Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario, o 13 de outubro do 2023
Lai Ching-te, actual Vicepresidente do Goberno de Tsai Ing Wen, posiciónase como primeiro nas enquisas, diante da división das forzas da oposición. Fonte Foto: Wikimedia

Vertixe electoral de Taiwán

Na vella Formosa avanzan no ritmo de cara aos decisivos comicios de xaneiro próximo. A menos de cen días das votacións, todos os ollos están postos en se os tres principais candidatos da oposición logran poñerse de acordo para desafiar ao favorito do partido gobernante. O tempo esgótase.
Apartados xeográficos China y el mundo chino
Palabras chave Taiwán Eleccións 2023
Idiomas Galego

No plano interior, dous bloques, con dúas visións diferentes do futuro da illa, contrastan os seus programas. O soberanismo, congregado arredor do actual vicepresidente Lai Ching-te, ten boas vibracións. A oposición unionista, maioritaria segundo as enquisas, ten tres patas principais: o Kuomintang (KMT), o Partido Popular e o independente Terry Gou, o multimillonario fundador de Foxconn. A súa división garante automaticamente a vitoria de Lai.

No exterior, dous actores seguen a evolución política con especial atención. China observa as eleccións como unha oportunidade para que os partidarios da reunificación regresen ao poder. Con eles, a pesar das diferenzas, pode entenderse mellor. A continuidade do soberanismo, despois de oito anos no poder coa actual presidenta Tsai Ing-wen, suporía un revés para Xi Jinping, quen instou en varias ocasións a acelerar o ritmo da reunificación, evitando deixar a solución deste problema “de xeración en xeración”. O KMT mantén en vigor un acordo asinado en 2005 co Partido Comunista de China para contrarrestar o movemento independentista.

En canto aos EUA, dende a conversación telefónica entre Donald Trump e a presidenta Tsai Ing-wen (2016), o cambio na súa política cara a Taiwán é manifesto e parte substancial do enfrontamento estratéxico coa China, que reitera unha e outra vez que é unha “liña vermella” que non se debe cruzar. Washington multiplicou todo tipo de apoios a Taipei, sobre todo en defensa pero tamén en política, comercio, diplomacia, etc. É apreciable un cambio semántico substancial: antes dicía que “rexeitaba” a independencia, agora que “non a apoia”, cal será o seguinte paso? Todos os candidatos á presidencia peregrinaron aos Estados Unidos para explicarse e gañarse o favor da Casa Branca. Washington é máis escéptico coa oposición.

A nivel diplomático, Taiwán adquiriu nos últimos tempos unha relevancia contraditoria. Só lle quedan unha ducia de países que o recoñecen formalmente como estado; porén, aumentou moito o entendemento cos países desenvolvidos de Occidente, especialmente na órbita anglosaxoa. E Xapón, unha vella potencia colonial, recuperou unha influencia que provoca arrepío e desconcerto en partes iguais a boa parte da opinión pública a ambos os dous lados do Estreito.

O soberanismo expón o dilema político destas eleccións en termos de democracia ou autoritarismo; a oposición unionista, en termos de guerra ou paz. Esta segunda é a visión que tamén transmite Beijing, que propuxo recentemente un ambicioso plan para reforzar a integración económica da illa co continente. Se gaña o Partido Democrático Progresista, é case seguro que se cancelará o acordo económico preferencial con China asinado polo expresidente Ma Ying-jeou, do Kuomintang, en 2010. Isto podería ter un impacto importante na illa. Taipei ten un déficit comercial con moitos países europeos e os EUA pero un superávit coa China continental, á que exporta o 40 por cento dos seus produtos. A previsión de crecemento para o próximo ano rolda o 2 por cento e podería sufrir se empeoran as tensións con Beijing.

No eido da defensa, unha vitoria do soberanismo en Taiwán podería provocar novos avisos da China continental, que podería anticipar nas próximas semanas como complemento da oferta de integración económica. Beijing non mirará para outro lado se o que chama “conivencia” entre o soberanismo e os EUA acentúa o distanciamento da illa do continente. A cambio, comprométese a respectar o sistema político e socioeconómico liberal da illa, unha garantía en cuestión ante o cambio vivido en Hong Kong.

A opción de Lai, con saudable vantaxe nas enquisas, é a disuasión, reforzando significativamente o compromiso defensivo e aumentando o gasto militar coa axuda dos Estados Unidos (polo menos ata o 3 por cento do PIB). A oposición aposta por negociar co continente partindo da idea de que forman parte dunha mesma China. O primeiro paso sería un acordo de paz, que leva varios anos no punto de mira.

O que resta de mes é crucial para a cooperación entre as forzas da oposición. Aínda que un hipotético acordo non garante a vitoria, a falta de entendemento é un suicidio a tres bandas.

Pouco a pouco, Taiwán vaise consolidando como un dos epicentros xeopolíticos fundamentais do século XXI. As augas do seu estreito son de gran importancia para o comercio mundial, os seus semicondutores son indispensables pero, sobre todo, a súa estabilidade e paz representan o mellor garante da prosperidade de toda Asia e do resto do mundo.