Venezuela: Maduro sobrevive nun crítico 2017

Tras meses de tensión e violencia nas rúas, a contundente vitoria do “chavismo” nos comicios rexionais do pasado 15 de outubro, obtendo 18 das 23 gobernacións do país, revela síntomas de reconfiguración que pareceran procrear un novo status quo político en Venezuela. Con novas eleccións á vista (municipais de decembro de 2017 e presidenciais de 2018), o presidente Nicolás Maduro está logrando asentar unha estrutura de poder netamente “post-chavista” ante a desbandada política opositora. Non obstante, este panorama mantén varias frontes abertas, destacando a alarmante crise socioeconómica e financeira e un contexto internacional desfavorable (sancións de EUA e da Unión Europea) que paradoxalmente o propio Maduro está logrando moderar, en gran medida grazas ao apoio estratéxico que lle outorgan Rusia e China. 

Liñas de investigación Relacione Internacionales
Apartados xeográficos América Latina
Idiomas Galego

Tras meses de tensión e violencia nas rúas, a contundente vitoria do “chavismo” nos comicios rexionais do pasado 15 de outubro, obtendo 18 das 23 gobernacións do país, revela síntomas de reconfiguración que pareceran procrear un novo status quo político en Venezuela. Con novas eleccións á vista (municipais de decembro de 2017 e presidenciais de 2018), o presidente Nicolás Maduro está logrando asentar unha estrutura de poder netamente “post-chavista” ante a desbandada política opositora. Non obstante, este panorama mantén varias frontes abertas, destacando a alarmante crise socioeconómica e financeira e un contexto internacional desfavorable (sancións de EUA e da Unión Europea) que paradoxalmente o propio Maduro está logrando moderar, en gran medida grazas ao apoio estratéxico que lle outorgan Rusia e China. 

O presidente venezolano Nicolás Maduro está apuntalando unha estrutura de poder “post-chavista” que lle está permitindo sortear a grave crise de 2017. Neste sentido, logrou manter a iniciativa a pesar das presións internas e internacionais, incluso retomando o calendario electoral (rexionais de outubro e municipais de decembro de 2017; presidenciais 2018) que lle permitirán definir as bases desa estrutura de poder “post-chavista” que cada vez cobra maior forma.

A sorprendente victoria electoral do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) nas eleccións rexionais do pasado 15 de outubro, gañando 18 das 23 gobernacións do país, confirmou o éxito desta táctica política. A mesma está orientada en manter a iniciativa e a unidade monolítica (aínda que sexa circunstancial) nesta etapa “post-chavista” a fin de desactivar a presión opositora. Isto evidenciouse co impulso de iniciativas propias (Asemblea Nacional Constituínte, ANC) e a expresión electoral (comicios rexionais) que provocaron un marcado clima de desencanto, división e de letargo nas filas opositoras.

A confirmación do éxito desta táctica foi a aceptación por parte de catro gobernadores opositores (do partido Acción Democrática) a ser xuramentados nos seus respectivos cargos ante a ANC. Só un dos gobernadores opositores (en mans do partido Primeiro Xustiza) negouse a prestar este xuramento, argumentando a presunta ilegalidade da ANC. Tampouco parece existir unanimidade na oposición ante o anuncio presidencial de recomezar a mesa de diálogo baixo auspicio internacional

Este contexto confirma a profunda división existente nas filas opositoras, laminando así a cada vez más débil consistencia da plataforma Mesa pola Unidade Democrática (MUD), cuxos visos de desaparición parecen observarse no actual contexto político, en particular con vistas ás eleccións presidenciais de 2018.

A ANC como peza clave

Maduro fixo do choque de poderes institucionais unha estratexia política eficaz para dividir e incluso “domesticar” a determinados sectores opositores, especialmente aqueles considerados como moderados. Neste sentido, a ANC é o instrumento chave para asestar o éxito desta estratexia.

A bicefalia de feito existente entre un poder lexislativo institucionalmente polarizado, por unha banda cunha Asemblea Nacional en mans da oposición pero visiblemente minimizada polo goberno; e por outra banda cunha ANC controlada por Maduro e a estrutura de poder “post-chavista”, define a magnitude deste choque de poderes. O mesmo amosa escasas posibilidades de éxito para unha oposición politicamente dividida, onde os sectores máis radicais buscan agora un novo espazo de actuación neste novo panorama.

Este letargo opositor contrasta coa voráxine de acontecementos vividos meses atrás, onde as forzas opositoras tentaron tomar a iniciativa coa intención de desaloxar a Maduro do poder. Entre estes acontecementos destacan as violentas protestas nas rúas (abril-agosto) con saldo de mais dunha centena de mortos; os confusos incidentes de alzamento militar (xullo e agosto); e as sucesivas consultas e citas electorais (xullo e outubro). En ningunha delas, a oposición logrou alcanzar os seus obxectivos políticos.

Desencantada polos seus recentes fracasos electorais e políticos, a oposición vese igualmente contrariada ante a blindaxe xudicial que realiza o goberno vía ANC, en particular trala recente aprobación por parte da ANC dunha controvertida Ley contra el Odio na que albíscase a posibilidade de criminalizar as protestas e incluso aqueles síntomas de disidencia.

Os contrapesos internacionais

Con todo, un contexto levemente diferente observase dende a comunidade internacional. Principalmente liderada por EUA e a Unión Europea,  o contexto exterior, sen menosprezar a crise socioeconómica, ten sido o talón de Aquiles para o goberno de Maduro.

As sancións internacionais impostas por Washington e Bruselas contra Maduro e funcionarios do seu goberno aceleráronse no segundo semestre de 2017. Do mesmo xeito, é maioritario o descoñecemento exterior á ANC, principalmente por parte do recentemente creado Grupo de Lima liderado por Perú, México, Colombia, Canadá, Chile, Brasil e Arxentina, contextualizado pola presión contra Maduro vía ONU e outros organismos hemisféricos (MERCOSUR, UNASUR, OEA) e internacionais á hora de buscar saídas viables á imprevisible crise venezolana.

Frustrados os seus obxectivos políticos e electorais internos, a oposición venezolana practicamente encoméndase á presión internacional vía EUA, Unión Europea e Grupo de Lima, como a saída más viable no só para a solución da crise venezolana senón incluso para a súa propia supervivencia política. Tamén encoméndase ás denuncias contra Maduro invocadas ante o Tribunal Internacional da Haia por parte de sectores opositores venezolanos, pola presunta responsabilidade do presidente venezolano na represión contra manifestantes, acaecidas meses atrás.

Ante este panorama, o goberno venezolano buscou contrarrestar esta presión exterior acudindo desesperadamente á axuda financeira e política en aliados estratéxicos como Rusia e China, en particular ante as expectativas de default financeiro venezolano.

Neste sentido, Moscova(1) e Pequín eríxense como os principais valedores exteriores para Maduro. Esta perspectiva amplíase ante os recentes acercamentos de Maduro vía Moscova cara un eixe euroasiático deseñado polo Kremlin, cuxos membros tamén amosaron o seu apoio a Maduro.

Este contexto podería definir unha estratexia xeopolítica de achegamento de Caracas a este eixe euroasiático que deseña o Kremlin. Para Putin, estes acercamentos traducen expectativas de xogar as súas cartas xeopolíticas no tradicional “patio traseiro” estadounidense, tal e como Washington ven realizando de cara á periferia rusa ex soviética nos derradeiros anos, especialmente en Ucraína.

Entre setembro e outubro de 2017, Maduro viaxou a Kazajstán, Rusia, Bielorrusia e Turquía para participar en diversos cumios e xuntanzas que revelan a concreción de intereses venezolanos con Rusia, China, Turquía e incluso India. Isto tamén evidenciouse ante a recente decisión de Maduro (setembro de 2017) de sustituir ao dólar como sistema de pago a favor dunha cesta de moedas integrada polo yuan chinés, o rublo ruso, a rupia india e incluso o euro.

Este xogo xeopolítico de intereses entre EUA, a Unión Europea, Rusia e China ten a Venezuela como un epicentro estratéxico chave, particularmente á hora de establecer esferas de influencia para a exploración e explotación das súas enormes reservas enerxéticas. Estas expectativas están igualmente en man doutros actores chave como o Secretario de Estado estadounidense, Rex Tillerson, ex directivo da multinacional Exxon Mobil e amigo persoal de Igor Sechin, presidente da multinacional petroleira rusa Rosneft.

Tillerson ten a vista posta en Venezuela por controversias pasadas co ex presidente venezolano Hugo Chávez en proxectos de exploración de Exxon Mobil na Faixa Petrolífera do Orinoco. Tamén fixa a súa atención nos recentes descubrimentos de reservas enerxéticas na plataforma marítima en torno ao territorio do Esequibo, en reclamación da súa soberanía por parte de Venezuela e Guyana. Neste sentido, a controversia sobre o Esequibo semella decantarse proximamente cara a Corte Internacional de Xustiza da Haia.

A nivel hemisférico, Maduro ten o apoio tácito de aliados do eixe ALBA (Bolivia, Nicaragua e Cuba), aínda que en menor medida do Ecuador post-Correa agora baixo a presidencia de Lenin Moreno. Isto permitiulle, dalgún xeito, contrarrestar e moderar esa presión hemisférica contra o seu goberno.

Cara un novo período presidencial 2018-2024

O contexto electoral post-rexionais e as municipais de decembro (nas cales diversos partidos opositores debaten a súa participación) escenifican un panorama que semella redebuxar o mapa político venezolano a mediano prazo. O foco semella mais ben estar orientado cara as eleccións presidenciais de 2018.

De todo iso parece derivar a posibilidade de configurarse un novo status quo entre Maduro e a polarizada oposición, na cal o presidente venezolano semella ter a iniciativa ao seu favor. Cando menos en aparencia, o goberno de Maduro amosou maior solidez ante as presións opositoras e do contexto internacional.

Nin sequera a aparición en 2017 de disidencias dentro do “post-chavismo”, como foron os casos da ex Fiscal Luísa Ortega e doutros ex ministros “chavistas” como Gabriela Ramírez (ex Defensora do Pobo) e Miguel Rodríguez Torres (ex ministro do Interior e de Defensa), nin os seus tímidos contactos coa oposición nos derradeiros meses, lograron procrear a perspectiva de fisuras tendentes a unha eventual transición post-Maduro.

Velaí que o contexto actual favorece mais ben á consolidación da actual estrutura de poder “post-chavista”, aínda que todo iso sen menosprezar a evidencia de determinadas divisións e polarizacións internas(2). Algunhas delas xa fixéronse visibles no relativo ao nomeamento de candidaturas constituíntes para a elección da ANC o pasado 30 de xullo, o que demostra que o espazo “post-chavista” tamén está en disputa entre varios sectores que puxan polos seus liderados representativos.

Pola súa banda, a oposición debátese en divisións internas que ameazan seriamente (algúns xa o ven como un feito) con sepultar a súa enésima plataforma unificadora, neste caso a MUD. A desactivación das protestas de rúa, a consolidación da ANC e a derrota electoral nas recentes eleccións rexionais son síntomas que evidencian esta división e o desencanto nas filas opositoras.

Isto provocou que a MUD entre agora nunha nova fase, se cabe dilemática, pero tamén dependente da presión internacional contra Maduro. Esta nova fase anuncia a puxa polo espazo de poder opositor en mans de partidos como Acción Democrática (AD) e Primeiro Xustiza (PJ), toda vez outros partidos e movementos opositores, como Alianza ao Bravo Pobo, Vente Venezuela, A Saída e outros sectores agrupados na denominada “A Resistencia” (principalmente sectores estudantís), amósanse claramente contrarios a establecer negociacións co goberno así como en participar en procesos electorais que consideran presuntamente viciados a favor do oficialismo.

A pesar do crítico 2017, Maduro remontou subitamente con ganancias políticas que espera capitalizar ao seu favor nas presidenciais do próximo ano. A súa tarefa pendente é solucionar unha crise socioeconómica con visos de agravarse, toda vez a presión internacional non cesará, e menos aínda ante un ano electoral. Mentres buscan configurar un novo status quo político en Venezuela, Maduro e a estrutura “post-chavista” xa pensan no próximo período presidencial 2018-2024.



(1) A presión internacional e as sancións estadounidenses contra funcionarios do goberno de Maduro motivaron a Caracas a acelerar os contactos estratéxicos venezolanos con Moscova. En abril de 2017, o ministro de Defensa venezolano Vladimir Padrino asistiu na capital rusa á VI Conferencia de Seguridade Internacional. O convite foi realizado polo seu homólogo ruso Serguéi Shoigú. Nesta conferencia, Padrino falou da preocupación venezolana ante a proxección da OTAN en América Latina.

 

(2) Nesta estrutura “post-chavista” podemos identificar catro grupos chave: o “chavismo civil” liderado por Maduro; o “chavismo radical”, cuxa principal cabeza sería Diosdado Cabello; o “chavismo institucional” en mans da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB) e o ministro de Defensa, Vladimir Padrino; e o “chavismo popular de base”, moito mais amorfo e sen liderados visibles, conformado por consellos comunais, colectivos, etc. Para maior información sobre estes grupos de poder que conviven na actual estrutura "post-chavista", consultar: MANSILLA BLANCO, Roberto; “Venezuela: ¿hacia un nuevo status quo?”, esglobal (España), 9 de outubro de 2017. Ver en: https://www.esglobal.org/venezuela-hacia-nuevo-status-quo/