20081230 rafah escola onu nena palestina 640

Conflito palestino-israelí: Corolario de resolucións diplomáticas non executadas que explican en parte a situación actual

O 14 de maio de 1948 proclamouse a creación do Estado de Israel. Pouco despois, e xa antes, a rexión foi escenario dun violento enfrontamento, o cal, en diversas fases e intensidades mantense con toda a súa dureza ata os nosos días.Iso que se denomina “comunidade internacional” tratou durante décadas, principalmente a través da ONU de solucionar, ou ó menos de conter, as disputas entre Palestina e Israel. Este esforzo materializouse a través de numerosas resolucións, algunhas delas anteriores incluso a propia declaración de independencia de Israel.
Liñas de investigación Relaciones Internacionales
Apartados xeográficos Oriente Medio

Principais iniciativas diplomáticas

Resolución 181 (1947)

Cando se fundou a ONU no ano 1945, Palestina estaba baixo control do Reino Unido en virtude dun mandato do ano 1922 dimanante da precursora das NN.UU., a Sociedade de Nacións. Debido ó importante volume de poboación xudía que optou por emigrar a Palestina e as friccións coa poboación árabe, contraria a ese fluxo migratorio, o Reino Unido, levou a cuestión de Palestina ó seo da ONU.

Febreiro de 1956 Mapa do Plan de partición da ONU para Palestina, adoptado o 29 de novembro de 1947, co límite do anterior plan de partición da UNSCOP engadido en verde.
“Febreiro de 1956 Mapa do Plan de partición da ONU para Palestina, adoptado o 29 de novembro de 1947, co límite do anterior plan de partición da UNSCOP engadido en verde.”
Fonte: https://pt.wikipedia.org/wiki/Plano_da_ONU_para_a_partilha_da_Palestina_de_1947

O 1 de setembro de 1947, un comité especial composto por once Estados elaborou o documento A/364 mediante o que se recomendaba á Asemblea Xeral da ONU, composta por aquel entón por 57 membros, a división de Palestina en dous Estados, un árabe e outro xudeu. A resolución foi aprobada o 29 de novembro de 1947, recibindo 33 votos a favor, 13 en contra e 10 abstencións, ademais de producirse unha ausencia. A resolución propuña a finalización do mandato británico e a progresiva retirada das súas tropas estacionadas na rexión.

Tamén se aprobaba entregar ó futuro Estado hebreo o 56,47% do conxunto territorial de Palestina na que quedarían 498.000 xudeus e 325.000 árabes. Para o Estado árabe quedaría o 43,53% del territorio, poboado por 807.000 árabes e 10.000 xudeus. Xerusalén, que contaba cunha poboación de 105.000 árabes y 100.000 xudeus foi declarada corpus separátum.

Para que o acordo se fixese efectivo eran precisas as dúas terceiras partes dos votos. O número de sufraxios non estaba garantido, aínda que finalmente o texto foi aprobado xa que tanto a URSS como Estados Unidos mostráronse partidarios da partición. O papel de EE.UU. foi moi activo para que a proposta saíse adiante sendo un bo exemplo a ameaza de sancións vertidas contra Filipinas pra que varíase súa posición inicial favorable á abstención e acabase votando de maneira favorable. Algo similar ocorreu con outros países de África ou Latinoamérica.

Os trece Estados que votaron en contra tiñan poboación que profesaba maioritariamente a relixión musulmana, con excepción de India, cun gran número de poboación seguidora do Islam aínda que non maioritaria, Grecia e Cuba. Ernesto Dihigo y López Trigo, delegado de Cuba na ONU, xustificou seu voto, entre outros argumentos afirmando no recoñecer o valor da Declaración Balfour, e que aínda que se recoñecese, no texto prometíase ós xudeus un “Fogar Nacional”, nunca un Estado libre.

Resolución 194 (1948)

A parte mais importante da resolución 194 aprobada na 186ª sesión plenaria do 11 de decembro de 1948, é quizais seu artigo 11:

Resolve que debe permitirse ós refuxiados que desexen regresar ós seus fogares e vivir en paz cos seus veciños que o fagan o antes posible, e deberán pagarse indemnizacións a título de compensación polos bens dos que decidan non regresar ós seus fogares y por todo ben perdido ou danado cando en virtude dos principios do dereito internacional ou por razóns de equidade, esta perda ou este dano deba ser reparado polos Gobernos ou autoridades responsables”.

Ademais, a Asemblea demandou a desmilitarización e internacionalización de Xerusalén e a protección dos lugares sagrados de Palestina así como o libre acceso ós mesmos e o establecemento dunha Comisión de Conciliación das Nacións Unidas pra Palestina. Esta Comisión tentou centrar seus esforzos en tres cuestión principais: a extensión dos territorios, os refuxiados e o réxime de Xerusalén.

Tras manter encontros por separado con Siria, Líbano, Xordania, Exipto e Israel, acadou que cada unha das partes firmara de maneira separada un protocolo no que se aceptaba como base de negociación as fronteiras establecidas na partición de Palestina. Estas medidas non chegaron a ser moi frutíferas xa que Israel insistía en priorizar a cuestión territorial e por parte dos Estados árabes plantexábase a esixencia do retorno dos refuxiados.

image 42
Mapa das liñas do armisticio de 1949.
Fonte: http://www.cinu.org.mx/temas/palestina/imagenes/mapas/armisticeline949.gif

Resolución 242 (1967)

Trala vitoria israelí na chamada “Guerra dos Seis Días a ONU aprobou o 22 de novembro de 1967 a Resolución 242 na que se demandaba a Israel a retirada dos territorios ocupados perante a contenda. Tamén se facía un chamamento á finalización da violencia no Próximo Oriente e ó respeto e recoñecemento de todos os países da zona a vivir de maneira segura e en paz dentro das súas fronteiras. Igualmente incidíase na necesidade de garantir a liberdade de navegación por augas internacionais e voltabáse a demandar unha solución a grave situación dos refuxiados palestinos.

Xordania e Exipto finalmente aceptaron a resolución e expuxeron como esixencia previa ao establecemento de conversacións a retirada completa por parte de Israel dos territorios ocupados durante a contenda de 1967. Pola súa banda, Israel, que igualmente aceptara a resolución, incidiu en que o problema dos refuxiados, así como a súa retirada deberían vir precedidos a través de negociacións directas cos Estados árabes e coa firma dun tratado de paz. Por parte de Siria e da Organización para a Liberación de Palestina (OLP) a Resolución 242 foi rexeitada ao considerar os primeiros que no texto supeditábase a retirada de Israel ás concesións que se demandaban aos Estados árabes. A OLP afirmou que a Resolución 242 parecía reducirse unicamente á situación dos refuxiados .

Resolución 338 (1973)

O 06 de outubro de 1973, tropas sirias e exipcias atacaron de maneira simultánea ás forzas israelís na península do Sinaí e nos Altos do Golán dando inicio a un conflito coñecido como Guerra do Yom Kippur .

As forzas armadas de Israel conseguiron repeler o ataque e anular o inicial avance das tropas árabes. Desta maneira, chegaron a penetrar en territorio de Siria deténdose a 35 km. Do seu capital, Damasco e ocupando 600 quilómetros cadrados na rexión do Golán. Algo similar ocorreu no lado exipcio, no que os israelís chegaron a establecer cabezas de ponte na ribeira occidental da canle de Suez, facéndose co control de 1600 quilómetros cadrados de territorio exipcio .

O 22 de outubro de 1973 foi aprobada esta concisa resolución , de tan só tres puntos, na 1747ª sesión por 14 votos a favor e ningún en contra. No texto instábase as partes a un cesamento do fogo e a fin de toda actividade militar, a aplicar a resolución 242 (1967) e ao comezo de negociacións coa finalidade do “establecemento dunha paz xusta e duradeira no Oriente Medio”.

Acordos de Oslo (1993)

A Casa Branca, baixo a presidencia de Bill Clinton, foi o escenario elixido para que Mahmoud Abbas, entón negociador da Organización de Liberación de Palestina (OLP) e o primeiro Ministro israelí Yitzhak Rabin, subscribisen a Declaración de Principios sobre as Disposicións relacionadas cun Goberno Autónomo Provisional, tamén coñecida como “Acordos de Oslo” .

Era o 13 de setembro de 1993. A OLP renunciou ao terrorismo e recoñeceu o dereito de Israel a existir en paz e este pola súa banda recoñeceu á OLP como representante lexítimo dos palestinos. As dúas partes acordaron o establecemento dun Autoridade Palestina que, no prazo dun quinquenio, asumiría as responsabilidades de goberno en Cisxordania e na Franxa de Gaza. Con posterioridade, estaba previsto que se tratasen temas como fronteiras, refuxiados e a situación da cidade de Xerusalén .

image 43
Firma dos Acordos de Oslo. De esquerda a dereita: Isaac Rabin, Bill Clinton e Yasser Arafat.
Fonte: http://www.rtve.es/alacarta/videos/telediario/se-cumplen-veinte-anos-acuerdos-oslo/2018366/

Tras a firma dos acordos, iniciouse de maneira progresiva o repregamento israelí dalgunhas zonas das que a OLP ía tomando o control. Paralelamente, os palestinos ían asumindo responsabilidades en ámbitos como a educación, a sanidade ou o pago de soldos a funcionarios. Todo iso realizábase baixo a permanente tutela israelí o que propiciaba sentimentos de frustración entre o pobo e os gobernantes palestinos xa que as posibilidades reais destes últimos dá aplicar a acción de goberno de maneira efectiva era moi limitada debido á permanente supervisión de Israel .

Contexto real no que se desenvolveron estas disposicións

Mohd ao-Jamali, diplomático iraquí declarou que o mapa que acompañou ao proxecto de partición de Palestina derivado da resolución 181 parecía “estar deseñado nun manicomio”. Os antecedentes da resolución 181 foron a “Declaración Balfour” de 1917 e o informe da denominada “Comisión Peel” de xullo de 1937.

A “Declaración Balfour”, datada o 2 de novembro de 1917 toma o seu nome do ministro de Relacións Exteriores británico Arthur James Balfour quen enviou unha misiva ao barón Lionel Walter Rothschild, un referente dos xudeus asentados en Gran Bretaña, na que lle facía saber que o Goberno británico era partidario do:

“(…) establecemento en Palestina dun fogar nacional para o pobo xudeu e fará uso dos seus mellores esforzos para facilitar a realización deste obxectivo, no entendido de que non se fará nada que poida prexudicar os dereitos civís e relixiosos das comunidades non xudías existentes en Palestina, nin os dereitos e o estatuto político de que gocen os xudeus en calquera outro país” .

Mesmo antes de 1937 Gran Bretaña xa propuxera varias fórmulas para a división de Palestina entre a poboación árabe e a xudía. Unha delas contemplaba a fundación dunha Estado Binacional, proposta rexeitada polos xudeus e unha división cantonal do territorio, a imitación do modelo helvético, proposta que non logrou a aprobación de ningunha das dúas partes .

O 7 de xullo de 1937 fíxose público o informe final da Palestine Royal Commission, máis coñecida como a “Comisión Peel”, debido ao apelido do autor, William R.W. Peel. Esta comisión foi creada para o estudo da situación do, por aquel entón, Mandato de Palestina tras iniciarse as revoltas árabes e formular unha serie de recomendacións sobre as medidas políticas a implementar por Gran Bretaña de fronte ao futuro.

Tras cualificar como “incompatibles” as aspiracións de palestinos e xudeus, a “Comisión Peel” recomendou a partición de Palestina en tres partes: un estado xudeu, un territorio baixo administración británica e un terceiro que sería anexado a Transxordania. O informe tamén incluía a recomendación da área Xerusalén- Belén así como un corredor que a conectase con Jaffa, quedasen baixo a autoridade dun novo Mandato .

En 1939, viu a luz un novo informe británico, o denominado MacDonald White Paper, o “Libro Branco”, no que se apostaba por unha Palestina independente cuxo goberno recaería conxuntamente a árabes e xudeus ademais de establecer unha limitación no fluxo de inmigración xudía ao territorio.

Nesa rexión, a poboación de orixe xudía pasara de 56.000 persoas antes da Primeira Guerra Mundial a 608.000 no ano 1946. Estas circunstancias, unidas ao aumento de propiedades por parte dos xudeus así como os asentamentos, exacerbaron a tensión entre ambas comunidades facendo saltar polo aire, en moitas ocasións de maneira literal, a convivencia entre árabes e xudeu existente con anterioridade á “Declaración Balfour” .

Entre as cuestións que causaban maior fricción no texto da resolución era a partición en si mesma xa que ía obrigar á entrega forzosa dunha maior porcentaxe de terras á unha comunidade, a xudía, que nese momento tiña unha menor porcentaxe de poboación.

Outro punto importante era que se baseaba nunha recomendación:

Recomenda ao Reino Unido, como Potencia Mandataria de Palestina, e a todos os demais membros das Nacións Unidas, a adopción e aplicación, en relación co futuro goberno de Palestina, do Plan de Partición con Unión Económica…”

Ademais, “convidou os habitantes” de Palestina a poñer en práctica o plan e “exhortou” a Gobernos e pobos que non realizasen acción algunha que dificultasen esas “recomendacións”.

En base a iso, Faris O-Khouri representante de Siria ante a ONU afirmou o 9 de novembro: “A Asemblea Xeral non é un goberno mundial que poida ditar ordes, decidir a partición de Estados ou impoñer constitucións, nin normas, nin regulamentos e tratados sobre persoas sen o seu consentimento” .

O texto tamén poñía data límite á saída definitiva das forzas armadas británicas da rexión que sería “canto antes, pero en ningún caso despois do 1º de agosto de 1948”.

Nun momento no que a tensión ía crecendo exponencialmente, o 6 de febreiro de 1948, o Alto Comité Árabe dirixiuse ao Secretario Xeral das Nacións Unidas nuns termos que ao cabo resultaron premonitorios:

Os árabes de Palestina nunca recoñecerán a validez das recomendacións froito de extorsións para aprobar a partición nin á autoridade das Nacións Unidas para levalas a cabo” (…) “calquera intento por parte dos xudeus ou calquera potencia ou grupo de establecer un Estado xudeu en territorio árabe sería considerado como un acto de agresión ao que se opoñerá resistencia en defensa propia pola forza” .

O 14 de maio de 1948, un día antes de que expirase o mandato británico e en vésperas da festividade xudía do sabat, David Ben Gurion, anunciou a particular lectura que os xudeus fixeron do texto da Resolución 181, empregando termos non contidos no texto da ONU:

O 29 de novembro de 1947, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou unha resolución proclamando o establecemento do Estado xudeu en Erezt-Israel” .

Non houbo referencia algunha a Palestina e na única ocasión que se nomeaba aos árabes era para que participasen de maneira pacífica na construción do Estado de Israel, non nun propio:

Apelamos no medio do ataque emprendido contra nós desde hai meses aos habitantes árabes do pobo de Israel para que conserven a paz e participen na construción do Estado, nas bases de cidadanía plena e igual e representación correspondente en todas as súas institucións provisionais e permanentes”.

Ao día seguinte da proclamación oficial do Estado de Israel, o 15 de maio de 1948, desencadeouse o primeiro dos conflitos armados que ía enfrontar aos países árabes con Israel.

Segundo a intelixencia militar israelí (1948), entre decembro de 1947 e xuño de 1948, poucos meses antes de aprobarse a resolución 194, o 73% do éxodo palestino foi provocado por Israel, ben a través de operacións directas, de guerra psicolóxica, de ordes de expulsión explícitas ou por mor das accións de grupos terroristas como Irgun e Lehi . Unicamente un 5% dos refuxiados foi como consecuencia dos chamamentos dos árabes para retirarse, coa promesa, ao cabo fatua, dunha vitoria rápida .

A pesar das disposicións da resolución 194 da ONU, os palestinos, expulsados de forma masiva non puideron regresar nin se recibiron compensación algunha a pesar de que tales premisas así foran recollidas na resolución das Nacións Unidas.

image 44
Distribución de refuxiados palestinos rexistrados por la UNRWA.
Fonte: http://www.mediterraneosur.es/prensa/li_ninnosdestierro.html

A vista do complicado da situación dos refuxiados palestinos a ONU creou a Axencia de Nacións Unidas para os refuxiados de Palestina, UNWRA. Nun primeiro momento o organismo tiña establecido un mandato para un período de tres anos, empezando a súa actividade o 1 de maio de 1950. Nese lapso de tempo prevíase que se cumprise o acordado na resolución 194 da ONU. Pola vía dos feitos este período prolongouse durante décadas chegando a UNWRA a ser cuestionada na actualidade tanto por Israel como por EE.UU .

Por unha banda os refuxiados palestinos negáronse a ser reasentados e por parte de Israel impediuse o seu retorno aos seus lugares de orixe, moitos dos cales, foran destruídos no seu maior parte .

O contido da resolución 194 volveu ser tratado na sede da ONU o 11 de maio de 1949, data na que Israel foi admitido como membro das Nacións Unidas. No preámbulo da resolución en mediante a cal Israel era admitido como membro, había unha referencia específica aos seus compromisos para cumprir as resolucións 194 e a 181 aínda que esa especificidade non quedou tan clara na parte final do documento:

Decide que Israel é un Estado amante da paz que acepta as obrigacións consignadas na Carta, está capacitado para cumprir as devanditas obrigacións e áchase disposto a facelo

Henry Kissinger afirmou no seu día que o “mellor” da resolución 242 era a súa “ambigüidade construtiva”. Estas declaracións estaban sustentadas ás diferenzas existentes entre o texto en versión inglesa (from territories) e o redactado en lingua francesa (des territoires), concretamente no relativo á retirada israelí.

A postura de Kissinger permitiu a Israel establecer unha posición segundo a cal, o texto das Nacións Unidas obrigáballe a retirase dunha parte dos territorios, non considerando estes territorios como ocupados senón “en litixio”. En base a esa premisa, é a Israel a quen unicamente corresponde a decisión de cales son os territorios que debe abandonar todo iso en función do que considera o seu dereito a “fronteiras defendibles” e as súas esixencias como Estado xudeu e fogar de retorno para a poboación xudía no estranxeiro .

Israel defendía a anexión de territorios no contexto do conflito bélico desde unha postura catro menos contraditoria ao considerar que o apartado da resolución relativo á devolución territorial unicamente era de aplicación para os “atacantes”, epígrafe no que Israel recollía aos países árabes que tomaron parte no guerra e non para os “defensores”, isto é, eles mesmos. A contradición parece bastante evidente xa que, por unha banda as hostilidades desátaas Israel ao por en marcha accións como un ataque preventivo o que desdibuxa o seu papel de “defensor” e por outro os “atacantes” árabes non conseguiron territorio algún no conflito .

A resolución 242 (que contiña é o seu preámbulo a 181 e a 194) foi citada na 338 mediante a cal se instaba ás partes para aplicar “inmediatamente” a resolución 242 en “todas as súas partes”. A pesar de que a resolución foi aprobada por unanimidade, a resposta da OLP (Organización para a Liberación de Palestina) foi de rexeitamento frontal ao considerar que non tiña presentes os intereses da poboación de Palestina e Israel, como en ocasións anteriores, ignorou o seu cumprimento .

A resolución 338 seguiu mantendo a retórica de anteriores documentos da ONU “instando as partes” ao seu cumprimento. Esta resolución discorreu paralela no tempo á chamada “Guerra do Petróleo” que, a teor dos resultados tivo un impacto máis efectivo que as resolucións da ONU. A finais de 1973 os países árabes produtores de crú decretaron un embargo contra varios países entre os que se incluía Estados Unidos cuxa consecuencia directa foi que o barril de petróleo pasou a custar o triplo do seu valor. A Casa Branca mostrou a súa disposición de presionar a Israel para que se retirase do Sinaí a cambio do afastamento exipcio da órbita da URRS. Como consecuencia diso, Israel abandonou os territorios gañados na Guerra do Yom Kippur .

Os Acordos de Oslo supuxeron un verdadeiro fito na historia das relacións palestino-israelís aínda que na súa redacción contiñan apartados susceptibles de ser suxeitos da “ambigüidade construtiva” que parece rexer a interpretación israelí de diferentes resolucións e acordos. Neste epígrafe podía encaixarse unha parte do Artigo VIII (referido a Orde Pública e Seguridade) que di:

Para garantir a orde pública e a seguridade interna dos palestinos en Cisxordania e a Franxa de Gaza, o Consello establecerá unha forza policial, mentres Israel continuará sendo responsable da defensa contra as ameazas externas, así como da seguridade en xeral dos israelís, para o propósito de salvagardar a súa seguridade interna e orde pública” .

Ao non quedar definidas con claridade as chamadas “ameazas externas” nas que ben poderían quedar incluídas as provenientes ao lado palestino quedando a criterio de Israel a interpretación das mesmas e á o falar de salvagardar “a seguridade en xeral dos israelís” Israel de facto estaba facultado para emprender de maneira unilateral calquera acción militar.

Cando se aplicaron os puntos do chamado Oslo II, tamén xurdiron os planos que deberían servir de guía para a partición do territorio palestino ao dividir Cisxordania en tres zonas (A, B e C). A primeira de control exclusivo palestino, a segunda baixo control compartido, aínda que reservándose Israel o dereito de penetrar na mesma sempre que aducise motivos relacionados co terrorismo e a terceira baixo control total israelí.

Na práctica non existe continuidade territorial entre as zonas A, B e C e a política israelí de garantir seguridade a todos os seus cidadáns, incluíndo aos que residen en colonias situadas en territorios en disputa, fan que a aplicación destes acordos nunca se chegase a materializar do todo e que fosen motivo de confrontacións .

Conclusión

Unha visión de conxunto de todos os textos legais anteriormente citados deixa entrever un panorama canto menos pouco esperanzador.

Ao longo de todas estas décadas Israel negouse de maneira sistemática ao cumprimento das resolucións da ONU. Un exemplo paradigmático disto último é a cuestión do dereito ao retorno dos refuxiados, un dereito que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas ven repetindo de maneira reiterada. Outro tanto ocorreu coas preto de 90 resolucións emitidas polo Consello de Seguridade relativas á ocupación israelí de territorio palestino que foron incumpridas practicamente na súa totalidade.

A “ambigüidade construtiva” empregada por Israel na interpretación de resolucións que “instan” ou “convidan” pero que nunca “ordenan” nin moito menos “sancionan”. Todo isto, unido ao sistema de veto dos membros permanentes do Consello de Seguridade (EEUU, Rusia, China, Francia e Reino Unido), fan pouco realista a percepción de que na zona vaian producir cambios a mellor.

A política exterior estadounidense respecto de Próximo Oriente ten un mimetismo tal cos intereses israelís que en ocasións resulta difícil distinguir o magen David (estrela de David) de calquera das estrelas que conforman a bandeira de EE.UU. Todo iso convida a pensar que non parece haber indicadores que permitan prever un cambio na tendencia israelí de aplicar dunha política de feitos consumados, co aval tácito ou explícito da Administración estadounidense toda vez que a cuestión do apoio a Israel é das poucas cousas que pode acordo aos partidos Demócrata e Republicano e que o 2024 é año electoral.

A situación medra en complexidade de maneira expoñencial se se suma que Israel ten o goberno más ultranacionalista e ultrarelixioso da súa historia cun primeiro ministro que goberna dende o lombo dun carro de combate Merkava sen ter en conta que un pobo, o palestino, maioritariamente xoven, oprimido é sen visións de futuro pode considerar que a esperanza dos desesperados é non contar con esperanza algunha.


Bibliografía