concepto de «finlandización», acuñado na década de 1950, describe a neutralidade de Finlandia entre a OTAN e a URSS. Despois de ter resistido á invasión soviética en 1940 e 1944, durante os tratados de paz asi- nados ulteriormente con Moscova, o país é obxecto de certas limitacións en política internacional, prohibíndose- lle integrar no contexto da guerra fría «o outro bloque», ben que Helsinqui preserva toda a súa independencia e soberanía.

Pero Ucraína atópase nunha situación diferente, xa que os soviéticos nunca consideraron aos finlandeses un pobo próximo a eles, irmán, que comparte trazos histó- rico culturais. De xeito que o Kremlim nunca desleixará a súa estratexia de integración progresiva, por moi lenta que esta sexa, na Federación Rusa. Para Ucraína a «finlandización» sería un eufemismo que agocharía a súa capitulación, e mesmo liquidación, coma Estado independente.